22:02 Sabado, 23 de Setembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-08-2017

Usar Galiza é materia de escándalo e esixe represión, polo que se ve. Para os seguidores servís do deseño oficial é un intolerábel exceso que debe ser castigado

O servilismo ao servizo da prostración

Valorar (46)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Levo tempo cavilando, case con obsesión, no trato recibido pola nena de  Porto do Son, que ousou usar a denominación Galiza no seu caderno escolar e nun exame. Hai detalles que son moi sintomáticos de cal é o estado de saúde dunha sociedade, que  tipo de institucións e poderes a moldean, ao servizo de que e de quen. Prodúceme certa mágoa impotente saber que se fumiga, con rabia, todo asomo de aspiración a sermos un pobo normal, con capacidade  para nos definir en función da nosa específica, orixinaria e necesaria diferente existencia.

Fun profesor de ensino secundario moitos anos, con mellor ou peor capacidade docente, segundo era a miña formación e foron as miñas circunstancias vitais. Por motivos que necesitarían unha longa explicación, só tiven como fundamental guía pedagóxica lograr que todos os alumnos e alumnas traballasen, rendesen o máximo posíbel dentro do horario escolar, dentro da aula,  procurando se interesaren por coñecer a materia obxecto de estudo como un instrumento de acceso a unha visión do mundo e de si mesmos. Practiquei, en todo o demais, un relativismo destinado a afastar a certeza dogmática valorativa sobre as súas capacidades. Simplemente, intentei que gustasen do que nos ocupaba, porque o entendían e gardaba algunha relación co seu, noso, mundo. Nunca recorrín, acertada ou desacertadamente, a xustificar a inevitábel cualificación regrada a través de exames, senón da asistencia a clase, da participación e do interese no diálogo e de comentarios escritos  que se podían mesmo facer na casa. Digo todo isto, porque nunca entendín, e menos agora, a abafante multiplicación de probas, avaliacións e controis burocráticos a que se somete a nenos e nenas desde idades temperás, para grave perturbación do que debe ser o coñecemento e o estudo, e configuración dun profesorado acrítico, dogmático, nada creativo e uniformado para mal.

Na Galiza esta configuración agrávase pois se exerce sobre unha realidade de opresións, prostracións, deformacións, ocultacións e renuncias que atinxen, moi seriamente, a nosa forma de socialización, a información e o coñecemento  recibidos, e xa que logo a conformación da identidade persoal e o sistema de valores. E aquí entra a nena de nove anos de Porto de Son, como unha vítima, non anónima, nin moito menos prostrada, como a maioría, senón senlleira e, sen pretendelo, pondo en evidencia a maquinaria de represión interna aos servizo da prostración do pobo galego,  en aplicación  de deseños definidos fóra,  mais que contan con inestimábeis e eficientes elementos e instrumentos indíxenas, internos,  para o seu desenvolvemento. Para comezar, sexa cal sexa a ideoloxía e a postura filolóxica ou lingüística de cada quen sobre un tema controvertido e opinábel, a calquera persoa ponderada, de formación e actitude pedagóxica non dogmática nin burocraticamente servil, anoxaríaa someter unha nena de nove anos a un xuízo inquisitorial, con secuelas represivas -baixarlle a nota- polo feito de escribir, en correcto galego, Galiza, for para se referir a este país como realidade xeográfica, material e humana, for para se referir á Comunidade Autónoma como entidade administrativa.  A actitude do profesor/a que cometeu esta desconsideración  prepotente e abusiva, a da Dirección que a xustificou, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística que lles dou o aval último e fundamental, forman parte dunha concepción educativa ao servizo da domesticación,  a través dun aparato burocrático que é capaz de facer caer no cretinismo dogmático  a moitos docentes e polo tanto no abuso, para asentar unha visión e unha práctica lingüística oficiais, penosas, restritivas e puramente protocolarias, sen a menor intención de revitalizar e espallar os seus usos orais e escritos. Dá impresión de que a política lingüística oficial consiste na expedición de certificados de boa conduta por parte dun departamento policial, que despreza, maltrata e ignora calquera aposta real polo galego ser de verdade unha lingua oficial de Galiza. É pura retórica que non debe ter consecuencias prácticas, so negativas para quen o tome en serio...

Este abuso prepotente faise, ademais, nun contexto no  que foi, e  é, clamorosa, recorrente, extrema,  a tolerancia e conivencia da Administración Autonómica, da Xunta, e en particular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con concellos, empresas, institucións de todo tipo, que non se cansan de violar, declarada e abertamente, a legalidade lingüística, non interpretábel, senón a prescritiva e obrigada, en materia de toponimia, por exemplo, sen recibiren amoestación, ou seren multadas ou denunciadas xudicialmente por iso.  Se a legalidade se abriu maioritariamente paso mesmo nas institucións que debían ser as primeiras en respectala non foi por un proceso coercitivo, foi polo paso do tempo, e porque non había tribunal de Xustiza, nen español, que puidese avalar tanto descaro  contra  a tan cacarexada legalidade, cando convén. Está tan cego ou cega o profesor ou profesora, a directora do centro, que levaron adiante tal atropelo contra a meniña de nove anos por usar Galiza, como para non ver que nos textos en español que se emiten, oralmente ou por escrito,  exames  ou cadernos escolares, no seu centro por parte da maioría, docente ou discente,  cando aparecen referencias a A Coruña ou Ourense, por exemplo, ou a Noia, por non citar moitos máis casos, as formas empregadas non son as legais, nin oficiais, senón as deturpadas, ilegais e non orixinarias, impostas polo dominio da españolización durante séculos? Báixanlles a nota aos que o fan, tratándose neste caso si, de manifesta non oficialidade e deformación? Descóntanlles no salario ao final de mes se son mestres , administrativos ou bedeis por non respectaren a toponimia oficial? Devolven  as cartas que chegan ao centro pondo La Coruña, a todas luces non legal? Tendo en conta que a presenza de Galiza, en calquera dos seus aspectos,  no propio sistema educativo do país é ben cativa, até é posíbel que non sexa moi frecuente facer uso dos seus topónimos.

Usar Galiza é materia de escándalo e esixe represión, polo que se ve. Para os seguidores servís do deseño oficial é un intolerábel exceso que debe ser castigado, un mal exemplo que non debe   ser imitado, pois indica un espírito subversivo  contra a prostración e un afán por romper o control que nos anestesia. Para quen teña un mínimo sentido pedagóxico e unha mínima ponderación da realidade, esta nena debía ser arroupada e valorada polo súa preferencia por denominar o  seu país da forma máis orixinal, diferenciada e xenuína, Galiza. Teño para min que esta nena, con boa lóxica, pensou: se somos un pobo diferente,  temos dereito a ser existentes, como xa cavilara Castelao. E optou por Galiza, pois marca a diferenza e a vontade de existencia. Cos criterios da burocracia servil e do deseño oficial restritivo, aínda seguiríamos sendo e chamándonos a nós mesmos gallegos no noso propio idioma. É dicir, como nos chaman  os españois en español....Así foi até practicamente ben comezado o século XX, que se restaurou o xentilicio orixinario, xenuíno...Quen pretenda ensinar, de forma  algo adaptada ao país, non ao servizo da  burocracia controladora empeñada na aplicación dun deseño destrutivo,  tería, cando menos, que ser cauto, comprensivo e respectuoso, nunha situación de tanta prostración e conflito latente, en concreto cunha nena de nove anos que escolle, dentro da lexitimidade e da legalidade para facelo, escribir Galiza no seu exame e no seu caderno...Xa non digo activista en contra desa prostración que nos anula...

Da Señora Defensora do Pobo, case mellor non falar. Non vou acusala de insensibilidade torpe, pois seguro que é listísima como galega obediente, óptima característica  para trepar. A súa desconsideración foi, neste caso, tan elevada como o seu entreguismo sen fisuras a quen a colocou aí, no cargo. Como pode ser Valedora de nada se comeza por comungar coa idea de o pobo galego non existir e non  mostrar a menor preocupación pola situación dunha lingua, a orixinal e propia de Galiza, que, seguramente nin fala, e o que, aínda é peor, despreza e considera que non debe ter normalidade de usos?. O desamparo  da meniña de Porto do Son  pola  Valedora é cruel. Desatende a chamada de protección a unha nena de nove anos perante unha represalia que vai contra a súa integración e socialización harmónicas. Como mínimo por un principio de prevención, debía avogar por amparala, tratándose dunha institución que, teoricamente, está para defender o pobo dos abusos, excesos e atropelos das administracións. Mesmo analizando o caso coa perspectiva da estrita aplicación da oficialidade burocrática rampante, o que non debe ser a práctica escolar, foi un exceso que habería que rectificar -o de baixarlle a nota á rapaciña-,  a través da recomendación de que reine a sensatez, o equilibrio e a primacía da pedagoxía, o interese e a  educación en liberdade de nenas e nenos por enriba da dogmática intransixencia para domesticalos.

Seguramente quedaron todos e todas moi satisfeitos coas súas heroicidades de burócratas, servís até a cegueira, nuns casos, intolerantes prepotentes, noutros, até o cinismo. Porén, o exemplo que deixan é o dunha sociedade cuxas institucións internas, as que debían servila, pretenden mantela metida nun funil onde só teña cabida o servilismo e o cretinismo intelectual e a insensibilidade moral perante a propia situación que vive.


[25-08-2017 12:30] Luuísa comentou:

Viva a nena GALEGA de PORTO DO SON.
Meus fillos tamén dín GALIZA,GALIZA G A L I Z A !!!!!

[24-08-2017 19:15] obdulia veiga roman comentou:

Amigo; eres un valente.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal