03:40 Martes, 21 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-08-2017

Os medios de comunicación son empresas económicas que se utilizan para gañar cartos e introducir ideoloxía

Os medios que nos afogan

Valorar (17)

LOIS DIÉGUEZ



Do mesmo xeito que os portavoces do Gran Amo (a maioría esmagadora dos medios de comunicación dominantes), saísen como saísen as eleccións de Venezuela, dirían que Maduro perdeu e fixo trampa e que iso é unha ditadura e que xa se pode comparar con Franco etc., etc., digo eu que sacar un 41 por cento tendo todo o Imperialismo capitaneado polos EEUU e a democrática España gobernada precisamente por neofranquistas a batallar contra o presidente venezolano e aleitando a unha oposición agresiva e violenta, non está nada mal. E se se ten un espírito minimamente democrático, non se pode obviar a violencia de quen desde a oposición agride e mata persoas e destrúe patrimonio público e asasina a candidatos destas eleccións á Asemblea Nacional mesmo nas súas casas, ou queima policías. O contraste coa actitude de continua loa e ánimo e axuda mantida durante a ilegal campaña do referendo animada en exclusiva pola chamada oposición é clarificador.  Cando desde aquí se alimenta pola dereita reaccionaria e a mesma socialdemocracia a fogueira da violencia no canto de tratar de alimentar o diálogo entre as partes enfrontadas, calquera parecido coa idea pacifista  e de avance social desaparece.

E aquí, adaptados a unha situación diferente, mándannos cada día, á par de Venezuela, a metralla contra o goberno catalán e o seu dereito a facer un referendo sobre a súa independencia. Son consciente de que isto, nunha mentalidade típica a la española, é moi difícil de dixerir, pois axiña sae o espírito ditatorial asentado durante corenta anos por Franco, ou a dificultade de entender os dereitos colectivos na súa realidade.  Pero teremos que aceptar que tamén é outra demostración de que os corenta anos de democracia de pouco valeron para romper os tabús da sacrosanta unidade de España e asumir con naturalidade o dereito democrático das nacións a buscar libremente as súas relacións cos outros, cos demais; a ser como elas queren  ser. Demostración tamén de que a tan loada transición política deixou tantas cousas no tinteiro que agora estoupan por todos os lados, de tal xeito que até pode existir unha asociación que glorifique a figura do fascista e ditador causante nada menos que dunha guerra civil que levou por diante a centos de miles de persoas. Lembramos que os neofranquistas que nos gobernan non condenaron claramente a barbarie. E que os "burriños dos galegos" aínda teñamos que aceptar que a tal asociación faga a súa propaganda e desfrute dun pazo e dunhas terras que nesa guerra lle foron roubados pola brava ao pobo da contorna de Meirás.

Son estes os dous temas estrela nos que se veñen cebando os portavoces do Gran Amo desde hai bastantes meses. Nos telexornais, nas tertulias, nos Deluxe da vella creme (porque ten esa mentalidade este programa "a lo pijo"), nos debates desiguais sempre asegurados polo dobre dos representantes da dereita española fronte aos demais, nos xornais e nas emisoras de radio, nas redes sociais, todo ben organizado e coa consigna lanzada como un dardo cunha alta dose de veleno. Non me amola a min o debate nen a discrepancia, ao contrario, son necesarios e mesmo fundamentais. O que me amola é o ton, o abuso, a argumentación metida a machado, esas expresións de soberbia e mando. Introducir os aspectos máis reaccionarios da ideoloxía como norma da maioría. E furarnos o cerebro durante as vinte catro horas  do día sen que a cabeza poida descansar. En todo lugar e espazo. Como resultado, fica a ferver a cabeza da xente máis preparada para resistir o acoso, e máis asimilada a que non se pode defender pola vía da análise crítica.

Os medios de comunicación son empresas económicas que se utilizan para gañar cartos e introducir ideoloxía. Só os economicamente poderosos son quen os dirixen. Nen a familia, nen a escola poden competir con eles na educación que recibimos desde nenas e nenos. É ben claro que a súa actitude non é precisamente a de equilibrar os pensamentos diferentes. Ao fallar iso, eses medios convértense dalgún xeito en ditaduras da conciencia. De aí que as maiorías sociais occidentais estean controladas ideoloxicamente sen grande posibilidade de resposta. Con todo isto ten que loitar unha mente consciente dos abusos que se cometen e con capacidade de crítica profunda. Teoricamente todo o mundo pode dicir o que pensa, educarse, ler medios distintos, falar, pero na realidade non é posíbel. Hai moitos xornais, televisións, radios, en distintos soportes, que contradín a mentira e airean datos que non son os dos grandes medios, ofrecendo outros que estes ocultan (aquí está o cabalo da batalla: sen datos nen coñecemento non se pode opinar, non se pode ser libre). Pero é imposíbel que cheguen a esa gran cantidade de xente que é a que sufre as consecuencias deste sistema capitalista feroz. Daquela, que facer? Será posíbel mudar as situacións desfavorábeis da xente ou conseguir que a súa formación sexa plural e realmente democrática.

Pois isto é o que intentan conseguir eses escasos países, nacións, pobos, xentes, que logran formar gobernos independentes de maioría popular. Os exemplos dos que falaba ao principio son a resposta que recibimos dos poderosos que dominan o mundo cando intentamos botalos das súas poltronas. A batalla, a resposta está, polo menos, en sabelo, en ser conscientes diso. Esta é a cuestión. A esperanza nunca se pode perder, certo, pero o slogan tampouco pode quedar nunha simple receita.       

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal