11:53 Venres, 24 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-10-2017

Nada debe ser ensinado que discuta a idea de termos sido sempre españois

Por que tanta ocultación da historia de Galiza?

Valorar (43)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



A vocación imperial do Estado español, como representación da España unha e indivisíbel, proxéctase contra os de dentro que, sendo diferentes, poden ou queren chegar a ser politicamente existentes. Fano tamén en aspectos que consideran fundamentais, como a escola, por exemplo.  Nada debe ser ensinado que discuta a idea de termos sido sempre españois. Tampouco nada debe dar pé a indicar ou insinuar que o proceso de construción de España  estivo presidido pola violencia e a opresión para dominar, afectando  en  etapas e de maneiras diferentes, a cada unha das nacións que integran o Estado español, sen teren sido nunca as dominantes. Nos últimos anos, e agora moito máis, escoitamos e lemos prédicas alporizadas contra a politización do ensino en Catalunya, causante, segundo os agresivos voceiros dun españolismo politicamente militante, dunha educación no  odio, rexeitamento e hostilidade contra todo o español alí. Naturalmente, arremeten contra o ensino da historia de Catalunya nas escolas catalás.  Este ensino  parece lóxico, tratándose dun pobo diferente, con dereito a coñecer o seu pasado, pois algo terá que ver co seu presente e coa formación de persoas informadas. Con este panorama, estou continuamente e preguntarme como habería que cualificar o que acontece na Galiza, onde máis do 95% da súa poboación, e en particular a máis nova, descoñece de onde vimos, que fomos, e como chegamos até aquí neste estado. Segundo parece, este si é un modelo educativo apropiado, que educa na formación de cidadáns conscientes. De que? Da súa propia realidade? Ou en mitos, mentiras, ocultacións e deformacións para mellor asentar unha españolización que consiste en renegar do que somos e adorar e admirar todo o alleo, para afondar e consolidar a idea de non termos existido nunca como pobo con vontade de ser  politicamente existente? Non coñezo un sistema educativo máis politizado que o de Galiza  no  afán de acoso, derrubo, ocultación e apropiación indebida do propio ao servizo de outros. O resultado é unha ignorancia histórica descomunal e   abafante sobre a propia Galiza na poboación, que actúa como un disolvente agresivo de calquera xerme de conciencia real sobre nós mesmos.

Vou poñer un exemplo de até onde chega a monstruosidade. A nivel social descoñécese como se produciu a separación de Portugal da Galiza, ou mellor de como a Galiza histórica ou Grande Galiza acabou por dividirse nunha parte ao Norte do Miño, a Galiza de hoxe, e a outra ao Sur do Miño, co nome de Portugal. Moito menos sabe que este fenómeno non se produciu nun día e tampouco de forma natural como se se tratar de dous países diferentes , con pobos diferentes e con clases dirixentes diferentes. Tanto é así que a inicial división estaba dentro dun sistema de vasalaxe feudal no que o formalmente rei de Portugal era vasalo do emperador Afonso VII, rei de Galiza, de León e de Castela (Un rei nado na Galiza, de lingua galego-portuguesa e que actuaba en consonancia cos Trava, que o educaran, unha casa nobiliaria moi poderosa aquén e alén do Miño). Abonde, para o obxectivo que perseguimos, aclarar que os  factores que conduciron a esta división feudal foron, inicialmente, superestruturais, pero dunha grande forza entón: a incompatibilidade de dúas sedes metropolitanas estaren  no mesmo reino, Santiago e Braga, coa natural rivalidade entre elas; a influencia das alianzas cos Condes de Borgoña e o Papado,  coa consideración da guerra contra o Islam como cruzada; a introdución da Orde de Cluny e a mudanza do rito relixioso para adecualo ao da Igrexa de Roma e os seus dogmas.

Porén, curiosamente, esta división foi considerada antinatural e digna de rectificación até, polo menos, o século XIV, con claridade, por unha boa porción da clases dirixente que podemos denominar galego-portuguesa e mesmo polas monarquías reinantes. Así, antes de morrer, Afonso VII, aconsellado por Fernán Peres de Trava, deixou estabelecido que o sucedese nos reinos de Galiza e León o seu fillo Fernando, educado aquí, e o no reino de Castela o seu outro fillo Sancho. A vontade do chamado Afonso VII emperador, pois todos os reinos hispánicos lle rendían vasalaxe feudal, casado por certo con Dona Berenguela, filla do Conde de Barcelona, era facilitar a reunificación de Galiza e Portugal, fortalecer o reino orixinario e desligalo de preocupacións  polo este. Efectivamente, imos asistir desde entón á etapa de maior esplendor do reino de Galiza, entre 1157 e 1230, en todas as ordes: artística, literaria, económica, científica e política.

O primeiro que fixo Fernando II, sempre  en consonancia cos Trava, foi casar coa filla de Afonso Henríques, rei de Portugal, Urraca, a súa curmá, en 1165, coa que tivo o futuro rei Afonso VIII. O seu matrimonio tivo que disolverse após dez anos de resistencia por imposición do Papa, que os excomungara pretextando  seren consanguíneos nun grao prohibido. Recorreu entón a casar con Tereixa, a neta do seu mentor, Fernán Peres de Trava, un home de mentalidade galego-portuguesa que a punto estivera de ser el o rei de Portugal, reafirmando así a continuidade da súa aposta política. Morta esta, casou cunha poderosa nobre que era señora de  Biscaia, Haro e Nájera, unha muller moi ambiciosa e intrigante, Urraca Lopez, filla de López Díaz de Haro. Fixo todo o que puido para ver se privaba o fillo de Urraca, a portuguesa,  e o rei Fernando II, o futuro Afonso VIII, do trono de Galiza e León. Quería que os herdeiros foran os que ela  tivera co monarca galego. Agachou mesmo o cadáver de Fernando II  para impedir que fose enterrado na catedral de Santiago, como era a súa vontade, pois consideraba que  o desexo tiña un alto valor simbólico. Non é difícil saber a que intereses seguía alén dos seus de nai ambiciosa.  Xa o creo que o tiña, simbólico e real. Os Trava, a nobreza galego-portuguesa, e mesmo o arcebispo de Santiago, Pedro Suárez de Deza, protexían o mozo que debía ser rei, o noso Afonso VIII, non IX, como di a historia españolista, converténdoo nun rei inserido na saga castelá ou española. El encargouse de que a vontade paterna se cumprise, e foi Fernando II enterrado na catedral de Compostela, que  tanto axudara a que avanzase a súa construción, vendo rematado en 1188 o seu Pórtico da Gloria.

Afonso VIII casou tamén cunha princesa portuguesa, a súa curmá, Tereixa Sánches, de  16 anos, filla maior de Sancho I de Portugal, sendo celebrada a voda en Guimarâes o 15 de febreiro de 1191.  Desta vez a reacción da Curia Romana aínda foi máis virulenta, esporeada ademais por denuncia clara e manifesta do rei de Castela que denominan Afonso VIII, en puridade debía ser I ou como moito III. O Papa esixe a nulidade aplicando, do contrario, non só a excomuñón dos implicados senón declarando interditos os reinos. Tiveron que separarse en 1196, pois semellante pauliña excedía as persoas creando un clima de desestabilización nos reinos. A hostilidade contra o noso Afonso VIII por parte do Papado era de tal calibre que chegou a conceder indulxencias iguais ás da guerra santa a quen combatese contra el. Non parece que houber, pois, só motivos de desobediencia dunha prohibición, en principio, civil e non eclesiástica.  Alén da súa proclividade portuguesa e anticastelán, había máis: unha estratexia do noso rei contraria a considerar a loita contra o musulmán unha cruzada, e mesmo ser favorábel a comerciar e relacionarse con este mundo en todos os aspectos. Chegou a manifestas alianzas con ese mundo, en particular co emir Yacub ben Yusuf, en 1195, provocando unha bula de Celestino III que incitaba o rei de Portugal a  roubar todo o que se puider de Galiza. Afonso VIII  non participou na batalla de Alarcos, ese desastre cristián provocado polas provocacións de fantoche do Afonso de Castela nin tampouco nas Navas de Tolosa, en 1212, que tanto celebra esa visión mítica do que denominan Reconquista.

Non deixou o noso Afonso VIII de probar a aproximación a Afonso de Castela, unha vez separado por imposición papal da infanta portuguesa, casando coa súa filla Berenguela, cun grao consanguineo tamén prohibido. Acabou por ser disolvido por sentencia apostólica  pero con maior benevolencia e comprensión que a forma de actuar co matrimonio de Afonso con Tereixa de Portugal...As mulleres barragáns da alta clase social do noso Afonso foron sempre galego-portuguesas, dos Soverosa e dos Martíns da Silva, entre outras, casas nas que a poesía trobadoresca,  a identificación cos dous reinos , a identidade coa mesma lingua, a mesma cultura,  e unhas relacións grupais interdependentes, creaban un sentido de comunidade de intereses, que non coñecía fronteira. Cando morre o 24 de setembro, en Sarria, de volta da Transerra, o que hoxe é Estremadura, Afonso deixaba ben atado o futuro do reino para continuar na mesma liña. Morto o seu fillo Fernando, algúns din que envelenado pola súa madrasta, a castelá Berenguela,  habido coa infanta portuguesa, o seu preferido, tamén un rapaz de vocación e identificación galego-portuguesa, deixaba establecido que a sucesión recaera nas súas fillas, tamén tidas con Tareixa de Portugal,  Sancha e Dulce, chegando a asinar nesta dirección mesmo un Tratado con Portugal, o de Baroncelli. 

Malia tanta previsión e cautela, as presións papais e eclesiásticas, e as promesas feitas aos opositores e a intimidación das infantas afectadas e a súa nai, conduciron á súa renuncia ao trono de Galiza e León, que pasou a ser ocupado por un fillo de Afonso VIII e Berenguela de Castela, o coñecido por Fernando III el Santo, de inclinación claramente castelanista. Foi un acordo pacífico, xustificado para evitar unha guerra, cunha concordia entre as partes, celebrada en Valença do Miño, confirmada polo Papa. A partir deste momento iniciouse unha nova fase na historia de Galiza, na que  a estratexia de unidade con Portugal debeu ser asumida en exclusiva por unha parte da clase dirixente que se seguía considerando galego-portuguesa, xogando non só no campo da política portuguesa, senón tamén   nun campo alleo e hostil a esta estratexia, o do reino de Castela, de clara vocación hexemonista.

En todo casos, Fernando II e Afonso VIII defenderon esta estratexia, ao tempo que desenvolvían unha vida comercial moi activa, con foros para promover vilas na costa e no interior, cunha grande actividade de burgueses, comerciantes, artesáns, producíndose movementos populares e protestas para mellorar os dereitos dos concellos, avanzando o que vai ser a historia posterior, a alianza nacional e popular entre unha parte da clase dirixente e a burguesía das vilas na segunda metade do século XIV arredor da estratexia de unidade con Portugal e da defensa do comercio atlántico.

Fernando e Afonso están soterrados na catedral de Santiago. As súas tumbas permanecen alí, nun denominado Panteón Real á vez que das Reliquias, aínda que non no lugar orixinario. Mostran o desleixo no que están, polo que pasaron, o descoido, o maltrato, a desconsideración de que foron vítimas, e aínda son. Parece ser que as indicacións están trabucadas: a de Fernando é a de Afonso e a de Afonso é a de Fernando. Un deles estaba sen cabeza, pois lle fora amputada, colocándolle unha máis recente. A tumba dun suposto  Raimundo de Borgoña que os acompaña parece ser que realmente é a de Fernando, o fillo de Afonso e a infanta portuguesa, tan querido, e posibelmente envelenado por Berenguela de Castela. Está tamén a da outra Berenguela, a muller de Afonso VII, a filla do Conde de Barcelona, nai de Fernando II e avoa de Afonso VIII, que  desexou ser enterrada en Compostela.

Podemos dicir que estamos perante un panteón real e familiar, malamente conservado, que pasou por avatares e pasa por  indiferenzas que indican que, para quen controla este noso país, é mellor a ignorancia e o desprezo polo noso, que o pobo descubra o que fomos e aspiramos a ser. Esta historia está interdita, nunca mellor dito, para nós os galegos. Causa estupor e pasmo ver como se visita a catedral de Santiago ou a mostra do Mestre Mateo ou o Pórtico da Gloria cando renaza restaurado e non se mente para nada na información que se fornece que alí están os dous reis galegos que representaron a vontade política e cultural de simbolizar o poder do reino nesas manifestacións artísticas que aínda hoxe nos seguen impresionando.  Agóchase a mantenta que as provocou, por que, e para que, eliminando todo o contexto no que se produciron: o reino da Galiza dos séculos XII e XIII. E así con todo. Como denominar está política?


[25-10-2017 15:38] Antón comentou:

Unbclaro signo da españolización é o emprego, por parte do articulista, da prrífrase verbo ter+infinitivo como tradución dos tempos verbais compostos do español que están asentados no seu campo lingüístico. Xa nada máis comezar a súa exposición principia cun horrendo "termos sido sempre españois". Isto é unha clarísima tradución literal do castelán "hemos sido siemore español". Calquera galegofalante de nación ou paleofalante diría "a idea de que sempre fomos españois" ou " a idea de sermos dende sempre españois". O resto do artigo está inzado destas construcións incorrectas. Ignórase que a perífrase citada só se emprega en galego para indicar accións reoetidas ao longo do tempo "téñote visto moito oor aquí", pero non como correspondente calquera tempo verbal composto do español. Ben é certo que n portugués actual se tende a abusar destas perífrases, oero o autor non é reintegracionista. Polo tanto non ten sentido ningún usala. Polo demais concordo completamente coa súa tese.

[24-10-2017 12:14] Abelardo Xosé del Caño Varela comentou:

Pois imperialismo "a"cultural, como se non?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal