12:10 Venres, 24 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-10-2017

A literatura toponímica usual, leva a orixe do nome ao que resoa coma mais obvio: un derivado do mítico cuadrúpedo, o TOURO

A praza do Toural e a vila de Touro : pouco ou “ren” a ver cos touros

Valorar (12)

CÉSAR VARELA GARCÍA



O nome de  TOURAL  designa non só a coñecida praza compostelán, senón que é o nome dunha chea de lugares que se instalaron por o País adiante.

Tamén aparece este nome como, TORAL, na viciña Asturias e resoa nos nosos ouvidos , os TOURAL DOS BAOS ou TOURAL DE MERAIO  do entrañável  BERZO.

A literatura toponímica usual, leva a orixe do nome ao que resoa coma mais obvio: un derivado do mítico cuadrúpedo, o TOURO ; ou mais ben, o TAURUS latino.

Para estos autores, un TOURAL sería un lugar onde se celebraban touradas ou feiras de gando vacuno.

Estes mismos toponimistas, entenden o grupo de TOURIÑO, TOURIÑÁN ou TOURIÑAO como nomes de antigos posesores ,procedendo  todos dun latino TAURINUS; e ainda salvan, para lugares altos e montesíos, a posibilidade dunha derivación dunha suposta  palabra pre-latina , TOR, co significado de altura ou elevación.

A nosa suspeita é que o TAURUS latino non debeu ser usado gran cousa no mundo popular galego.

Sabemos da Festa do BOI de Allariz e das Achegas de BOIS das fregresias raianas con Portugal, que nunca usaron a palabra “touro”para designar ao animal centro do espectáculo.

Certo que houbo touradas estilo español que se celebraban puntualmente , en algunha vila, por patrocinio de algún señor de estirpe castellana, e iso desde os séculos XVI  ou XVII.

Nada debe ter ise costume esporádico cos nomes de TOURAL que nos veñen dende os primeiros séculos da Idade Média.

Os machos das vacas, na nosa Terra, son e sempre foron chamados de, BOIS.

Como entender pois, ise nome de TOURAL que inza por todo o País ?

Velaí a nosa interpretación de semellante feito:

O mesmo que hoxe, debería haber en todas as vilas, un lugar adicado ao aparcamento das viaturas daqueles tempos, que serían as cabalarías e os carros.

Os nosos devanceiros dispuxeron de facer uns curros ou corráis que ainda en México chaman de RODEOS, aludindo aos valados de pedra ou paus que contornaban o gando .

Nós, teorizamos , xa que non dispomos de documentación ao xeito,que un dos  nomes  escollidos para os “rodeos”galegos  foi o de, VOLTURAL ,aludindo á cerca en-volvente.

A evolución da palabra desde o latin ao galego,puido ter sido así : VOLTURAL  > UOUTURAL > TUOURAL > TOURAL

Ises TOURAIS, serían os aparcamentos onde paraban as cabalarias e os carros de servicio da vila.

O chafariz colocado no medio do TOURAL, cumpliría o mesmo papel que as gasolineiras dos nosos tempos; fornecía de abondosa água para manter ás bestas en forma.

Esta é a faciana que ainda hoxe nos presenta a compostelana praza do TOURAL DE FAXEIRAS.

Como sostivemos noutro traballo, a PORTA FAXEIRA era a  “FEIXEIRA “ ; onde deixaban os feixes de leña para quentar á vila, os camponeses do contorno, que logo imaxinamos aparcando na viciña praza do TOURAL, os seus carros, cabalos vacas e todo tipo de gando.

Pensamos que este debeu ser a orixe e o servicio de sonadas prazas das nosas vilas como a praza do COSTAL de Cangas ou o TAPAL de Noia; espacios de estacionamento para todo tipo de gando que, séculos despois, resultaba un lugar idóneo para a celebración de eventuais “touradas” ao estilo español.

Nun curro semellante, VOLTURO,  sairía  mediante , UOUTURO > TUOURO ; e daí a orixe da actual vila de TOURO.

A mesma orixe postulamos para TOURÓN, TOURODAL, TOURÍO e mesmo TOURIÑÁN . Eran montes onde debería haber o costume de encurralar o gando en semellantes “en-volturas” ou, TOUROS.

Ao fin o nome do curro alí instalado,remataba dando nome ao monte !


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal