02:43 Mércores, 22 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-09-2017

Ben certo é que non todo vale con tal de ter turismo: masas de xente e facer a burrada máis grande con tal de figurar no libro Guinness dos records

O turismo e un turista, o arquitecto Sir David Chipperfield e Corrubedo

Valorar (17)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Casa de Chipperfield (Corrubedo)


Ben certo é que non todo vale con tal de ter turismo: masas de xente e facer a burrada máis grande con tal de figurar no libro Guinness dos records. Efectos con causa – de aculturación - polos  que devece a cativa ilustración municipal.

Galiza resulta atractiva aos sentidos de que os ten afiados, isto é que é sensible. Éo  polo tesouro das súas condicións naturais de Terra e Océano. E arredor diso o proceso xerado para atender e aproveitarse da natureza,  a non menos a variada e sedutora Prehistoria, Historia e a Cultura, orixes que os seres humanos cultivamos para resolver a vida e na que radica a orixinalidade que nos identifica na uniformidade global. Lección pouco aprendida, polo que enxergamos, pois non  somos modélicos niso de conservar e potenciar o privilexio de tan ricos e variados recursos, responsabilidade de tanta administración convertida nun amolado labirinto burocrático. Iso si, escollemos ser recalcitrantes conservadores ideolóxicos. 

A cultura tamén se degrada pola crise de identidade, o descoñecemento, o uso e o abuso: a anomia, a aculturación. E velaí  a contaminación integral, a forestación , desforestación, a explotación  mineira, das augas, a industrial en lugares inadecuados, o medre desmedido dun urbanismo desorganizado, coas súas consecuencias, sen deixar campas abertas, campos de feiras festas e romarías, para expresarse... o pouco respecto co patrimonio cultural, a normalización e botellonización das festas, a invasión e intervencionismo nas praias de suave area, nos bosques, penedas… Non se pode vivir a calquera prezo.

Natureza, Historia e Cultura que atraen  e fixeron que nacera unha cultura de portos e encrucilladas, de feiras e festas, a base e principal fonte económica . Faise obrigatorio o  control dos recursos, o equilibrio sostible, ideas tan no debate teórico, pero resoltas noutros países, velaí Irlanda cunha natureza e unha historia semellante e irmán. E sabendo que o mais listo é o que ten as direccións de todos os máis listos e experimentados, velaí a  profesionalidade na xestión, a que require  coordinación por parte das administracións.

As políticas de países maduros, civilizados, ansían por atraer, controlar e mellorar,  de xeito sostible o turismo, sen que se converta en arma de dobre fío. Do contrario imperará a provisionalidade e o galponismo como postal terceiromundista, o afogo do  propio ben.

Atracción de Galiza que fixo e fai que, pese a tanto reto e competencia, haxa quen nos escolla entre tanto catálogo  para gastar o seu valioso tempo e os seus posibles. E non é calquera quen se achega deica este confín, é xente sensible , culta, que busca o que ela mesma ten, autenticidade e cultura, algo que debe agradecerse e mesmo agasallarse. Xente que ven, que volve e propaga  o que sinte.

A Barbanza , Corrubedo e Chipperfield

Entre  as atraccións de Galiza están eses cinco  “mares de dentro”, que son as súas rías, e entre elas a de Arousa e a súa banda da Barbanza, presidida polo alto da Curota, paisaxes preferidas por Rosalía, Valle Inclán, Castelao , Manuel Antonio e  por tantos poetas... E apuntando á illa de Sálvora ase´nase Corrubedo, topónimo  no que semella zoar o son das buguinas ou cornos de mar, Corrubedo. Para máis, na noite, aquí  abre ronseis sobre o Atlántico o seu “faro de ollar largacío” que cantaba Bouza Brei,  onduladas  dunas, lagoas, bosque, penedas labradas polo tempo... Paisaxe sobre a que asoman dolmens, castros, cruceiros de capela con ritos de camiño e lendas de pobos avarentos que foron asolagados.

Personalidades do mundo de hoxe  atopan e escollan Galiza pro seu lecer e deixar voar sobre ela a súa creatividade, mestúranse entre a poboación e contribúen á difusión da beleza e á xenerosidade desta terra. Unha desas xenialidadades  é un “number one” , o arquitecto londinense Sir David  Chipperfild, iniciado cos maestros Richard Rogers  e Norman Foster, tamén este con certo vencello a Galiza, a través da súa compañeira, a psicóloga ourensán  Elena Ochoa. Chipperfield , con encargos en varios continentes, con premiadas e laudadas intervencións arquitectónicas nas cidades do futuro, reclamado profesor e conferenciante polas mellores universidade,  por algo nomeado Sir pola súa Graciosa Maxestade, entre o que coñece do mundo, escolle o corazón de Corrubedo para o seu lecer e inspiración. Arquitecto, urbanista e mesmo deseñador de mobiliario, caracterizado pola esencialidade, máis propenso á goma de borrar que ao lapis, ás regras e ao compás. Minimalista que sabe parar a tempo canto supón o intervencionismo, o impacto que fire a beleza da paisaxe, tendencia á que somos moi propensos os barrocos galegos, tamén co horror vacui... non lle toques máis á rosa.

Chipperfiel é ben coñecido polas súas intervencións en sobranceiros museos, e xa sabemos que significan estas institucións que conservan, estudan, expoñen e difunden os logros da civilización... na Tate londinense,  no Museo do Remo do Támese ; no Neues Museum de Berlín, entre outros de Alemania como o  Museo de Literatura de  Marbach  am Neckar, non lonxe de Stuttgart ,  o Figge Art Museum en  Davenport nos Estados Unidos, o Museo Anchorage en  Alaska,  a intervención no histórico Cemiterio de San Michele en Venecia, autor de  pavillóns, bibliotecas, hoteis, pazos de xustiza, cidades de cultura, vivendas... tamén en Vigo o Pazo de Congresos, en Londres o estudo do seu amigo e colaborador o escultor Gromley... e para as súas vacacións  e a súa intimidade, en comuñón coa paisaxe e a paisanaxe,  construíu a súa casa de Corrubedo, xa antolóxica, por sinxela: por unha banda mirando ao mar, pola outra  á rúa que leva ao porto. Construción esencial, valente tamén, entendendo a tradicional ansia escultórico por quebrar ou fraccionar as masas, herdo do leirismo galego,  fronte a calquera impactante bloque escurialense, feito a patrón.

É unha bendición que creadores  se deixen seducir polo canto de serea de Corrubedo,  con esas casiñas mariñeiras e labregas recebadas en cal e cor, si acaso  protexidas con vestido de cunchas, despois  fórono de gressite ou de azulexo, afíns a cores vivas en zócalos, na carpintería de portas e xanelas... por outra banda tan na tradición mariñeira atlántica. Moitas destes saberes tradicionais maltratáronse por non achegarse a entender a cultura, e pola contra, co exceso de celo, imperou unha estética hiperxebrista desnortada que esfola a faciana das casas, os muros e deixa á vista a osamenta de pedrullo... efecto conseguintemente  con causa na ignorancia e na aculturación.

Agora esta parte do controvertido concello de Riveira, referente, con outros  dos desequilibrios,  os  que tanto sufriron no seu pelexo urbano polo intervencionismo desmedido e agresivo, volve a selo pero por ofrecer modelos arquitectónicos da contemporaneidade, e poderá selo máis no futuro, si se sementa ética e estética,  xa que unhas cousas conducen a outras.

"Grip"

E o litixio arredor dunha escultura para cavilares, “grip” (a aperta) ...

Ese estar de Chipperfield en Galiza compárteo con algúns dos seus amigos arquitectos de por aquí  e por acolá, sabemos tamén que fai propaganda e convida a este confín a personalidades dos cinco continentes. E non queda aquí esa fusión sentimental, os medios fixeron público o desexo do arquitecto británico de regalar unha singular escultura de máis de media tonelada, da autoría dese outro amigo, Sir, Antony Gormley ,un dos grandes escultores da contemporaneidade. Sería por un prazo de vinte anos, prorrogable, para poñer mirando ao horizonte do Atlántico, sobre as rochas do lugar dos Casqueiros, entre o porto e a praia da Robeiriña. Gormley é ben coñecido polas súas intervencións en espazos de soidade e cavilacións,  pondo en mérito ríos, montes, praias que convidan á filosofía... como o “Anxo do Norte”  de Gateshead  e o “Iron Man” en Birmingham, ambas no Reino Unido,  tamén en Vorarlberg nos Alpes austríacos, ou a intervención en Crosby beach, praia de Liverpool, hoxe con sona polo cento de esculturas en ferro, metidas  na marea, ás que se van complementando  con algas e lapas, conxunto bautizado como “Another place” (esoutro lugar). Sabemos que a cuestión enredou o debate no pleno do Concello de Ribeira. O que non sabemos é apreciar o sol cando pasa pola porta, enredámonos en reunións para seguinte reunión, cando todo xa está resolto noutras partes escarmentadas deste noso mundo e namentres deixamos que campe e  se espalle a barbarie.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal