15:04 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2017

Pechadas todas as portas polo empecinamiento, xa non se trata de ter en conta a legalidade constitucional senón a democrática lexitimidade da sociedade para decidir

"Empecinamiento" español

Valorar (13)

EDUARDO ÁLVAREZ



A palabra empecinamiento non existe na nosa lingua. Temos vocábulos que se aproximan a este concepto, mais ningún que designe con tal precisión a actitude española que lle nega á sociedade catalá o dereito a decidir. Algúns destes empecinados esgrimen argumentos pseudo-históricos; outros decántanse polos emocionais e moitos, entre eles, o PSOE, Ciudadanos e o Partido Popular, co presidente do Goberno á cabeza, mantéñense nunha postura ancorada no dogma de que a sagrada Constitución impide radicalmente a celebración dunha consulta a través da que os cataláns manifesten libremente os seu desexos porque isto, afirman, atenta contra os principios da soberanía e da integridade territorial do Estado español. E este seu ritornelo vén sendo reiterado a eito por sisudos profesores constitucionalistas que nos medios de comunicación, e nas súas cátedras deduzo que tamén, divulgan argumentos carentes do rigor científico que deben reunir as análises procedentes das institucións académicas. Lonxe disto, como afirmou o por eles tan admirado teórico do positivismo xurídico Hans Kelsen, a maior parte dos comentarios que se consideran científicos son, en realidade, obras de política xurídica. Ao elixiren unha soa das interpretacións loxicamente posíbeis, tratan de exercer influencia no proceso de creación do Dereito inducindo os Tribunais e as autoridades administrativas a considerar que non hai outra interpretación posíbel.

A Constitución española clasifica en dous tipos os referendos: os consultivos (o do 92.1 e o do 149.1.32 en relación co 150.2) e os vinculantes (referidos á aprobación dos estatutos de autonomía e aos dous tipos de reforma da propia constitución). Os primeiros carecen de efectos xurídicos e serven tan só, como consultas populares que son, para coñecer a posición dos cidadáns sobre determinados asuntos.

O artigo 92.1 da Constitución indica que as decisións políticas de especial transcendencia poderán ser sometidas a referendo consultivo de todos os cidadáns. Alegan os empecinados aos que nos referimos que a aplicación deste artigo non pode circunscribirse tan só aos cataláns senón que afecta a todos os cidadáns do Estado debido á esixencia da interpretación literal do sintagma todos os cidadáns. Se admitimos esta interpretación, que non ten por que ser a única válida, ¿como é que, desde o ano 2012, foron excluídos do dereito á asistencia sanitaria os emigrantes galegos retornados que perciben unha pensión suíza e os inmigrantes sen papeis malia proclamar coa mesma literalidade o artigo 41 da Constitución que os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para todos os cidadáns que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade…?

O artigo 149.1.32 declara  como  competencia  exclusiva  do Estado  a  autorización  para  a  convocatoria  de  consultas  populares  por  vía  de   referendo. Mais o artigo 150.2 recoñece tamén que o Estado poderá transferir ou delegar nas Comunidades Autónomas, mediante lei orgánica, facultades correspondentes a materia de titularidade estatal que pola súa propia natureza sexan susceptíbeis de transferencia ou delegación. Verbo destes dous artigos, a interpretación dos empecinados limítase nuns casos a insistir en que por esta vía a  convocatoria dun referendo é inviábel xuridicamente; noutros casos, sentencian apodicticamente, como fai o eximio R. Blanco Valdés, que a competencia para convocar referendos é indelegable, tachando o artigo 150.2 de disparate xurídico e buraco negro da Constitución, artigo máis que confuso e que ata agora non se delegou nada que estea taxativamente atribuído ao Estado. Confusión e ausencia de precedentes convértense en sólidos argumentos de peso para o catedrático da USC. Mais nin estes artigos resultan confusos, -e de selo, ¿por que non interpretalos a favor da delegación ou da transferencia de competencia?- nin hai ausencia de precedentes, como moi ben ten que saber quen ostenta a condición de profesor universitario. ¿Por que esquece este constitucionalista, por exemplo entre outras moitas, a Lei Orgánica 6/1997, de 15 de decembro, de transferencia de competencias executivas en materia de tráfico e circulación de vehículos a motor á Comunidade Autónoma de Cataluña? Na súa exposición de motivos podemos ler que a competencia sobre tráfico e circulación de vehículos a motor atribúese ao Estado polo artigo 149.1.21.ª da Constitución… e que, por outra parte, o artigo 150.2 da propia Constitución habilita o Estado para transferir ou delegar nas Comunidades Autónomas, mediante lei orgánica, facultades correspondentes a materias de titularidade estatal que pola súa propia natureza sexan susceptibles de transferencia ou delegación.

Fotografía da última Diada

Outros constitucionalistas, pola contra, entre eles o xurista F. Rubio Llorente (asesor do relatorio que redactou a Constitución, membro do Tribunal Constitucional de 1980 a 1989 e Presidente do Consello do Estado desde 2004 a 2012), ofrecen interpretacións contrarias ás dos empecinados e consideran legal a celebración dunha consulta pactada: Se unha minoría territorializada, é dicir, non dispersa por todo o territorio do Estado, como sucede nalgúns países do Leste de Europa, senón concentrada nunha parte definida, delimitada administrativamente e coas dimensións e recursos necesarios para constituírse en Estado, desexa a independencia, o principio democrático impide opoñer a esta vontade obstáculos formais que poden ser eliminados. Se a Constitución o impide haberá que reformala, pero antes de chegar a ese extremo, hai que coñecer a existencia e solidez desa suposta vontade. Unha doutrina que hoxe poucos negan e cuxa expresión máis coñecida pode atoparse no famoso ditame que a Corte Suprema de Canadá emitiu en 1999 sobre a lexitimidade da celebración dun referendo en Quebec. (Rubio LLorente. El País. 08/10/2012).

Malia ser negado por poucos o rigor da doutrina exposta por Rubio Llorente, a realidade é que a proposta de referendo pactado bateu frontalmente co sólido paredón do empecinamiento. O 8 de abril de 2014 celebrouse no Congreso dos Deputados a sesión plenaria sobre a toma en consideración da proposición de lei do Parlamento catalán para autorizar, convocar e celebrar un referendo sobre o futuro político de Catalunya co resultado de 299 votos en contra, 47 a favor e unha abstención. PP, PSOE e UPyD, como fixeran antes co Plan Ibarretxe, enrocáronse empecinadamente no non.

Pechada esta porta, o Parlamento catalán busca outra vía e, para iso, aproba a Lei 10/2014, de 26 de setembro, de consultas populares non referendarias e outras formas de participación cidadá, que é declarada inconstitucional polo TC co argumento de constituír un referendo encuberto.

Como terceira vía, en novembro de 2015 celébranse eleccións autonómicas de carácter plebiscitario con resultados favorábeis ás dúas candidaturas independentistas (Junts pel SI e  CUP) de 72 dos 135 escanos e do 47,7% dos votos). O que sucede desde ese momento é ben coñecido: fíxanse as diferentes fases do procés soberanista coa aprobación das correspondentes normas, a celebración do referendo e, de obtérense resultados favorábeis, a declaración de independencia.

Pechadas todas as portas polo empecinamiento, xa non se trata de ter en conta a legalidade constitucional senón a democrática lexitimidade da sociedade para decidir.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña