02:36 Mércores, 22 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-09-2017

Algúns datos para coñecer a biodiversidade, é dicir, a riqueza do noso país

As cifras e os nomes da biodiversidade mariña

Valorar (9)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Sabiamos que nas Rías hai arroaces, mais, hai moitos cetáceos no noso mar?

Esta pode ser unha pregunta tipo cando se dá en falar da fauna mariña, ata cabe a posibilidade de que o/a interlocutor/a coñeza a presenza dalgunha outra especie de cetáceo ademais dos arroaces. Imos tratar de expoñer a riqueza da biodiversidade mariña, moi brevemente, ao longo de 10 puntos.

1.- Galiza é unha encrucillada no océano Atlántico. A súa especial situación xeográfica fai que teña influencia das augas do norte e do sur das nosa latitude. Isto vese reflectido na fauna mariña, pois podemos atopar especies que viven habitualmente ao norte, como as seis especies de lobos mariños rexistradas nas nosas costas (Halichoerus grypus, Phoca vitulina, Phoca hispida, Erignatus barbatus, Cystophora cristata e Pagophilus groenlandicus) e algún cetáceos, este é o caso do arroaz pinto (Lagenorhynchus acutus); así como especies que viven máis ao sur, como o caldeirón tropical (Globicephala macrorhynchus) ou a falsa candorca (Pseudorca crassidens). Nalgúns casos a nosa costa marca o límite da distribución xeográfica destas especies.

2.- A costa galega está influenciada pola Corrente do Golfo, que é como unha fita transportadora que percorre todo o Atlántico, traendo augas de áreas afastadas e a fauna asociada ás mesmas, como o cachalote pequeno (Kogia breviceps) e especies que chegan dende o outro lado do Océano, como as cinco especies de tartarugas mariñas (Caretta caretta, Dermochelys coriacea, Chelonia mydas, Lepidochelys kempii ou Ertemochelys imbricata).

3.- A nosa costa atópase no camiño das especies mariñas que realizan grandes migracións, como os atúns e as candorcas (Orcinus orca), que navegan atrás deles. Tamén é pausa reparadora de baleas e cachalotes, a pesar de que algunhas como a balea vasca (Eubalaena glacialis) ou a balea cincenta (Eschrichtius robustus), atopada na costa cantábrica, estean presentes de xeito regular só na lembranza arqueolóxica. 

4.- A plataforma mariña de Galiza ten unha grande produción primaria. O afloramento estacional, é dicir, a ascensión de augas frías ricas en nutrientes durante o verán produce unha explosión de vida, a comezar polo fitoplancto e zooplancto, e a seguir polo peixe miúdo, crustáceos e moluscos. Isto provoca un incremento en toda a rede trófica, de todos os seres mariños que se van comendo os uns aos outros.

5.- O mar de Galiza ten múltiples nichos ecolóxicos, é dicir, espazos diferentes onde desenvolver a vida mariña de xeito máis ou menos independente. Dende o interior das Rías ata o Banco de Galiza danse unha serie de situacións físicas e oceanográficas que permiten o desenvolvemento de diferente tipo de fauna: augas pouco profundas dentro das Rías, cantís rochosos, augas pouco profundas ao redor das illas, chairas de profundidade media da plataforma, cantil continental, grandes abismos e montañas submarinas, como o Banco, etc.

6.- O cachalote (Physeter macrocephalus) e os cifios (Ziphius cavirostris, Mesoplodon mirus, M. densirostris e M. bidens) usan os foxos abisais para capturar luras xigantes e outros cefalópodos, base da súa alimentación. Son grandes mergulladores que acadan os 3000 metros de fondo, depredadores extremos.

8.- As grandes baleas (Megaptrea novaeangliae, Balaenoptera physalus, B. musculus e B. borealis) achéganse ás inmediacións da montaña submarina do Banco de Galicia atraídas pola abundancia de alimento: pequenos crustáceos compoñentes do zooplancto.

9.-  A plataforma de Galiza, grazas a esta grande riqueza, está habitada por un innumerable conxunto de especies: 53 especies de crustáceos; varios centos de especies de moluscos, entre os que se contan 78 especies de cefalópodos; 300 especies de peixes, das que algunhas delas son abundantes e cun importante valor comercial, como pescada, xarda, xurelo, sardiña ou lirio e 80 especies de aves mariñas, entre outras.

10.- A rica biodiversidade do noso país a nivel marítimo, especificamente das Rías, é o motivo e a explicación de que nas Rias cheguen a frecuentar, e mesmo residir todo o ano, poboacións de arroaz (Tursiops truncatus). Na plataforma poboacións de golfiño común (Delphinus delphis), balea alibranca (B. acutorostrata) e toniña (Phocoena phocoena). Tamén un pouco máis afora de caldeirón (G. melas), arroaz boto (Grampus griseus) e golfiño riscado (Stenella coeruleoalba).

Así, nun intre, contabilizamos preto de 800 especies, entre as que se contan 22 de cetáceos, 6 de pinnípedes e 5 de quelonios. Poderiamos seguir en detalle con cada un dos grupos citados, só para facernos idea do inmenso valor da biodiversidade do noso mar. Un mar en que recalan por este motivo especies que non residen nas nosas augas e que cando as vemos, mesmo podemos considerar que estamos ante un feito excepcional, como sucedeu coa balea “anduriña” nas Rías de Pontevedra e Vigo (unha xibarte que viviu nesas Rías no ano 2003) e o recente avistamento dunha balea azul (o maior ser vivo do Planeta) na Ría de Muros neste mes de setembro. 

Temos un tesouro, e a responsabilidade fronte ao mundo e ás xeracións futuras, de seguir mantendo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal