20:09 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-09-2017

Bautista lembraba como fraude tras fraude se foi fraguando o réxime actual

27 de setembro: Bautista e a democracia

Valorar (17)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Na Semana Galega de Filosofía pedíronlle a Bautista que lle contara como fora a transición. El ironicamente respondeu: a min non me digas, eu non a vin porque pasei case todo o tempo na cadea.  Mais con esa resposta deixaba en evidencia o que foi a súa loita pola democracia e que foi o que venderon como tal democracia no canto da que el, e a maioría dos antifranquistas querían.

Bautista lembraba como fraude tras fraude se foi fraguando o réxime actual. Un réxime que repiten unha e outra vez que é o que nos temos dado pacificamente. Mais tamén nos recordou Bautista como o día que se inaugurou a primeira estatua a Castelao na Galiza, en Rianxo, pediulle aos promotores que suspenderan o acto ou ao menos dixeran algo polo que estaba acontecendo neses momentos. Referímonos ao 27 de setembro de 1975 no que eran fusilados dous galegos por ser antifranquistas (Humberto Baena e Sánchez Bravo). E lembraba con rabia Bautista como se negaron a abrir a boca polos dous rapaces que eran asasinados neses momentos. Calaron cando tiñan que falar, e agora que lle debería dar vergoña dicir nada aí estaban dando leccións aos demais.

Cando falan dos pais da Constitución e de como esta foi redactada tal se tratara de sagradas escrituras, insistía Bautista nun pequeno detalle e que deslexitimaba todo o proceso de redacción: As eleccións non foron convocadas para iso. Non foron unhas eleccións constituíntes. Foron para outra cousa e despois deron o cambiazo.

Bautista estaba alí. Tiñamos unha testemuña viva a que continuamente acudiamos para escoitar a outra versión. O relato oficial era desmontado cunha palabra súa, auténtica e directa, fronte aos que falaban de oídas. Bautista estaba alí. E onde estaban os outros? Un por un íalle lendo a cartilla. Porque el tomara nota aínda que calara publicamente moitos anos por iso de manter a unidade e sumar (nos últimos custáballe máis vendo a obscenidade dalgúns comportamentos políticos). Mais en privado non deixaba de advertirnos sobre tanta indignidade. E a verdade é que a moitos custábanos crelo até que o sufrimos.

Claro que hai que saber a quen se ten e con quen se conta, mais normalmente o que coñecemos dos demais é superficial pois as chamadas “intimidades” non aparecen nos xornais. Ao contrario, os xornais soen usarse precisamente para o contrario, para lavar imaxes, inventar pasados, crear líderes a partir da nada, vender motos...

Con Bautista perdemos unha fonte limpa na que coñecer a tradición de loita sobre a que nos sostemos fronte aos desmemoriadores e presentistas. A Bautista tocoulle sufrir unha última etapa da súa vida, nestes tempos, onde era un mérito non ter pasado (algo terían que ocultar os que lograron impoñer esta moda). Así, foi posíbel prohibir a homenaxe que se lle quixo facer en Nafarroa ás derradeiras vítimas de Franco ao consideralo como apoloxía do terrorismo. Á xente que non viviu aquelo nin sabe o significado que tiña é doado que se lle presente esta inversión de papeis. Mais os que valoramos as achegas e testemuña de Bautista non comungamos xa con eses calotes. A respecto do 27 de setembro, do que representou, do que foi e do que significa para entender o presente; nós temos información de primeira man. Nós tivemos o privilexio de coñecer a Bautista.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña