13:18 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-09-2017

Desde a pregunta de Zavalita, en 1969, choveu moito no Perú

A traxedia do Perú

Valorar (8)

XURXO MARTIZ CRESPO



¿En qué momento se jodió el Perú?
pregúntabase Zavalita na novela Conversaciones en la Catedral de Mario Vargas Llosa. Existen infinidade de respostas a esa mesma pregunta. Recentemente, co gallo do 80º aniversario de Vargas Llosa, distintos peruanos contestaban, no xornal conservador limeño El Comercio, a esa pregunta enraizada hoxe no Perú.

O  músico Javier Echecopar aseguraba que a pregunta era incorrecta porque o verbo «joder» estaba escrito en pretérito e o Perú non se fodeu, senón que se fode todos os días.

O escritor Jeremías Gamboa opinaba que a brillantez desa pregunta residía na ausencia de resposta, ou nunha resposta abondo ferinte: o Perú fodeuse no intre do seu nacemento. A súa concepción ten alicerces en feitos asimétricos e brutais coma son a fundación dunha nación ferida e posta a mal cunha das súas metades: a indíxena. 

O escritor Guillermo Niño de Guzmán di que o Perú estivo sempre fodido, pero non se fodeu só, senón entre todos. «¡Que se jodan!» é unha expresión que pode identificar un peruano en calquera parte do mundo. Un país a medias, acomplexado e sen identidade, onde a ninguén lle importa moito o que lle aconteza a ninguén. 

Pero, se cadra, a resposta do xornalista Hugo Coya é a máis acaída: «O día en que moitos peruanos honestos decidiron elevar á cúspide persoas de estatura moral pequena. No momento en que eses peruanos honestos rexeitaron a política para seren seareiros de líderes mesiánicos, de falsos salvadores da patria. No momento en que permitimos que se vulneren os nosos dereitos, que nos discriminen pola raza, sexo, orixe, condición social, económica e se negue o recoñecemento da nosa maior riqueza, que é ser un país multiétnico e multicultural. No momento en que os peruanos acreditamos a ilusión da chegada do Primeiro Mundo sen advertir que antes había que abandonar o terceiro». 

Desde a pregunta de Zavalita, en 1969, choveu moito no Perú. Un país «idílico», economicamente falando, para os media no mundo dende a «pacificación» da súa loita armada e a entrada en prisión do ex presidente Alberto Fujimori.

Pero temos un panorama desolador neste «esmolante deitado nun banco de ouro» como gustaban definir o Perú aos nenos nos colexios peruanos.

Dos últimos 4 ex presidentes peruanos, Alan García, Alberto Fujimori, Alberto Toledo e Ollanta Humala, dous están na cadea, Alberto Fujimori e Ollanta Humala, un está en busca e captura, Toledo, e outro non está na cadea pola prescrición dos seus delitos, Alan García.

Fujimori cumpre condena por usurpación de funcións, por prevaricación, polos secuestros do xornalista Gustavo Gorriti e do empresario Samuel Dyer e polos masacres de Cantuta e Barrios Altos.

Ollanta Humala está en prisión preventiva de 18 meses (coa súa muller Nadine Heredia) por delitos de lavado de activos e asociación ilícita.

Alan García debería estar na cadea pero, o 18 de xaneiro de 2001, a Corte Suprema de Justicia del Perú decretou a prescrición dos delitos dos que era acusado García: enriquecemento ilícito e suborno. Alan García sempre alegou que os seus «supostos» delitos prescribiran en 1997, nun país en que ser un desleigado e presidente chegou a ser sinónimo. Contra Alan García, declarado no seu momento en rebeldía pola xustiza, estaba en vixencia unha orde de captura. En lugar de encarar as acusacións, agardou a figura da prescrición. Fuxido en 1992, segundo el como «asilado político», asilouse na embaixada de Colombia en Lima e viviu entre Bogotá e París até que foron declarados prescritos os seus delitos e voltou ao Perú como candidato presidencial polo Partido Aprista Peruano.

Malia todo isto, Alan García voltou presidir o Perú entre 2006 e 2011, despois do goberno do expresidente Alejandro Toledo (2001-2006).

Alejandro Toledo está nestes momentos cunha orde de detención internacional por recibir un suborno de 20 millóns de dólares estadounidenses da construtora brasileira Odebrecht a cambio da licitación de dous tramos da estrada Interoceánica sur, que cruza o Perú dende o océano Pacífico até a fronteira co Brasil.

A historia de Toledo é unha historia extraordinaria. Un humilde indíxena que, cunha bolsa, estudou economía nos Estados Unidos e chegou a ser presidente do Perú. O empresario israelí-peruano Yosef Maiman, amigo e testaferro de Alejandro Toledo, foi o «branqueador» do expresidente peruano.

Se cadra, Maiman foi o único que contestou a pregunta de Zavalita, dalgún xeito, cando lle preguntaron por que Toledo defraudara a tantos. Existía unha grande esperanza en que a elección dun indíxena causara un cambio profundo na estrutura da sociedade peruana. «Toledo forma parte da traxedia do Perú. É na realidade un personaxe tráxico en moitos sentidos», declarou.

Esa «traxedia» confirmouse despois coa elección doutra nova «esperanza» redentora, Ollanta Humala, fagocitado pola mesma traxedia corrupta de Toledo.

Nas últimas eleccións, Keiko Fujimori rabuñou o poder ao eterno candidato da dereita PPK. Hoxe preside o país Pedro Pablo Kuczynski (PPK), o presidente querido polo establishment, que é tanto como ir buscar presidente no equipo directivo dunha transnacional, o «mal menor» entre os candidatos presidenciais con máis posibilidades.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal