00:15 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2010

Os que comandan a nave do sistema foron preparando o terreo con unha especie de guerra preventiva na que instalaron a ideoloxía da resignación e do sentimento de “nada se pode facer”

Hai que loitar contra a desesperanza

Valorar (37)

MONTSE PRADO CORES



Non se trata só dunha crise económica, estamos diante dunha crise social e política onde se está a evidenciar o choque de intereses entre as diversas clases e grupos sociais. Trátase dunha ofensiva política brutal emprendida polo capital e os seus axentes, non só no sentido de afirmar o proxecto neoliberal, senón na tentativa de implementar unha auténtica revolución conservadora. O obxectivo é debilitar o traballo, precarizalo, desmantelar as empresas e servizos públicos, reducir os espazos democráticos, atomizar a sociedade e proclamar o reinado do mercado como o mellor dos mundos posíbeis.

En Galiza, a consolidación deste proxecto non se fixo na súa totalidade, fundamentalmente pola actuación do nacionalismo organizado

O nacionalismo galego ao longo da súa historia sempre foi de cara, dicindo o que pensaba e tentando que o noso pobo adquirira consciencia de que ninguén dá pesos a catro chicas e de que para existir hai que loitar.

Cando a entrada do estado español na CEE,  que nos era presentada como a única saída para a nosa supostamente atrasada e demasiado apoiada no sector primario da economía, fomos  contra corrente e fixémoslle ver á xente que non era así e que de verdade había alguén que lle quería roubar as vacas ao labrego, pero ese alguén  non eramos os nacionalistas.

Cando o Tratado de Maastricht fomos os únicos que puxemos enriba da mesa unha análise do que suporía realmente a súa aplicación e presentamos unha alternativa baseada nunha construción europea distinta, unha construción europea baseada nos pobos e na xente non en función dos intereses das transnacionais e dos máis fortes. Tamén aquela foi unha loita difícil que tivo diversos capítulos e distintos textos Amsterdam, Niza, Lisboa... en todos eses momentos fomos quen que dar argumentos enfrontándonos ao "europapanatismo" que quería acusarnos de sermos atrasados e inimigos de Europa; lembremos senón os ataques mediáticos e non mediáticos que soportamos cando en febreiro de 2005 defendimos o voto NON ao Tratado Constitucional.

Na actualidade asistimos a unha nova ofensiva para aplastar a resistencia e calquer movimento de oposición ao modelo. Os que comandan saben que a crise actual vai producir contestación social e foron preparando o terreo con unha especie de guerra preventiva na que a principal arma de destrución masiva é a instalación   da ideoloxía da resignación e do sentimento de "nada se pode facer".

Queren facernos crer que a sociedade está rexida por leis eternas e inexorábeis e para elo é imprescindíbel que os pobres se sintan culpábeis de ser pobres, que os funcionarios se sintan culpábeis por ter estabilidade laboral, que os pensionistas se sintan culpábeis por cobrar sen producir, que os traballadores se sintan culpábeis por esixir soldos que lles permitan chegar a fin de mes, que nos sintamos culpábeis de esixir servizos públicos e de calidade cando unha empresa privada os pode ofrecer máis baratos. Trátase de tildar de perigosos aos que se opoñen aos seus designios.

Igual que lles é imprencindíbel que asumamos o papel de Galiza como unha nación subsidiada, e que non nos rebelemos contra o marco europeo que teñen deseñado; un marco no que non se contempla o noso dereito a decidir, a ter e defender unha economía autocentrada nin por suposto unha identidade propia que leve aparellada o recoñecemento de dereitos políticos.

Nesta ofensiva a descomposición da política, o descrédito da representación política está a gañar unha boa parte da opinión pública; tarefa na que os medios de comunicación ao servizo do sistema desempeñan un papel fundamental na manipulación da realidade con obxectivos ideolóxicos e políticos para infantilizar e descerebrar aos individuos; as sondaxes, as tertulias, os "expertos", os opinadores, os blogs... reemplazan o debate e a participación democrática da poboación, ao igual que os poderes democráticos son substituídos polos poderes económicos.

Esta realidade fai imprescindíbel dar respostas e estas deben ser construídas de xeito colectivo. Diante dun capitalismo mundializado e xerarquizado baixo a hexemonía dos Estados Unidos, resistir e convencer de que hai outra alternativa debe ser tarefa fundamental. Non podemos permitir que o individualismo competitivo lle gane a batalla á loita e ao benestar colectivo, non podemos permitir que se consolide a  interiorización da impotencia, da desesperanza, "dado que non podemos cambiar a orde establecida que cada quen se busque a vida como poida".

Non pode ser tempo para a desesperanza nin o desencanto, temos que ser quen de transmitirlle á sociedade galega que é máis preciso ca nunca a loita activa, a denuncia, a reivindicación. De nós depende porque os dereitos conquístanse, non se agasallan.


[03-06-2010 14:57] O Cachorro comentou:

Hoxe estiven nunha asemblea de traballadores do sector público e boa falta facía distribuír este artigo para neutralizar certos argumentiños que andan por aí. Polo menos a chuzalo na rede! Parabéns á autora pola clareza da exposición e o ánimo que transmite.

[03-06-2010 09:13] Dimitrov comentou:

Deche no clavo, Montse, porque a desesperanza, unhas veces obxectivábel, outras inducida, está a corroernos. Así e todo, a pregunta está en determinar que responsabilidade temos cada un de nos na mesma, que algunha temos. A outra, a que esta na propia natureza da crise é fariña doutro costal.

[03-06-2010 00:33] Catarina comentou:

Os dereitos non só se conquistan senón que neste momento é máis preciso se cabe defendelos. Como díxo Castelao "mexan por nós" mais non debemos dicir que chove. Adiante, o nacionalismo é Galiza pois sen nacionalismo Galiza seguiría sendo "ese rincón verde del noroeste"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña