19:08 Mércores, 22 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-08-2017

Acaso non nos decatamos de que, a marchas aceleradas, estase a perder a Galiza como referencia, como marco, como ponto de partida e como devolución do que somos como seres sociais?

Cartas da baralla e libros

Valorar (23)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Sendo nena a miña afillada, xogaba con ela a facermos torres coas cartas da baralla. Unha vez superada a súa tentación  -tantas veces irresistíbel-  de botalas abaixo, íamos construíndo a base e mais os andares e, se a sorte ou a habelencia nos favorecía, chegabamos a compoñer unha boa torre, que, porén, pouco duraba, pois un movemento involuntario ou alguén que abría a porta e provocaba corrente de ar facía con que alá se nos fose o invento... Se a fixésemos con libros, dicíalle eu, non se viría abaixo tan doadamente... Pesan moito, obxectaba... Si tal, mais cando os deres lido, xa che van á cabeza e non tes que cargar con eles...

Desculpen esta relembranza infantil e a analoxía, probabelmente pueril, que utilizarei agora oportunistamente. Noutrora, nas asembleas e órgaos de dirección do BNG, xulgouse un éxito indiscutíbel conseguirmos, por exemplo, apresentarmos candidaturas en todos os concellos galegos. Non cabe dúbida de que tal fotografía eleitoral comunicaba unha vontade nacional, un afán lóxico de cobrir o mapa de toda a nación sen excepcións. Mais tanto a representación obtida nestes comicios como noutros reduciuse por mingua de apoios, por defeccións ou por perverso acaparamento da acta e do cargo público para os poñer ao servizo da biografía do individuo correspondente e doutra formación política. Aínda contando con que non hai cabeza humana nen política que poida prever ou prevenir tal carga de desafecto, destrución interior e tentativas de derruba desde as proprias filas, non é menos certo que, en non poucos casos, a falta de convicción, a nula ou escasa formación, o descoñecemento da propria historia do nacionalismo galego histórico ou contemporáneo, a ignorancia de nocións básicas de por que el existe e ao servizo de que..., provocaron a “caída” do edificio ou fendas que lañaron gravemente a súa arquitectura. A torre de naipes é vistosa e ascendente. Pouco importan a cartas con que se compón; non importa o seu valor ou a súa función en cada xogo diferente: abonda só con ilas colocando ben. Mais coa mesma dilixencia con que se elevan, poden caír... e a volver empezar. As “torres” de libros son, obviamente, máis consistentes e duradoiras, mais xa estou tardando en aclarar a que chamo “libros” no nacionalismo galego de hogano.

Non me refiro á acumulación dunha cultura libresca, aínda que non estaría de máis “desapantallarse” un pouco e preocuparse por ler clásicos galegos do pensamento e da literatura ideolóxico-política que sustentan a necesidade de forzas políticas proprias, de asumir e practicar o principio de auto-organización, de elaborar, en suma, ideas e alternativas non miméticas das españolas, europeas ou occidentais-globais. Cómpre ler libros, claro está, e cómpre ler na realidade en que vivemos. Os nosos antepasados directos falaban da precisión de galeguizar a Galiza. Se hai cen anos este mandato se reputaba imprescindíbel, que non diriamos da súa necesidade hoxe?

Como non nos decataremos de que a asunción do galego como idioma oral, social, escrito en todos os soportes  -e non só a súa defensa nominal ou ritual-  dános a medida exacta do creto que lle concedemos a Galiza como país merecente de seguir existindo? Existindo, xaora, con vida e traballo para os seus habitantes, non como carcasa baleira, parque temático para turistas ou fornecedor de riqueza allea. Acaso non nos decatamos de que, a marchas aceleradas, estase a perder a Galiza como referencia, como marco, como ponto de partida e como devolución do que somos como seres sociais? Ignoramos  -ou finximos non ver-  como a “galeguidade” que tantos compatriotas se conceden e permiten redúcese á comida, ás festas e a unha autocompracencia psicolóxica perfeitamente asimilada e asimilábel? Captamos, en fin, como aumentou de xeito descomunal a colonización política, cultural e até psicolóxica que simplesmente nos condena a non termos futuro, a sermos un resto ou minoría contraria á marcha dos tempos, lonxe de toda “modernidade”?

Haberá quen dixer que este é un cuadro en exceso pesimista e que, por contra, cómpre despertar a “ilusión” a toda custa. A tan amentada “ilusión” posúe, como se sabe, ao menos dous sentidos diferentes, o conectado ao afán por mudar o estado das cousas e o relativo a unha alucinación, un espellismo, unha aparencia. A de naipes é unha aparencia de casa. A dos “libros” leva máis tempo edificala, mais é moito menos vulnerábel, é moito máis segura e perdurábel. As casas, ou os monumentos ou as pontes necesitan alicerces firmes e sólidos. Só así van persistir. Así mesmo, non ten o menor sentido preocuparnos por acumular páxinas de pulcra doutrina política e, asemade, continuar a patrocinar, por activa ou por pasiva, un comportamento nas institucións de goberno hostil ou indiferente para coa lingua galega. Non ten o menor sentido entoar cánticos de amor á cultura galega e pagar o engorde e promoción de estrelas ou meteoritos foráneos. Non ten, en fin, o menor sentido contentarse cun uso interno da lingua, previsíbel, redundante, e abandonar ou asegundar a loita pola súa socialización crecente. Trátase de cumprir con que e con quen? Coa propria organización ou co povo galego ao que dicemos representar e defender?

O catálogo de perguntas podería incrementarse longamente. Deixémolo aquí. Torre de cartas da baralla ou torre de “libros”: eis a escolla, ao menos tal e como eu a vexo. Será porque teño moi presente o exemplo de Castelao cando se negaba a ser estupefaciente ou iluso autocompracente.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal