03:15 Luns, 11 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-08-2017

Hai moitos síntomas que nos indican que entramos nunha nova etapa do sistema capitalista mundial

O novo imperialismo

Valorar (12)

FRANCISCO GRAÑA



Hai moitos síntomas que nos indican que entramos nunha nova etapa do sistema capitalista mundial, despois de máis de cen anos de duración da chamada fase superior do capitalismo. A derradeira fase do mesmo. Evidencias de que comezamos unha nova etapa, posiblemente moi longa,cargada de modificacións profundas, que rematan coa relativa e curta estabilidade acadada co Imperialismo estadounidense, tras a caída da Unión Soviética, a pesar da súa sistemática agresividade. Con ela, tamén cambia a xerarquía establecida entre as distintas potencias occidentais, segundo a forza militar, económica e política de que ate de agora dispoñían e que é coñecida como a cadea imperialista.

Nun mundo en movemento caracterizado pola polarización global entre o Imperialismo e a Soberanía dos pobos, xorden outros fenómenos que se relacionan e inter- actúan, promovendo cambios que hoxe xa son visíbeis dabondo, a pesar do confusionismo xerado pola manipulación  informativa de Occidente.

A inexorábel decadencia do Imperio Unipolar estadounidense, asociada a emerxencia  de novos centros mundiais de poder, principalmente China, Rusia... conducen o mundo a un novo período do Imperialismo, que cada vez máis, xa non pode basearse nun só centro dominante, os EEUU., e tende a ser Multipolar, reeditando en certa medida ao primeiro ciclo da fase superior capitalista que tamén o era, existente antes da Primeira Guerra Mundial, é dicir, do Imperialismo  como fase superior descrito por V. I.Lenin.

Mais os procesos históricos non retroceden ao mesmo punto de partida, non forman un movemento pendular, aínda que o aparenten; avanzan nunha espiral hegeliana preñada de novos eventos socio-políticos. E tamén, con máis motivos, é previsíbel para este recente Imperialismo Pluripolar, que ten un orixe parcialmente distinto do primeiro nacido no proceso de concentración e centralización do Capital e o nacemento dos Monopolios.

 En primeiro lugar, estamos diante dunha crise económica estrutural coa clásica caída  da taxa de lucros derivada da redución da máis-valia global, pola sobre-acumulacón de capital privado. O proceso de globalización imperialista xa alcanzou todos os recunchos do planeta , xa non hai lugar onde expandirse máis para que o Capital poida explotar novos paises. Pero o sistema necesita recuperar a perda de lucros pola caida do excedente , e si non é coa máisvalia extraida pola explotación da forza de traballo, o busca por outros canles Así recorre as guerras e saqueos, terrorismo, especulación, armas, drogas, corrupción... para compensar a baixada da taxa de lucros. O Capital é insostíbel, depende dos beneficios para existir e funcionar, e cada vez o ten máis difícil  pois o planeta é limitado, redondo, e non lle queda outra saída que o saqueo da riqueza existente polos medios que sexan. O caos está servido.

As fisuras que se producen no centro imperialista son as consecuencias da crise, pola intensificación da competencia, rivalidade e os desequilibrios dos procesos económicos  entre as distintas fraccións do Capital no proceso de Globalización liderado polo capital financeiro , entre o capital nacional e o global; o fenómeno Trump e os distintos populismos en Europa teñen relación con estas conflitivas situacións. Ante o incremento das tensións  e a inestabilidade, as perspectivas da activación da loita de clases en distintas nacións  son maiores  nesta nova etapa que no pasado ciclo do Imperialismo Multipolar, a pesar de padecer  dúas guerras mundiais, as primeiras revolucións socialistas na periferia do sistema imperialista  e numerosos movementos de liberación nacional.

A Globalización continúa hoxe coa concentración e centralización agresiva do Capital, mediante o saqueo e o despoxo xeneralizado con todo tipo de guerras  localizadas . Mais hoxe, unha nova Guerra Mundial non é un medio axeitado pois non habería  nin vencedores nin vencidos , sería o fin da sociedade humana.

En resumo, estamos asistindo a unha renovación dun período pretérito de loitas  sociais e políticas, que dadas as devanditas circunstancias prometen ser máis intensas e abundantes que as acontecidas  no século XX, e poden aínda ser máis fecundas e favorábeis  para os pobos e as nacións do mundo que o foron nese pasado histórico.

As novas potencias emerxentes non son hoxe unha alternativa ao capitalismo como sistema, mais si son unha alternativa de poder mundial. Non obstante, poden recorrer  unha etapa histórica de intensa loita socio-política cara a outros sistemas anti-capitalistas. En todo caso, a súa práctica de Soberanía e Non inxerencia noutros países os converte unha axuda imprescindíbel para a emancipación dos pobos cun efecto recíproco,  pois a construción do Socialismo é imposíbel sen esa condición. Nunha situación de forte conflitividade socio-política, como é previsible grazas a debilidade e inestabilidade do Imperialismo capitalista,  os centros de poder emerxentes serven de apoio, coa súa simple existencia, a proliferación de movementos de liberación nacional, tanto nos países  sen Estado como nos que carecen del, e abren vías alternativas ao sistema capitalista, ao Socialismo, que sen dúbida se multiplicarán de continuar o proceso de disgregación do  Imperialismo.

A proliferación de Estados-nación soberanos, son hoxe o  camiño máis seguro  para transitar cara un sistema substitutivo do Imperialismo capitalista, como un Nacionalismo   internacional voluntario e democrático baseado na práctica do exercicio de Autodeterminación e non inxerencista na soberanía dos pobos, contrario a Mundialización  Globalista, autoritaria e cosmopolita.


[12-08-2017 16:04] francisco graña comentou:

"tanto nos países con Estado como nos que carecen del" Grazas xosé de navia, polas túas voltas. Unha aperta

[05-08-2017 09:41] xose de navia comentou:

"tanto nos países sen Estado como nos que carecen del."???..............ainda sego dando voltas ao asunto. Unha aperta meu

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal