03:18 Luns, 11 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-08-2017

A burbulla na que nos introducimos atendendo soamente aos medios de comunicación concordantes coas nosas ideas, vese potenciada tremendamente na era dixital coa irrupción das redes sociais

A Burbulla social e as mentiras fabricadas na Rede

Valorar (50)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



Nunca te preguntaches por qué todo o mundo che da a razón nas redes sociais? Pensas que vivir nunha realidade paralela dun mundo feito á medida das túas crenzas é bo? Tentas investigar sobre a veracidade das novas que favorecen ao teu modo de pensar? Todo isto se pregunta o activista Eli Pariser no seu libro “The Filter Bubble” publicado hai seis anos pero que sigue de absoluta actualidade nuns tempos no que todo vai a velocidade supersónica. De feito estes conceptos sempre foron fonte de preocupación aínda que agora a tecnoloxía os potencia en grao sumo. Xa Ramón Campoamor escribía “Neste mundo traidor nada é verdade nin mentira, todo é segundo a cor do cristal co que se mira” dando lugar á Lei Campoamor que enuncia que ningún valor é inmutable e que impera o subxectivismo e a arbitrariedade.  

Todos temos tendencia a informármonos a través de medios de comunicación afines aos nosos pensamentos, xa fora a través da impresa, da televisión, da radio ou calquera outra fonte previa á chegada dos medios dixitais. Este feito que en principio pode resultar agradable e beneficioso ten unha parte negativa, cal é que nos encerra nunha burbulla impermeable a novas ideas e persoas e que nos impide percibir a verdadeira realidade na que vive o conxunto da sociedade. Particularmente grave resulta na militancia política activa pois se corre o perigo de traballar soamente dentro da burbulla, coa xente convencida e perdendo a capacidade de analizar o que hai fora e que inflúe no resto da xente que tería que ser un obxectivo prioritario no desenvolvemento dunha conciencia social e nacional.

A chegada da era dixital e das redes sociais meteulle un foguete a este problema disparándoo até limites preocupantes. Os algoritmos motor das redes sociais foron evolucionando desde 2009 na procura da persoalización dos resultados para cada usuario e semellan terse pasado de freada. Xa non solo nos persegue publicidade e máis publicidade relacionada coa nosa última compra ou procura senón que todo o publicado en redes sociais, procuras e medios dixitais parece estar feito ao noso modo de pensar e ver as cousas. Solo aparecen artigos coincidentes co noso sentir, opinións de amigos e amigas coas que concordamos e nunca quedamos expostos a novas ideas e persoas.

O obxectivo real dos algoritmos é mostrarnos contidos que nos gusten e que nos leven a pasar o maior tempo posible dentro da rede social. Ten as súas vantaxes, pero como xa comentamos, tamén os seus inconvenientes que son os de afastarnos e facer inaccesibles os puntos de vista diferentes. E de aquí provén a segunda parte deste artigo que logo desenvolveremos: Aquelo que nos chega dun medio afín ou dun amigo que pensa coma nos, non provocará nin a menor perda de tempo en poñelo en dúbida, o daremos por veraz e punto. Esta perda de obxectividade é o burato polo que se introducen as mentiras fabricadas.

E como escapamos aos algoritmos? Internet ten a capacidade de descentralizar o coñecemento e o control, pero o certo é que sucede todo o contrario, ese control do que vemos e das oportunidades que se nos ofrecen está cada vez en mans de menos xente. A persoalización é invisible para o usuario e polo tanto está fora do noso control. Así que debemos estar abertos a todas as opinións, gusten ou non, temos que facer os esforzos precisos para atopar novas ideas e persoas, buscándoas activamente ou enganando aos motores de procura, amosando interese e preferencias por outros puntos de vista e temas. Borrar as cookies e navegar en modo incógnito tamén axuda.

Chegados a este punto temos que falar das mentiras neste tempo de postverdade. A mentira é un negocio para os propios operadores de Internet xa que provoca tráfico e o tráfico move o negocio, e a mentira é unha arma moi poderosa en mans irresponsables, que poden ser até os propios gobernos. A mentira se fabrica atopando puntos débiles e fixándose uns obxectivos e será crida sen maior problema polos habitantes das burbullas ás que se dirixe.

As tres novas máis lidas o ano pasado no Estado eran falsas. Non é que o falso se impoña ao veraz é que o fulmina. E a mentira mobiliza as persoas e provoca incluso cambios de goberno ou inflúe de xeito decisivo no resultado dunhas eleccións, e é que xa non imos aos medios a informármonos, son os medios os que veñen a nos.

Son innumerables os grupos de presión, gobernos e demais axentes, xa con fins políticos ou ben estratéxicos, interesados en utilizar de xeito indiscriminado a mentira como arma, coa colaboración das operadoras (máis tráfico, máis cartos lembramos). E non é nada doado facer fronte a esta tendencia, podemos co noso compromiso persoal manter a obxectividade pero nada podemos facer diante de burbullas fortemente partidarias, con persoas altamente aleccionadas que van a crer o que sexa, tal e como queda de manifesto no efecto Trump e a mentira por norma.

Mete medo pensar en todos os servizos secretos do mundo postos á faena no asunto destruíndo candidaturas ou promocionando a outras. E iso non é todo, os ciberataques son cada vez máis sofisticados e cunha orixe cada vez máis próxima aos organismos que tiñan ser referente e gardiáns da legalidade. Un especialista informático preparado é moito máis valioso e buscado que todo o conxunto de forzas militares tradicionais.

Desgraciadamente a verdade non vende nin xera tanto tráfico como a mentira. Antes aos medios se lles supoñía un código deontolóxico que implicaba unha comprobación exhaustiva dunha nova antes da súa publicación. Agora esa comprobación a temos que facer nos e si estamos cómodos na nosa burbulla, é moi difícil que o vaiamos a facer, non dispoñendo ademais dos medios precisos para facelo. Todo isto tamén está a influír nos medios tradicionais, cada vez lemos ás novas publicadas de xeito máis subxectivo e interesado. Unha mesma información aparece de xeito totalmente diferente e partidario segundo o medio na que foi publicada. Ultimamente a miña primeira diversión da maña ao chegar ao traballo é poñer todos os medios escritos espallados pola mesa e comparar as mesmas novas e os distintos titulares. Daría para botar unhas risas se o asunto non fora tan serio.

Lamento ser pesimista, máis se sempre nos queixamos do trato discriminatorio dos medios e da súa exixencia de cartos para non facernos invisibles, ou ser tratados de xeito xusto cando a nova non quedaba outra que publicala e tíñamos esperanza de que as redes foran a panacea para facérmonos visibles e espallar as nosas ideas, atopámonos que estas, como non reaccionemos, o único que provocarán será o fornecemento das burbullas nas que nos podemos ver pechados coa conseguinte retroalimentación de compañeiros e compañeiras, sen ter achegamento algún ás capas da sociedade ás que se quere chegar e incidir. Semella moito a cando se organizan actos, con todo o esforzo, e sempre asisten as mesmas persoas convencidas, non precisamente as persoas-obxectivo ás que se quere chegar.


[09-08-2017 22:04] Raúl Río comentou:

Un dos millores artigos que leín recentemente. Parabéns e adiante!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal