02:50 Mércores, 22 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-08-2017

“A forza do noso amor non pode ser inútil”, escrebeu Novoneyra. E así será: loitaremos incansabelmente, movid@s polo noso amor pola Galiza

Non enterran cadáveres, enterran sementes!

Valorar (43)

ROBERT NEAL BAXTER



Como para calquer patriota que se aprecie, non existe maior alegría do que participar nos actos que convocan o Bloque Nacionalista Galego e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, con motivo do Día da Patria Galega; desde a Homenaxe a Rosalía e Castelao en Bonaval seguida da Ruada da mocidade –que sucederon às arengas da miña xuventude– até a multitudinaria manifestación da Quintana, pasando polos concertos e o traballo militante na organización do Festigal. E desde que fixen da Galiza o meu fogar –van aló máis de 20 anos– nunca faltei a un só Día da Patria.  

Os días 24 e 25 de xullo conforman dúas xornadas carregadas de esperanza, como tan atinadamente recalcou no seu discurso a porta-voz nacional do BNG, Ana Pontón. Toda unha mostra da fraternidade e da entrega militante que caracterizan @s compañeir@s do BNG, que nunca deixaremos de soñar e traballar por unha Galiza ceibe e popular.  

Os festexos reivindicativos de finais de xullo dan rapidamente paso ao mes de agosto en que @s nacionalistas conmemoramos os mártires que deron a súa vida pola Patria: Moncho Reboiras, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal... só tres d@s milleir@s d@s bo/as e xeneros@s da Galiza que foron represaliad@s ou mesmo cuxas vidas foron segadas polo rexime franquista.

Hai quen pretende negar os horrores e os crimes do franquismo, alegando con total descaramento que: “Franco no fusiló a nadie ni dictó condenas de muerte”. Tamén hai quen nen se ruboriza ao proclamar, con absoluto cinismo, que: “El Régimen no fusilaba por capricho. [...] Fusiló infinitamente menos que fusilaron en Italia, Francia o Alemania. España vivió el genocidio de la izquierda en esos tres años [...]. De las 36.000 condenas a muerte sólo se fusila a 23.000”. Aínda que fose certo (que non o é, xa que foron case 5.000 as persoas asasinadas na Galiza e 150.000 en todo o Estado) que tipo de persoa pode falar de “só” 23.000 persoas fusiladas?  

Mais, por moito que se empeñen en negaren a verdade dos corpos tirados nas cunetas, das persoas paseadas e de toda a represión da Longa Noite de Pedra que caeu sobre a Galiza como unha lousa e que aínda hoxe non acaba de se levantar de todo, nós nunca daremos a esquecemento. Sempre clamaremos xustiza para a memoria das vítimas, con máis forza aínda desde que a Fundación ‘Nacional’ Francisco Franco ficou encarregada de xestionar o secuestrado Pazo de Meirás. Un escandaloso e vergoñento insulto ao povo galego e à súa memoria sen precedentes. Mexan por nós e din que chove!  

Ninguén no seu perfeito xuízo podería imaxinar que na Alemaña unha Fundación que levase o nome de Adolf Hitler chegase a rexentar o campo de concentración de Buchenwald sen protestas ou oposición por parte do partido do poder (sexa cal for) ou que os seus herdeiros gozasen dunha casa expropriada a unha familia xudía como residencia particular para pasar nela as ferias.   E non é só que na Alemaña non exista tal fundación, nen que non reciba subvencións públicas, mais que, à diferenza do que acontece no Estado español, calquer mostra  pública de simboloxía nazi fica totalmente prohibida por lei. É que Spain is different! Co seu Valle de los Caídos, as súas homenaxes públicas ao ditador no centro de Madrí con motivo do 20-N, as súas decenas de misas conmemorativas, os seus bustos, estatuas e cruces, as súas fundacións franquistas (en plural), os seus partidos políticos falanxistas, fascistas, etc., e mesmo os seus alcaldes... Inconcibíbel en calquer país democrático.

O BNG exixe que se faga xustiza. Non pode haber xustiza sen recoñecemento. Non pode haber xustiza sen reparación. Non pode haber xustiza sen que se devolva o Pazo de Meirás ao povo. Non pode haber xustiza encanto que, máis de 80 anos despois, o xuízo político contra Alexandre Bóveda segue sen ser anulado. Por isto o BNG impulsa unha Lei Galega da Memoria Histórica. A vontade dos mártires cumprirase pois, como ben dixo Castelao: “Non enterran cadáveres, enterran sementes.”  

Estas sementes de vencer son xustamente @s compañeir@s de Galiza Nova cuxas filas non cesan de crescer e @s camaradas da UMG que manteñen viva a chama que prendeu Moncho Reboiras, reunid@s nas IV Xornadas da Unión da Mocidade Galega, esa escola de militantes patriotas e comunistas que criou o Partido dous anos após o asasinato de Moncho Reboiras aos 25 anos.   Este ano, por vez primeira, puiden asistir à homenaxe que se rende cada ano ao noso camarada ante a porta da casa onde foi abatido, cribado de balas pola policia fascista, un 12 de agosto hai 42 anos na cidade que hai tan só 7 retirou a estatua ecuestre do ditador da praza pública. Non para destruíla, mais para gardala detrás dos muros do arsenal: non vaia ser que a queiran sacar outra vez... Encheume de orgullo ver tantas raparigas e rapaces que seguen a dar vida à canción: “Vide vide, camaradas, a loitar! Que a Unión da Mocidade está disposta a traballar: para facer da Galiza unha patria socialista e popular!”

“A forza do noso amor non pode ser inútil”, escrebeu Novoneyra. E así será: loitaremos incansabelmente, movid@s polo noso amor pola Galiza, para que se faga xustiza plena para o seu povo, até que cada galega e cada galego saiba onde xacen enterrados os seus familiares, varrendo da Terra o último rastro da simboloxía franquista, nunha patria finalmente libertada do xugo da memoria da opresión.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal