20:59 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-09-2017

Ante nós preséntase a oportunidade de cuestionar os piares sobre os que se sustenta o ensino

Decidirmos nós sobre o noso ensino

Valorar (11)

INMA ALONSO RODRÍGUEZ



Neste novo comezo de curso, o foco das reivindicacións dos axentes da política española en materia de educación semella estar posto sobre a intención de seren partícipes do Pacto Nacional de Educación, un proxecto continuísta da LOMCE cuxas condicións están realmente en mans do Partido Popular. Do mesmo xeito que a comunidade educativa manifestou desde o primeiro momento un rexeitamento total á LOMCE, desde o nacionalismo galego dámoslle as costas a esta nova negociación unilateral e encuberta cuxos resultados afectarán directamente ao conxunto do estudantado e o profesorado. O noso obxectivo é ir un paso máis alá. Reclamamos a creación e implantación dunha lei educativa integral e propia, o cal non é ningunha novidade porque Catalunya e Euskal Herria, por exemplo, xa contan con ela. Non a precisamos unicamente para paliar os efectos da LOMCE, senón para que poida atender ás necesidades da comunidade educativa galega, permitindo que sexamos nós as deseñadoras do ensino que queremos. Queremos garantir unha lexislación educativa que conciba o ensino como unha ferramenta para a formación crítica do estudantado galego e  que remate dunha vez por todas coa precariedade educativa que deriva da escaseza de competencias para decidirmos sobre o que a nós mesmas nos afecta. A plena capacidade de Galiza para lexislar, organizar e desenvolver o sistema educativo en todos os niveis é un dos puntos que se inclúen nas Bases democráticas para unha nova Galiza que vén de presentar o BNG, recollendo unha reivindicación central dos sindicatos e organizacións estudantís nacionalistas.

Nunha época de parálise mobilizatoria propiciada polo propio sistema e polo carácter do escenario político estatal actual, as estudantes da Galiza seguimos saíndo á rúa. Foi a través da mobilización como logramos poñer sobre a mesa debates de tanto peso como a implantación da LOMCE, unha lei retrógrada que foi amplamente cuestionada pola comunidade educativa galega. Cuestionamos a LOMCE, mais tamén cuestionamos a falta de garantías para aprendermos na nosa lingua no ensino medio e na universidade e a pretensión de facer do ensino un método máis de homoxeneización e dominación ideolóxica. Saímos á rúa para denunciar o futuro incerto que reservan para nós, as estudantes, os poderes hexemónicos que moven as engranaxes do modelo de ensino no que estamos inseridas. Denunciamos o desmantelamento do ensino público, e o control que sobre el teñen as entidades financeiras.

Ante nós preséntase a oportunidade de cuestionar os piares sobre os que se sustenta o ensino. Queremos facelo a través dun proceso participativo que conte coas achegas de toda a comunidade educativa e teña como suxeito decisorio ás estudantes de Galiza. Analizarmos en profundidade que é realmente o que o noso ensino precisa, contando cos axentes que o viven de primeira man, é a base para construír un novo modelo que non só mude o espírito españolizador e neoliberal da LOMCE, senón que tamén solucione as carencias e dea resposta ás necesidades do ensino galego.

Ese é o obxectivo da campaña que vimos de iniciar desde Erguer. Estudantes da Galiza, que comeza con ducias de asembleas abertas en centros de ensino medio e universitario nas que recolleremos propostas para esa Lei Galega de Educación e analizaremos cales son as principais inquedanzas do estudantado. Estas asembleas culminarán cunha semana de Referendo no ensino, na que decenas de milleiros de estudantes votarán se consideran que a alternativa á LOMCE debe ser unha Lei Galega de Educación, e combinaranse coa loita na rúa, que sabemos que é o espazo no que se conquistan os dereitos. Mantermos un movemento estudantil activo na rúa e incidir no día a día do estudantado nos centros de ensino foron sempre as prioridades das organizacións estudantís nacionalistas; sermos vangarda e ofrecermos as alternativas –como é o caso desta Lei Galega de Educación–, pero sempre co obxectivo de exercer unha mudanza real no ensino a través da nosa acción.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal