12:44 Venres, 20 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-10-2017

Numerosas son as noticias que nos falan da regular presenza de Cándido Pieltain e a súa familia na Coruña e Rutis

Un militar liberal e Galicia: Cándido Pieltain Jove-Huergo (I)

Valorar (4)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



Nace o 2-12-1822 en Xixón, fillo de Luis Pieltain Suñé, de Barcelona, e de Inocencia Jove Huergo, de Xixón. Foron irmáns seus Antolín (mariscal de campo, morre en Madrid o 20-10-1884), Ricardo (coronel, morre en Cuba, de febre amarela, en setembro de 1857), Tomás (funcionario de Facenda), Lina (morre en Rutis, Culleredo, o 2-9-1909) e, probablemente, Luis (capitán graduado de 1º comandante en 1836). De todos os irmáns, o que deixou descendencia, tamén con fillos e mesmo netos militares, foi Antolín, casado con Julia Garriguez: Ricardo (tamén escritor na prensa), Antolín e Manuel (capitán, morto en Tetuán en 1925, pai do almirante Manuel Pieltain Moreno).    

A traxectoria militar e política


O 2-10-1834 ingresa como cadete no Exército, en Infantería, en Barcelona. En xaneiro de 1836 ascende a subtenente, o 3-3-1839 a tenente, o 16-11-1842 a capitán, o 21-8-1843 a 2º comandante  (Escenas Contemporáneas, Madrid, 15-1-1883) e un mes despois, a 1º comandante. (El Correo Militar, Madrid, 22-8-1888). Neste ano 1843 entrou ás ordes de Juan Prim Prats, chegando a ser xefe de estado maior dunha das brigadas que este mandaba. Será Cándido fervente seguidor de Prim, -no militar, no político e no ideolóxico-, así como moi bo amigo, ata a morte do reusense.  

O 19-11-1846 -destinado no rexemento Albufera nº 26-, ascende a tenente coronel. (El Español, Madrid, 27-11-1846). Ao longo destes primeiros anos, combateu aos carlistas en diversas localidades e cidades catalanas. Logo estivo destinado en Sevilla, Valencia, Castellón, Alicante, Zaragoza, Cáceres... Trascorrerían case oito anos ata que o 17-9-1854 acada o grao de coronel. (La Ilustración Nacional, Madrid, 30-8-1888). En 1857 pasou a mandar o rexemento de disciplina do Fixo de Ceuta. (Escenas Contemporáneas, Madrid, 15-1-1883). Ao ano seguinte (2-3-1858), é destinado ao rexemento do Príncipe nº 3 da Coruña. (El Mallorquín, Palma de Mallorca, 8-3-1858).

A chegada á Coruña marcará definitivamente o destino da súa vida, como logo veremos.  

O 7-11-1859 embarca na Coruña cara África, integrándose na 1ª división de reserva ao mando de Prim. Participa en varias accións, a maioría baixo o mando do citado xeneral: entre elas, a batalla de Los Castillejos (1-1-1860), onde, ferido de gravidade nun brazo, continuou combatendo á fronte dos seus soldados máis de media hora, ata que finalizou o combate. Polo seu valor, foi ascendido a brigadier. (Escenas Contemporáneas, Madrid, 15-1-1883).  

Regresa a Coruña e segue ao mando do Príncipe n.º 3 ata o 12-1-1862, no que queda en situación de cuartel; chegaran tempos de gobernos conservadores. (La Época, Madrid, 19-2-1862). Seguirá nesta situación ata moi avanzado 1868, cando se suma á Revolución. En outubro de 1868 ascende a mariscal de campo, sendo nomeado o 12-10-1868 capitán xeneral de Aragón (Escenas Contemporáneas, Madrid, 15-1-1883) e ao mes seguinte, o 17-11-1868, de Galicia, por Juan Prim, ministro de Guerra. (Gaceta de Madrid, 8-11-1868). Nos sucesos da Coruña do 14-10-1869, cando o gobernador civil mandou reprimir, mesmo a tiros, aos manifestantes que protestaban en defensa duns republicanos conducidos a prisión, Cándido, armado simplemente co seu bastón de mando, e acompañado só dun axudante, abriuse camiño no tumulto ordenando a policías e carabineiros que non disparasen. A pesar de recibir moitas pedradas, algunha de consideración, seguiu insistindo nas mesmas ordes, evitando un derramamento de sangue. O médico republicano federal Ramón Pérez Costales, que criticara no pasado unhas palabras de Pieltain que consideraba pouco axeitadas, felicitouno publicamente por esta acción:  

“Aquí solo ha habido un héroe, un hombre digno y pundonoroso y una autoridad sensata. [...] No debo extenderme en su merecido elogio, porque hay personas ruines se le traducirían villanamente; pero yo debo decirle a este hombre atropellado, insultado y apedreado y que sin embargo sigue gritando “no tirar”, debo decirle por lo mismo: “Bravo, general; así se portan los valientes y los liberales”. (Xosé Alfeirán Rodríguez, Ana Romero Masiá: Republicanismo coruñés. Aproximación histórica e selección documental, 1868-1936, Concello da Coruña, A Coruña, 2001, páxs. 52-54, tomándoo do libro do médico asturiano Apuntes para la historia, A Coruña, 1869).  

Nun bando impreso, de 17-12-1869, Cándido Pieltain, capitán xeneral de Galicia, informa que tendo decretado as Cortes constituíntes o restablecemento das garantías constitucionais, acordara levantar o estado de guerra na provincia, manifestando a súa satisfacción "por no haber tenido que tomar medida alguna estraordinaria en el periodo que hemos atravesado".    

O 3-1-1870 é nomeado capitán xeneral de Valencia. (Altar y Trono, Madrid, 5-1-1870). Aquí tivo que facer fronte a un andacio de febre amarela, ordeando as tropas saír da guarnición e acantonarse nas vilas do entorno da cidade, establecéndose cordóns sanitarios, abríndose un lazareto, etc., conseguíndose controlar a epidemia. (Federico Martínez Roda: Valencia y las Valencias: su historia contemporánea (1800-1975), Fundacion Universitaria San Pablo CEU, Valencia, 1998).  

Un ano despois, o 6-1-1871, é nomeado subsecretario do Ministerio de Guerra (Gaceta de Madrid, 7-1-1871), sendo entre o 13-19 de marzo, por ausencia do titular, Francisco Serrano Domínguez) ministro da Guerra interino. (Gaceta de Madrid, 15-3-1871 e 21-03-1871).    

O 28-2-1871 é ascendido a tenente xeneral. (Gaceta de Madrid, 3-3-1871). O 1-5-1871, tendo regresado Pieltain á corte, volve encargarse da subsecretaría de Guerra. (Gaceta de Madrid, 3-5-1871). Uns meses despois, o 30-7-1871, é nomeado director xeral de Infantería (Gaceta de Madrid, 1-8-1871), permanecendo no cargo ata febreiro de 1872, cando é designado, o día 14, capitán xeneral de Castilla la Nueva (Gaceta de Madrid, 15-2-1872), aceptándoselle a dimisión, por razóns de saúde, o día 22. (La Independencia Española, Madrid, 23-2-1872).    

O 19-6-1872 é director xeral da Garda Civil (Gaceta de Madrid, 20-6-1872), na que impuxo o uso duns uniformes moito máis funcionais, "os da República", que volverían cambiar na Restauración. O 25-3-1873 o goberno da República noméao capitán xeneral, gobernador superior civil e xeneral en xefe do Exército da Illa de Cuba (Gaceta de Madrid, 26-3-1873). Recibido con receo tanto polos sectores reaccionarios da illa como polos xefes militares, terá serios problemas para aplicar o ideario da República que tiña encomendado, entre o que destacaba a abolición da escravitude. Ademais, estaba sosténdose unha guerra contra o movemento independentista. Decepcionado co goberno, que adiaba algunhas medidas que propugnaba, presenta a dimisión, aceptándoselle o 22-9-1873 (Gaceta de Madrid, 24-9-1873). Os citados sectores conservadores, e alguns militares e políticos, criticarán a súa xestión, abríndoselle un proceso de residencia que culminará coa súa absolución o 6-11-1880. (Gaceta de Madrid, 15-1-1881). (Cándido Pieltain mantivo durante anos un silencio absoluto sobre o acontecido en Cuba e as acusacións que lle fixeran. Pero en 1879 relatará a súa experiencia, de maneira documentada, no seu libro La Isla de Cuba desde mediados de abril a fines de octubre de 1873, publicado en Madrid).  

O 28-9-1874 é nomeado capitán xeneral das Provincias Vascongadas e xefe do 2º Corpo do Exército do Norte (Gaceta de Madrid, 29-9-1874), dimitindo do cargo a finais de ano, aceptándose o 3-1-1875. (Gaceta de Madrid, 4-1-1875).    

Coa chegada da Restauración, queda en cuartel varios anos. O 17-6-1876 concédenlle tres meses de licencia en Galicia. (Diario Oficial de Avisos, Madrid, 10-7-1876). Mais, de novo cos liberais no poder, o 4-7-1881 é nomeado director xeral de Enxeñeiros. (Gaceta de Madrid, 5-7-1881). En novembro 1884 a autorízase a súa residencia en Madrid, en situación de cuartel.  

O seu derradeiro cargo foi o de presidente do Consello Supremo de Guerra e Mariña, para o que foi designado o 10-2-1886. (Gaceta de Madrid, 11-2-1886). Votará contra dunha disposición do goberno (co que estaba identificado ideolóxicamente), e dimitirá, aceptándose o 24-3-1887. (Gaceta de Madrid, 25-3-1887).  

No ámbito da política, en 1871-1872 é deputado por Madrid. (www.congreso.es). Será logo senador pola provincia da Coruña: 1872-1873, 1872-1873 [2º-período], 1881-1882, 1882-1883, 1883-1884, 1886, 1887, 1887-1888. (www.senado.es; Xosé R. Barreiro Fernández (coordenador xeral): Parlamentarios de Galicia. Biografías de deputados e senadores (1810-2001), 2 vols., Santiago, 2001, I, p. 514). Precisamente na súa primeira etapa de senador, formará parte dunha comisión de representantes galegos "de procedencia radical", que acordaran, nunha xuntanza á que acudiran unhas 30 persoas, velar activamente polos intereses das provincias galegas. Da comisión, presidida por Mosquera, formaban parte Pieltain (Coruña), Montero Ríos (Pontevedra) e Juan Manuel Pereira (Ourense), sendo o secretario Otero Pillado (Lugo). (El Eco de Galicia, Lugo, 20-2-1873). Pola súa banda, Barreiro destaca que participou con certa asiduidade nas comisións do Senado, especialmente na lexislatura de 1881 a 1882. Foi membro das Comisións de Estado Maior e de Organización do Exército e presidiu unha comisión sobre recrutamento e quintas no Exército.  

Cándido Pieltain Jove-Huergo falece en Madrid o 21-8-1888. Estaba en posesión da Cruz de San Fernando de 1ª clase, Encomenda de Carlos III, Gran Cruz de Isabel la Católica, Gran Cruz do Mérito Militar e Gran Cruz de San Hermenexildo.  

Pieltain, masón?
 

Nos estatutos da Institución Libre de Ensinanza, aprobados interinamente pola Xunta Xeral de Suscritores o 31 de maio e autorizados por Real Orde do 16-8-1876, aparece o tenente xeneral Cándido Pieltain, en Madrid, como accionista da ILE, con dúas accións. (Antonio Jiménez-Landi: La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente. Tomo I: Los orígenes de la Institución, Madrid 1996, p. 519). Pola súa parte Miguel Morayta Sagrario, Gran Mestre do Gran Oriente Español, na páxina 215 do seu libro Masonería Española. Páginas de su historia, Madrid, 1915, cando fala das personaxes importantes do Sexenio inclúe a “José Pieltain” como masón (obviamente, o de José é un erro). De aí que outros estudosos defendan a filiación masónica de  Pieltain. (Pedro Álvarez Lázaro: "Krausistas, institucionistas y masones en la España del siglo XIX", pp: 131-170, en Pedro Álvarez Lázaro e José Manuel Vázquez-Romero (eds.): Krause, Giner y la Institución Libre de Enseñanza: nuevos estudios, Madrid, 2005, p. 168, ou José María Marco: Giner de los Ríos. Poder, Estética y Pedagogía. Las raíces de la izquierda española, Biblioteca online, 2012). Nada tería de estraño: moitos dos seus compañeiros militares o eran, entre eles o seu admirado Prim.

Cándido Pieltain Jove-Huergo

Matrimonio e fillos    

De regreso da guerra de África de 1860, Cándido casará neste ano, probablemente en Rutis ou Oza,  con Antonia Bartolí Lista, nacida en Santa María de Oza ca. 1842, filla do facendado José María Bartolí Bartolí (nacido en Vilanova y la Geltrú en 1813 e falecido na Coruña o 10-6-1859) e de Fermina Lista León, de orixe máis humilde (nacida en Santa María de Oza ca. 1824 e falecida en Rutis o 2-10-1879). Se ben no padrón de habitantes da Coruña de 1859 Cándido non aparece, si o fai no de 1860, residindo coa súa esposa, sogra e persoal de servizo, no Cantón de Lacy nº 10. O pai de Antonia era fillo dun conflitivo comerciante nacido en Vilanova y la Geltrú e asentado na Coruña, Antonio Bartolí, e de Antonia Bartolí Vidal, sobriña del, da mesma localidade. Por padróns e noticias xudiciais sabemos que tivo outros irmáns: Antonio, Pedro e Rita. O vello Bartolí, ademais de labores comerciais de manter numerosos contenciosos coa dirección do Real Consulado coruñés e outros comerciantes, tivo unha patente de corso e chegou a impulsar unha expedición de tráfico de escravos. Acumularía unha considerable fortuna, con numerosas propiedades inmobiliarias tanto na Coruña como na súa comarca; entre elas, moitas no que sería, co tempo, o concello de Culleredo. (Para a traxectoria de Antonio Bartolí remitimos ao libro de Consuelo Mariño Bobillo, La Coruña bajo el reinado de Fernando VII. La burguesía comercial, A Coruña, 2009).  

Nunha das súas parroquias, a de Rutis, residirían os seus fillos José María e Antonio (alférez abandeirado da plana maior do rexemento de Milicias do entón chamado Distrito de Alvedro  (Arquivo Municipal de Culleredo, Libros de Actas, 1836, sesión do 4-11-1836) e máis tarde deputado provincial por Ordes. (El Iris de Galicia, A Coruña, 7 de xuño e 8 de agosto de 1857). Ambos os dous irmáns, que figuran nunha suscrición como residentes en Rutis, colaboraron económicamente na erección da nova igrexa parroquial de Almeiras (Culleredo), cuxa primeira pedra púxose en 1857. (Carlos Pereira Martínez: “As igrexas de Almeiras”, Esculca, n.º 4, 1998).

Cándido e Antonia terían oito fillos, que saibamos: os dous primeiros, José María e Fermina, probablemente nacidos en Rutis; os catro seguintes, Luis, Herminia, Antonia e Cándido, nacerían na Coruña; e os dous últimos, Antonio e Enrique, en Madrid.    

Pieltain e a Vila de Rutis
   

Numerosas son as noticias que nos falan da regular presenza de Cándido Pieltain e a súa familia na Coruña e Rutis. Vexamos algúns exemplos: chegou á Coruña o tenente xeneral Cándido Pieltain (El Diario de Santiago, Santiago, 23-7-1875); morreu en Vilaboa o hortelano da finca do xeneral Pieltain (El Diario de Santiago, Santiago, 7-8-1876); Fermina Lista León, a súa sogra, falece na Vila de Rutis o 3-10-1879 (cabodanos en La Correspondencia de España, Madrid, 16-10-1882 e 21-10-1883); en Rutis, fronte ás casas dos Segade existía outra, pertencente a Antonia Bartolí, esposa de Cándido, que alugaba por tempadas, “una vez que para su solaz y recreo posee otra mucho más superior en este pueblo” (Francisco Sandalio Fernández: “Recuerdos de Galicia (VIII)”, El Gallego, Bos Aires, 30-5-1880); a familia sofre un accidente na Ferro-carrilana, que envorcou entre Pedrafita e As Nogais, sufrindo Pieltain unha forte contusión na cabeza, a súa esposa feridas na cara e mans e a súa filla Fermina un forte golpe, botando algún sangue pola boca e tendo que gardar cama en Lugo; uns días despois, a familia xa estaba instalada na súa casa de Vilaboa (La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid, 18-7-1880); nun artigo titulado “De otra guerra. La batalla de los Castillejos”, José Millán Astray, tamén de familia materna de Rutis, rememora unha conversa mantida en 1880 co xeneral na súa finca de Vilaboa, na que este lembraba aquel suceso (La Libertad, Madrid, 7-8-1921); viaxa a Xixón coa súa familia, procedente das súas posesións de Vilaboa (La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid, 18-10-1880); estaba de vacacións na súa casa quinta de Vilaboa (El Correo Gallego, Ferrol, 22-7-1881); saía para Madrid sen a familia, que quedaba ata comezos de outubro “en su deliciosa quinta de Vilaboa” (Gaceta de Galicia, Santiago, 16-9-1881); Antonia Bartolí, autorizada polo seu esposo, vendía todas as fincas urbanas que posuía na Coruña e os seus arrabaldos; daba razón o propio Pieltain na súa casa de Vila Rutis (La Voz de Galicia, A Coruña, 10-8-1882); estaba en Vilaboa o xeneral Pieltain (La Voz de Galicia, A Coruña, 6-7-1886); saía para Madrid, coa familia, logo de pasar o verán en Rutis (El  Correo Gallego, Ferrol, 26-9-1886); menciónanse nunha subhasta, na parroquia de Rutis, no concello de Culleredo, entre outras propiedades o dereito real de catro ferrados e 20 cuartillos que pagaba Cándido Pieltain” (La Voz de Galicia, A Coruña, 20-1-1887); en Vilaboa agardaban a chegada, a finais de mes, da “distinguida familia del teniente general señor Pieltain” (Gaceta de Galicia, Santiago, 22-6-1888). Mesmo correu o rumor de se lle ía conceder un título nobiliario, “marqués de Villa-Rutis”, que nunca se concretou. (La ilustración cantábrica, Madrid, 28-6-1882).  

Fermina Pieltain Bartolí    

Deixaremos para a segunda parte deste traballo o devalar de sete dos fillos; ocuparémonos, agora, de Fermina porque, grazas a ela, a Vila de Rutis tería un nome no mundo científico español.    

Nace, probablemente en Rutis, o 28-5-1862. Pouco sabemos dela agás referencias en crónicas de sociedade, nas que se salienta que era “un tipo genuinamente gallego con toda la magestad de la belleza del Norte, alta, de formas redondas, de pelo abundantísimo, de hermoso semblante”. (El Liberal, Madrid, 8-9-1883; Escenas Contemporáneas, Madrid, 15-9-1883). Tamén o pai era alto.  

A súa vida cambiará cando, a comezos de setembro de 1889, case co conselleiro de Instrución Pública Ignacio Bolívar Urrutia. (La Época, Madrid, 6-9-1889). Quizais xa mantiña relacións con Fermina: no enterro do pai (22-8-1888), representou á familia.    

Para Ignacio, era o segundo matrimonio. Casara cunha curmá de Fermina, Pilar Pieltain Garriguez, filla dun irmán de Cándido, Antolín, tendo a parella tres fillos nacidos en Madrid: Pilar (que casaría co escritor republicano Luis de Tapia, e que, viúva, marcharía ao exilio mexicano cos seus fillos Daniel -editor e escritor- e Luis -profesor, director do Instituto Luis Vives en México-); Ignacio, médico e axudante do Laboratorio de radioctividade, que estudara na Facultade de Ciencias da Universidad Central; e José, mariño, que fora alumno das Facultades de Farmacia e de Ciencias (1898-1899). Pero, aos poucos anos, Ignacio enviuvou, casando máis tarde con Fermina, "que ha sabido siempre alentarle en sus trabajos y rodearle de dichas y felicidad, la hacen digna del mayor respeto, y seguramente todo lo que de su bondad, discreción y amable trato se pudiera decir, parecería poco para cuantos se honran con conocerla”. (Alberto Gomis Blanco: Ignacio Bolívar y las ciencias naturales en España, Madrid, ed. facsímile, 1988, p. 46, 65-66).  

Fermina, pois, fará de nai dos tres fillos do seu esposo. A eles unirase un froito común, Cándido Bolívar Pieltain, nacido en Madrid o 15-4-1897. Poucos meses despois do seu nacemento, a mediados de setembro, os seus pais, que pasaban o verán na casa-quinta da Vila de Rutis, sufriron un perigoso percance de regreso da Coruña, resultando feridos tanto o cocheiro coma Fermina. (La Correspondencia Gallega, Pontevedra, 16-9-1897). E é moi posible que foran eles os que asistiran  días antes a unha festa no pazo que erixira na Vilaboa Álvaro Torres Taboada, e na que exerceran de anfitrioas Emilia Pardo Bazán, a súa filla e a súa nai, amigas do propietario, e á que asistiron familias da aristocracia coruñesa. (La Época, Madrid, 7-9-1897).    

Estes veraneos na Vila de Rutis poden explicar, ademais da amizade e correspondencia que mantiña con Víctor López Seoane, que algúns insectos cuxa localización Ignacio Bolívar, relevante entomólogo, dá a coñecer en revistas científicas, aparezan citados como "Bolívar, Villa Rutis". Pero deste labor está recollido en numerosas publicacións, polo que non insistiremos. Remitimos, entre outras, a biografía incluída no Álbum da Ciencia do CCG, da autoría de Tino Fraga.  

Na segunda década no século XX Fermina manterá un longo contencioso coa Deputación da Coruña, que chegará ao Tribunal Supremo, na reivindicación dunha finca, chamada Ardeleiros, na "Huerta del General", ocupada pola Granxa Agrícola Experimental.    

En 1916 regalará unha interesante colección de obras de historia á biblioteca do Colexio Maior Ximénez de Cisneros de Madrid. (Catálogo de la Biblioteca del Colegio Mayor Ximénez de Cisneros. Fondo Histórico, 1773-1936. Universidad Complutense de Madrid,  Madrid, 2011, p. 25). Tamén era socia da Sociedade de Cursos e Conferencias da Residencia de Estudantes (outubro 1929-outubro 1930), xunto co seu esposo, o seu fillo Cándido e a súa nora Amelia Goyanes. (Isabel Pérez-Villanueva Tovar: La Residencia de Estudiantes: grupos universitarios y de señoritas, Madrid, 1910-1936, Madrid, 1990, p. 269).  

Coa derrota da República, Fermina, xunto coa familia e unha irmá de Ignacio, Ana María, exiliarase en México, falecendo moi pouco antes ca o seu home: nunha necrolóxica, menciónase que Ignacio estaba "amargado por la muerte, no ha mucho tiempo ocurrida, de la que fué su digna compañera, la Sra. Dª Fermina Pieltain de Bolívar”. (Arthur C. Baker, Ignacio González Guzmán e Manuel Márquez: "In Memoriam: Don Ignacio Bolívar Urrutia", Ciencia. Revista hispano-americana de Ciencias puras y aplicadas, vol. VI, n.º 3, México  D.F., 27-3-1945, pp: 97-100). Non chegaría a ver Fermina a fecunda traxectoria científica en México tanto do seu fillo Cándido coma do seu neto Ignacio Bolívar Goyanes e do seu bisneto Francisco Bolívar Zapata, premio "Príncipe de Asturias" de Investigación Científica e Técnica en 1991.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal