21:59 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2010

Este seguramente será o momento máis importante da historia recente na loita de clases

Folga xeral, sobran as razóns

Valorar (4)

SERAFÍN OUTEIRO FERNÁNDEZ



Folga xeral, sobran as razóns, porque o esixe o momento, porque o necesita a clase traballadora e porque sabemos que a solución dos nosos problemas laborais, está na capacidade que teñamos para loitar polos nosos dereitos.

Moitos traballadores e traballadoras, así como amplos sectores populares, están a pedir unha resposta contundente aos ataques desequilibrados á clase traballadora. De feito, a soberbia da patronal, a avaricia dos bancos e a vergoñosa actitude do Goberno, causan preocupación e gran cabreo durante os últimos meses. Cada vez máis xente esixe unha contestación mais forte. A día de hoxe sobran as razóns para convocala, e non ten explicación posible a actitude das centrais sindicais estatais demorando así unha decisión que as súas propias bases non entenden. O sindicatos teñen que dar unha resposta valente e convocar xa a Folga Xeral.

As medidas aprobadas polo Goberno de recortar os salarios na Función Pública e conxelar as pensións sen contar cos sindicatos, e a ameaza de facer a reforma laboral por decreto, teñen que ter unha dura resposta. A Folga Xeral ten que ser o principio dunha loita encamiñada a un cambio nas políticas laborais. Os datos demostran claramente cal é a situación. Por exemplo a do paro:, segundo datos do INEM, en Galiza temos 233.916 persoas desempregadas; nun ano, 23.254 persoas máis e segue en aumento. Incluso o Goberno recoñece que este ano, a pesares das medidas tomadas, seguirá crecendo. Do total de persoas desempregadas, un terzo non percibe prestación, con perigo de exclusión social pola falta de protección social adecuada. Pero as consecuencias máis graves están aínda por vir.

Nunha primeira fase despediron a persoal eventual e subcontratado. Xunto a estas medidas, utilízanse outro tipo de medidas para a interrupción dos contratos (flexibilidade, redución de dereitos, etc.). Pero nestes momentos estamos a entrar noutra fase. A situación vai empeorar e destruiranse máis empregos. En moitas empresas, unha vez finalizado un ERE, vén un segundo ERE. De agora en diante, moitos dos que no futuro se produzan, traerán consigo despedimentos. Tampouco podemos esquecer que a maioría dos despedimentos se producen de un en un, sen necesidade de ERE's. Esta situación non ten resposta por parte das Institucións, tanto estatais como galegas e, co pretexto da crise, están a utilizar o diñeiro público para impulsar negocios privados, en Galiza e no Estado. Os empresarios causantes da crise son os receptores deste diñeiro que se resta das políticas sociais. Xunto con iso, case todos os expedientes de regulación de emprego que chegan á Consellaría de Traballo son autorizados, teñan ou non acordo cos comités. Utilizan a crise para xustificar a necesidade de novos retrocesos no modelo de relacións laborais. Outras situación de crise foron utilizadas para aprobar recortes aos dereitos da clase traballadora (sempre coa axuda de CCOO e UXT, por acordo ou pasividade) e reformaron a política fiscal en beneficio das empresas.

Ante esta situación, non endurecer a resposta é deixar sen protección a miles de traballadores/as. Temos unha responsabilidade histórica e cada vez son máis as voces que esperan que os sindicatos digan "Non" a esta desregulación das Relacións Laborais. Da decisión que tomemos dependerá o presente e o futuro, ou nos facemos fortes ou deixamos que as políticas neoliberais culpables da crise saian reforzadas. A folga é necesaria e máis lícita que nunca, posto que os/as traballadores/as temos toda a lexitimidade para defender os nosos dereitos, tamén nesta situación económica. Aínda máis, tendo en conta que somos quen estamos a pagar as consecuencias dunha crise que non xeramos. A Folga Xeral servirá para fortalecernos e poder seguir facendo fronte ás políticas neoliberais que proclaman tanto PSOE como PP, estando ao servizo do FMI. A folga debe ser o primeiro paso que impulse o cambio.

Pero á parte de afrontar a crise, debemos esforzarnos en cambiar as políticas e estratexias que están detrás da crise. Isto é, debemos pór en dúbida a traxectoria que nos trouxo até aquí e por tanto, debemos pór enriba da mesa a necesidade do cambio. O problema non comezou con esta crise. Pola contra, os traballadores/as e amplos sectores sociais están, desde hai tempo, en crise. Esta é unha característica do modelo capitalista: a economía, no canto de estar encamiñada ao benestar dos pobos e dos traballadores e traballadoras, sacrifica a estes últimos para que os petos dalgúns cantos se enchan. Aínda que o período sexa de crecemento ou de crise, neste modelo, os traballadores e traballadoras sempre saímos perdendo.

Así o vimos no período de crecemento da última década. Mentres as empresas e a banca anunciaban cuantiosos beneficios, a precariedade estendeuse, os accidentes laborais convertéronse en crónicos, o dereito á vivenda crebouse, a discriminación en contra da muller fortaleceuse... Agora, cando os beneficios empresariais e das elites económicas non son tan grandes, queren manter eses niveis á conta da clase traballadora. O cambio é necesario, e tamén é posible. Unha e outra vez nos repetiron que o capitalismo non ten alternativa, pero ultimamente quedou claro, por unha banda, que o capitalismo non é todopoderoso e que ten graves problemas de viabilidade, e por outra, que ao longo do mundo, hai sectores e pobos queren emprender outro camiño. A nova fase de loita que dá comezo á folga e comeza con ela, debe servir, en Galiza, para estender a necesidade de cambio e unir forzas favorables a ela.

Estas son as principais reivindicacións da Folga: non á destrución de empregos, non á precariedade, non á redución de dereitos. Paremos os Expedientes de Regulación de Emprego. Traballo digno e seguro para todos os homes e mulleres, sen discriminación algunha. Orientemos a riqueza creada en Galiza a garantir o benestar de toda a cidadanía e esixamos Servizos Públicos de calidade e Protección Social efectiva para todas as persoas.

Aproveitemos esta crise para dar unha contestación social política e de país, reclamando un marco xurídico que recolla máis competencias para Galiza, sobre todo nas materias que máis nos afectan como clase, polo que temos que aspirar a un autogoberno sustentado na autodeterminación e soberanía nacional. Non podemos aceptar simples transferencias de xestión condicionadas ao modelo estatal. Temos que reivindicar, nestes momentos, as máximas cotas de competencias que a normativa posibilita, pero que non foron transferidas, así como aquelas outras que xogan un papel fundamental á hora de ter decisión propia en materias como emprego, protección social ou negociación colectiva, enchendo así de contido o Marco Galego de Relacións Laborais e Protección Social.

Esixamos pois da Xunta de Galiza que reclame a transferencia das competencias de Lexislación laboral e social, Políticas activas e pasivas de emprego, Inspección de traballo, Fondo de garantía salarial, as funcións da Seguridade Social e a xestión das cotizacións correspondentes etc..

É un bo momento para esixir un novo modelo social e económico, e proclamar o dereito a decidir en Galiza. Convertamos esta crise económica nunha oportunidade para loitar por un cambio real de modelo produtivo, económico e social, e tamén para verificar a necesidade de conquistar unha maior soberanía política para unha mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega.

Este e o momento para non renderse e dar contestación social, e non cedamos perdendo melloras sociais que, se perdemos, nunca máis volveremos a recuperar. Temos que estar fortes para que cando todo se normalice esteamos en condiciones de recuperar o que perdamos neste intre de crise económica.

Polo tanto este seguramente será o momento máis importante da historia recente na loita de clases. Por iso, a Folga Xeral con todas as circunstancias en contra que a rodean, e máis importante que nunca.

Folga xeral Xa!!!


[03-06-2010 19:01] afonso comentou:

A FOLGA XERAL É INDISPENSÁBEL PARA O MANTEMENTO DAS NOSAS CONDICIÓNS LABORAIS.
A CIG DEBE LIDERAR A CONVOCATORIA DA FOLGA NA GALIZA, FALEMOS CON ELA E LAB, COA INTERSINDICAL CANARIA COS COMPAÑEIROS CATALÁNS, CO RESTO DE FORZAS SINDICAIS MINORITARIAS E CONVOQUEMOS FOLGA XERAL PARA O VINDEIRO DÍA 15 DE XUÑO, QUE SEXAN CCOO E UGT OS QUE VAIAN A REMOLQUE, E DESPOIS ZAPATERO QUE APLIQUE A REFORMA POR DECRETO SE SE ATREVE!!!

[03-06-2010 10:59] xoxua comentou:

Totalmente dacordo. Non hai máis nada que engadir.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña