20:59 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-09-2017

O povo catalán vén demostrando que non o paran nin as ameazas, nin as multas, nin as detencións

Hoxe o povo catalán dá un novo paso adiante

Valorar (10)

DUARTE CORREA PIÑEIRO




Escrebo este artigo nas vésperas do 1 de outubro, data de celebración do referendo no que o povo catalán está dicindo co seu voto se quere ser independente ou non, por tanto non podo adiantar o que pase ou estea pasando nas cidades, vilas e aldeas de Catalunya; pero o que é indubidábel é que a meirande parte dos cataláns e as catalás teñen vontade de gobernar o seu futuro.

Ao longo dos últimos anos, e especialmente nas últimas semanas, as persoas que observabamos desde fóra o que acontecía en Catalunya, por interese político ou por sinxela curiosidade, coido que asistimos a unha lección de comportamento democrático por parte non só dos sectores comprometidos co proceso independentista, senón tamén por parte de outros sectores que non acreditando na independencia como alternativa manteñen o exercicio da democracia como un principio básico.


As rúas de Catalunya levan anos falando  e quen falan nas rúas hoxe empregarán tamén o voto para falar, e cando un povo decide falar non hai legalidade imposta que o pare.


Fronte a esa vontade de falar da maioría do povo catalán, partidarios e non partidarios da independencia, a resposta do estado foi a agardada. Non debemos botar as mans á cabeza pola reacción desmesurada de PP e PSOE que fixeron uso dos mecanismos represivos ao tempo que empregaban a ladaíña da “ilegalidade” como único argumento para tentar desvirtuar o 1 de outubro. Non debemos esquecer que uns e outros venderon unha democracia trucada en 1978 e  impediron o saneamento dos corpos represivos saídos do franquismo, basicamente xudicatura, forzas de orde e exército. Uns e outros por se non era suficiente empregaron e premiaron a quen exerceu a represión no franquismo, e hoxe, en pleno 2017 seguen ollando cara outro lado diante de quen fai apoloxía daquela ditadura sanguinaria e dos seus dirixentes.

O que entendo que poida resultar estraño a algunhas persoas é a actitude de quen hai menos de dous anos ían “asaltar os ceos” e falan aínda hoxe de rachar coa transición. Son quen lle din ao povo catalán que non se pode facer nada sen acordo previo do Parlamento Español, que un referendo non pactado non ten garantías e por tanto non se debe participar nel, e que a única saída está en  agardar a que eles estean na Moncloa. Pois cando cheguen ao poder no estado construirán unha España tan chupi guay que ninguén quererá exercer o dereito de autodeterminación e moito menos independizarse. Verdadeiramente, co intelixentes e estudados que son case todos eles, non entendo que non teñan perspectiva histórica para comprender que a meirande parte dos avances sociais ao longo da historia conseguíronse sen agardar o plácet do estado ou do estamento,  clase ou segmento social que exercía a opresión. A loita de liberación da muller, a revolución rusa, a independencia vietnamita, a loita contra a segregación racial, a descolonización, os dereitos laborais, o emprego do galego no ensino...; todos eses dereitos foron conquistados por medio da mobilización e caso de chegarse a un acordo foi despois de loitar e de desobedecer.

O povo catalán vén demostrando que non o paran nin as ameazas, nin as multas, nin as detencións, e moito menos as promesas propias de xogos infantís. Sexa como sexa a xornada de hoxe 1 de outubro nin Catalunya nin o estado español van ser iguais, o acceso de Catalunya á independencia será nuns días ou será nuns poucos anos, pero será.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal