07:44 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-09-2017

Na súa versión máis coñecida universalmente, ou sexa, o portugués, o galego ten un mundo cheo de oportunidades

Música e lingua galegas como obxecto de análise conxunta

Valorar (12)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Para alén do seu traballo diario, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza anualmente varios eventos e actividades centrados na promoción, estudo e análise da lingua galega. Así, xunto ao Curso de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras que se celebra durante todo o mes de xullo, o citado organismo pon en andamento, igualmente nesa época, o monográfico Traballando en lingua. Curso de verán sobre dinamización lingüística, xornadas de dous ou tres días en que se analiza ao pormenor o estado do idioma galego nun ámbito moito concreto e as medidas que se poden adoptar a fin de melloraren esa situación. A actividade conta co apoio do Concello de Carballo –que é onde ten lugar, concretamente no Forum– e da Cooperativa de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística. Noutros anos, o tema central asentou na transmisión xeracional, nas relacións entre lingua e tecido socioeconómico, nas interseccións entre o galego e o traballo colaborativo e a mudanza social etc. Nesta edición, a décimo terceira, celebrada nos días 19 e 20 de xullo, o eixo focou as relacións entre lingua e música; alí expuxeron as súas impresións ao respecto e xeraron interesantes debates persoas que se dedican á normalización en diferentes institucións, músicas e músicos profesionais de diversos estilos, profesorado de lingua e literatura de varios niveis de ensino, representantes de artistas, técnicas e técnicos de son, persoas que se traballan na recollida de canto e poesía tradicionais etc.

No seu conxunto, a teor das palestras e mesas redondas que se celebraron, ben como igualmente grazas aos obradoiros e debates que se produciron, a valorización xeral pode considerarse moito positiva, pois permitiu dar cumprimento aos obxectivos inicialmente marcados: en primeiro lugar, o curso serviu para analizar a situación da lingua galega no sector musical desde diferentes perspectivas (ensinantes de lingua e literatura, ensinantes de música, estudantes, intérpretes, representantes, produtoras/es musicais etc.), os motivos dese estado de cousas e os factores e condicionantes que o provocan e que poden ser fundamentais para avanzarmos no proceso de normalizacíón nese sector. En segundo lugar, as xornadas tamén foron úteis para daren a coñecer e avaliaren experiencias nese contexto, como, por exemplo, que a calidade musical costuma equivaler ao suceso artístico e á autorrealización persoal –á marxe da lingua que se utilizar–, mais que tamén, infelizmente, aínda hai ambientes na Galiza e no Estado español que rexeitan consumir ou produciren música se estiver cantada en galego. En terceiro lugar, o encontro tivo un outro esteo, cal foi o de propor medidas para aumentaren a utilización e prestixio da lingua galega nese campo. E en último lugar, o curso tamén serviu para reflectirmos en como pode a música en galego contribuír para o proceso de normalización lingüística; nestes medios, a persoa responsábel dun coñecido estudio de gravación sinalaba a necesidade de as crianzas escoitaren música en galego para percibiren como normal o idioma nesas manifestacións culturais.

O desenvolvmento do Curso foi posíbel mercé á participación de artistas de renome no panorama musical galego e/ou de persoas estudiosas da lingua e da literatura: estamos a pensar en César Morán, Eloi Caldeiro, Mini e Mero, Moncho do Orzán, M. J. Pérez, Pablo Carpintero, Pilocha, Ricardo Seixo, Sonia Lebedinsky, Ses, Xurxo Souto etc. Por iso, tendo en conta as súas valiosas achegas, vira difícil sintetizarmos en apenas unhas palabras todos os centros de atención e os enriquecedores debates que se ían producindo após as intervencións, de aí que, partíndomos da comprensión do público lector, imos referir aquí unicamente algúns. Un destes tivo como cerna a necesidade de apoio por parte das institucións á musica en galego, non só en materia económica, mais tamén na súa divulgación e promoción en espazos da radio e da televisón públicas. Noutros países, como Catalunya ou Franza, os respectivos gobernos ditaron instrucións legais para promocionaren nas programacións dedicadas á música e aos espectáculos un número determinado de horas en que a lingua tiña de ser o catalán, no primeiro dos casos, ou o francés, no segundo. Polo contrario, no noso país aínda asistimos con vergoña a como na maioría dos espazos radiotelevisivos destinados ao lecer musical o idioma absolutamente minoritario é o galego, que parece adornar con certo grao de exotismo tribal unha programación en que tiña de ser o protagonista e non apenas un simple e pobre adubo; lembramos aquí Bamboleo, Radio Galega Música, Luar etc e na cantidade de música cantada que se interpreta na nosa lingua...

Outro dos asuntos que se expuxo e que se puido debater foi o tan contestado tema de como recollermos e divulgarmos poesía e música cantada tradicionais, isto é, quer mantendo as características lingüísticas dos textos (a pesar de presentaren grandes doses de erosión españolizadora ou de estaren cantadas practicamente en castelán), quer a compilar e a dar preferencia a aquelas que só estiveren en galego (e mesmo optimizando lingüisticamente os textos sempre que for posíbel). Non é a nosa intención reiterarmos o que sinalamos nesta mesma publicación hai algún tempo, moito embora, a título persoal, pensemos que a segunda das opcións tería de ser a solución adoptada. Prodúcenos certo desasosego escoitarmos grupos de música folclórica de recoñecido prestixio en que a práctica totalidade das cantigas vai interpretada en español: non se borra da nosa memoria unha asociación xuvenil que se leva dedicado a estes labores desde hai máis de trinta anos; xustamente na celebración do seu vixésimo quinto aniversario, a única estrofe que se ouviu en galego, nun espectáculo de máis de dúas horas, foi a que principia cos coñecidos versos Senhora, Senhora do Almortão, / Senhora do Almortão, / ó minha linda raiana, / virai costas a Castela, / não queirais ser castelhana... Se se pediu a unha virxe do santoral cristián lusitano para non mudar de nacionalidade perante a ameaza do dominio español, non se podería solicitar á xente que compila canto tradicional na Galiza algo similar en termos lingüísticos?

A proxección internacional do galego focou, por súa vez, varias das intervencións que se ían producindo nunha mesa redonda. Na súa versión máis coñecida universalmente, ou sexa, o portugués, o galego ten un mundo cheo de oportunidades segundo levamos comentado noutras ocasións nesta mesma revista. E tamén no ámbito da lusofonía a música galega poder ter unha máis que merecida e sobrada proxección, mesmo o canto tradicional, sempre e cando, é claro, se apliquen os criterios de dignificación e de optimazación lingüísticas que representa a segunda das opcións sinalada no parágrafo anterior. Os preconceptos no nivel de implantación internacional da nosa música tamén afloraron aquí: un coñecido empresario sinalaba a este respecto como na España a música portuguesa ou brasileira coñecía un notábel suceso, ao paso que a equivalente galega, paradoxalmente, non conseguía os mesmos resultados por ser interpretada en galego.  

Por outro lado, como remate de cada unha das xornadas, organizáronse dous obradoiros, en que o ton máis ou menos académico ou especializado das palestras que tiñan lugar durante o día daba paso, aínda que sen perder rigorosidade, a contidos máis relacionados co lecer e co potenciamento das habilidades lingüístico-musicais do público asistente. O primeiro deses obradoiros, guiado por Moncho do Orzán, centrouse nas técnicas improvisativas que caracterizan as regueifas, tipo de canto dialóxico moito común na rexión de Bergantiños. A outra das sesións desta índole tivo en Ricardo Seixo o seu condutor e norteouse cara ás potencialidades do canto tradicional e de tabernas e nas súas posibilidades didáctico-educativas. Tanto nun como noutro caso puido corroborarse como ambas as expresións lúdicas vinculadas á tradición son capaces de seren utilizadas no presente e como posibilitan, ao mesmo tempo, unha continua actualización temática e contextual; hai uns anos, sen irmos máis lonxe, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, sediada na Coruña, desenvolveu unhas xornadas de rap e regueifa en galego cunha máis que notabilísima participación de xente nova, o que parece constatar o potencial da música galega de orixe tradicional.

Máis un acerto que tivo esta edición do Curso foi a propositada presenza de mulleres como palestrantes. Xa desde o Padre Sarmiento no século XVIII, pasando no s. XIX e principios do seguinte por Augusto González Besada, Manuel Murguía, Nicolás Tenorio Becero etc. até aos nosos días, leva ponderándose a enorme importancia da muller como principal creadora e transmisora de canto e poesía tradicionais. E mesmo na actualidade, segundo afirman especialistas nese campo, é unha constante verificábel con moitísima facilidade. Non en van, a obra inaugural da literatura galega contemporánea foi escrita por unha muller, Rosalía de Castro, e leva precisamente o nome de Cantares gallegos. De aí que pareza totalmente lóxico que, nun encontro destas características, tamén se concedese relevancia ao papel que tiveron secularmente as mulleres tanto no ámbito da música de extracción popular, como, desde a actualidade, na marabillosa pléiade de cantoras de estilos notoriamente variados que participaron no Curso: M. J. Pérez, Olga Kirk, Pilocha, Rosa Cedrón, Sonia Lebedinsky, Ses, Ugia Pedreira etc.  

En resumo, foron unhas xornadas especialmente produtivas en que profesionais da lingua e da música debateron sobre os problemas concretos que presenta o galego nese sector. Desde estas páxinas, en primeiro lugar, só resta darmos os parabéns ás entidades que (co)organizaron o curso, isto é, ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (e nomeadamente a súa responsábel, Marisol Ríos), ao Concello de Carballo e á Cooperativa de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística. E en segundo lugar, debemos tamén animar estes organismos a continuaren traballando en lingua para conseguirmos a plena normalización do idioma.

     

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal