12:42 Venres, 20 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-09-2017

A ausencia da Galiza asumida como paradigma da normalidade

...

Valorar (16)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Teño á vista unha edición facsimilar do Faro Villalbés que amabelmente nos deu Manuel Roca Cendán, do Instituto de Estudos Chairegos, nunha reunión da Federación Galiza Cultura. Este boletín foi o órgao de Izquierda Republicana da vila chairega; o número a que me refiro é do 1 de Novembro de 1934. O groso da información está dedicada á actuación e xustificación de Azaña após a proclamación do Estado catalán. Inclúese unha recensión do novo libro de poesía de Carmen Prieto Rouco; un poema de Lolita Pérez Jaraiz (ambos en español); o poema “¡Segadores!” (denuncia da emigración a Castilla), de Antonio Estévez Cao ( o único texto en galego) e varias informacións locais. A palabra “Galicia” aparece só unha vez, referida á “exaltación” que dela fai a primeira escritora citada no libro, Violetas, que se comenta. A información que máis nos chamou a atención é a que leva por título “Trenes de España”: lémbrase a construción e posta en funcionamento da primeira liña férrea (Barcelona-Mataró) en 1848; lóuvase o progreso do ferrocarril español; saliéntase como “motivo de satisfacción para España” contar con dúas mil quiñentas estacións e douscentos apeadoiros, así como a maior parte do material de tracción estar construído “en fábricas nacionales: Bilbao, Barcelona, Beasain, Zaragoza...”. A velocidade dos trens nada ten que envexar aos estranxeiros, así como a súa comodidade.

Vilalba, Terra Cha, Lugo, Galiza: 1934. O anónimo autor desta columna pode escreber desde a vila en que se publica o boletín, ou ben a información pode proceder de calquer outro meio. A conclusión é a mesma: a cegueira absoluta a respeito da ínfima cobertura ferroviaria galega; a imposibilidade, por suposto, de viaxar da capital chairega a Lugo ou á Coruña en tren; o atraso descomunal deste transporte en toda a Galiza. Mais o que se ten diante non se ve; por tanto, non existe. A Galiza, ou unha parte dela, desde a que se publica, só serve para cantar o progreso español e orgullarse dos seus avanzos. Repito, en 1934. Dáse a circunstancia de que o ano anterior, exactamente o 23 de maio de 1933, Castelao pronuncia nas Cortes un discurso atinente aos problemas da Galiza en que o primeiro ponto tratado será precisamente o ferrocarril galego. A ratio española de 1 Km. de ferrocarril para cada 1.300 habitantes, sendo a galega de 1 km. por cada 3.000 e tal de habitantes. Denuncia o deputado nacionalista as declaracións de Prieto, ministro de Obras Públicas, que nega a construción dun só metro máis de vía férrea, cando está a construír ferrocarrís subterráneos de enlace; lembra a clamorosa ausencia de atención á Galiza; interpela directamente ao presidente do Consello de Ministros pola burla que isto supón: “Galicia no solamente necesita que se termine pronto la construcción del ferrocarril íntegro de Zamora a Coruña, sino que además está necesitada del que se llama Ferrocarril Central Gallego”. “En Galicia no podemos concebir que se hable seriamente de la inutilidad de nuestro ferrocarril, porque toda nuestra riqueza minera y forestal, nuestra ganadería y nuestra pesca están fuertemente vinculadas a esta obra”. “Galicia necesita ese ferrocarril para el desarrollo de su riqueza, está pidiéndolo desde hace setenta años y no puede exigírsele que renuncie a su porvenir ahora, en el preciso momento en que creyó ver cumplidos sus deseos y satisfechas sus ansias de mejoramiento. Ya sabemos que no se ha decretado la muerte del ferrocarril gallego (si tal hubiera ocurrido, nosotros no podríamos permanecer en el Parlamento); pero si no se ha decretado su muerte, tampoco se asegurará su vida si no se atiende a esa obra con el interés, con la urgencia y con el entusiasmo con que estáis atendiendo a otras muchísimo menos necesarias”.

2017, 84 anos despois. Os miles de viaxeiros que ten a liña A Coruña-Vigo (a única con servizos e horarios “normais”) lembrarán que foi o BNG  -no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados-  o único que se preocupou pola comunicación ferroviaria galega e pola súa mellora? Cairán na conta de que a viaxe entre A Coruña-Ferrol bate o record de ser a máis lenta de toda Europa (para alén da escaseza de servizos) ou a liña entre A Coruña-Lugo-Monforte de Lemos non dispón de servizos, nen de horarios nen de velocidade que a fagan usábel de forma xeral?

A ausencia da Galiza asumida como paradigma da normalidade. Na II República e na monarquía actual. Admitida, aturada ou sobrelevada con normalidade igualmente por parte dunhas autoridades autonómicas cuxa única autoridade é para reforzar o silenciamento da Galiza e dos seus problemas e cuxa única función é redobraren o servilismo ao Estado e ás súas axencias, como bons mandadeiros, na versión máis acabada e noxenta da colonización mental e política. Ter que contemplar un presidente da Xunta no ridículo papel de denunciador de alcaldes cataláns colaboradores do referendo mentres atura o enésimo desprezo español na transferencia da AP-9 (os camiños de ferro non existen na súa axenda de submisión) ou non ten a mínima proposta para mellorar o financiamento autoanémico, como non sexa para atacar a Catalunya, supera todo o admisíbel.

Xunta, meios de comunicación dominantes, comentaristas vendidos, colaboradores a retesía para ver quen máis e mellor españoliza...: retrato esperpéntico e grotesco do entreguismo a unha España política incorrixíbel, que só sabe practicar ben o método do “palo y tente tieso”, inmodificábel na súa cegueira, na súa cerrilidade, na aplicación da forza do Estado policial a unha nación, Catalunya, que xa se autodeterminou, por moito que tenten impedir por todos os meios a votación do próximo 1 de Outubro. Un Estado, un marco xurídico-político que naceu da programación do rexime ditatorial anterior, que mantén intacta a prescrición da nación, da patria e da soberanía únicas e indivisíbeis (garantíbeis polo Exército), é capaz de chamar “golpistas” ao goberno catalán e a toda a sociedade catalá mobilizada pola independencia. Hai que ter valor. Hai que ter cinismo! Todo o affaire de Catalunya está retratando non só esta nación, senón, cos trazos máis bastos e expresionistas, a España política; sen carautas, sen eufemismos, cunha contumacia e unha cerrazón dificilmente superábeis.

A función e a represión ínsita á Constitución española rebentan agora con toda a súa potencia. E volvo de novo á pergunta: el non haberá quen lembre que o nacionalismo galego da UPG / AN-PG, 1977-1978, tivo o acerto e a clarividencia de desvendar, daquela, a entraña verdadeira da tal Constitución, desa que hoxe todo o mundo da progresía di denunciar por caduca e precisada de reforma, cando a aquela altura se dedicaba a alcumarnos de anti-democrátas e de perigosos radicais separatistas? Desa Constitución, brazo armado do aparello represor do Estado español, modificada por orde da Unión Europea e do imperio global, en Agosto de 2011, en leitura única, por suposto, en cuestión de horas, mesmamente para garantir o teito de gasto público? Os apoloxetas do Estatuto galego de 1981  -fillo eivado desta Constitución-  serán capaces de obviaren o que deu de si en 36 anos de vixencia? Serán logros a ruína da agricultura galega, os eternos problemas da pesca, a estafa fiscal, a penuria do sector lácteo, a mingua brutal da lingua galega, a conversión da Galiza nun destino turístico de colonia apetecíbel por barata e pracenteira? Haberá que lembrar, máis unha vez, por que o nacionalismo galego mencionado se opuxo a un Estatuto que agora, para os cataláns, é letra morta, vieiro choído, beco sen saída, mesmo despois de teren intentado a súa superación ou a súa reforma en termos reais de autogoberno?

As reticencias ou pontos suspensivos que encabezan, como título, este artigo, son, tantas veces, a Galiza que non existe, non se nomea, non se ve. Substituílos pola mención precisa da nación galega e das súas necesidades e aspiracións é, xaora, o mester principal do nacionalismo galego actual, como o foi desde o seu nacemento e comparecencia pública como tal, no tempo de Castelao, asumindo (xa que tantas veces falamos dos nosos erros ou desacertos) o valor dunha historia pioneira, clara e firme na proclamación do que hoxe é o núcleo do conflito político en Catalunya e no Estado.


[17-09-2017 16:23] maria josefa rego ara comentou:

totalmente de acordo. grazas Pilar

[17-09-2017 13:19] Joám comentou:

Muito acertada Pilar. Se hai unha parte do Estado espanhol que se merece autodeterminarse, esa é Galiza. Canto boto de menos unha voz nacionalista no parlamento espanhol!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal