20:02 Venres, 22 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-08-2017

Acontece que me sorprendo a min mesma falando cos que xa non están cando percorro os camiños das aldeas de arredor

Como en Pedro Páramo

Valorar (18)

MARICA CAMPO



Cando en 1972, o que despois se había chamar Fuxan os Ventos,  gañou o  premio no III Festival Musical das San Lucas, en Mondoñedo, coa canción que lle daría nome ao grupo  (presentárase como Folk 72),  eu non comprendín por que falaban de campos orfos nin de vellos que morrían sos, afogando as penas. Tamén Vaise pechar unha casa máis, a obra teatral de Xulio Pita e Os Baluros, incidía no mesmo tema. Xa antes X.M. Carballo  fixera o mesmo en Dous vellos e unha soa soidade.

Certo que eu coñecía algún caso de soidade extrema, algunha muller que elixira a morte por ter os fillos na emigración; mais, practicamente, de todas as chemineas do Val do Mao, no concello do Incio, saía fume, o que quere dicir que había lume. Íase xente, pero as casas quedaban habitadas.

A do Val do Mao foi, durante bastantes anos, unha afortunada excepción. A canteira de Cadamonte, de calcita para a fábrica de cemento de Oural, fixou a poboación ao dar abondosos postos de traballo. Unha economía mixta,porque ninguén abandonou as terras que traballaban asemade, elevou as cotas de benestar até onde nunca imaxinaran as xentes da contorna.

Porén, a canteira de Cadamonte esgotouse e a fábrica de Oural  chegou a se paralizar ao teor da crise da construción, ou mesmo como indicio de que esta ía amosar o seu duro rostro.

O conto é que no Val, no meu querido Val do Mao, a cadora se cerran máis casas e, as que fican abertas, non teñen máis futuro que os seus octoxenarios donos.

Acontece, xa que logo, que me sorprendo a min mesma falando cos que xa non están cando percorro os camiños das aldeas de arredor.

Non sei se era consciente  Juan Preciado, o personaxe da obra de Rulfo que acode a Comala na procura do seu pai, Pedro Páramo, de que na poboación abandonada soamente o estaban a recibir os mortos. Con eles falaba e interactuaba nun dos relatos máis fantasticamente reais.

Seguramente isto nos aconteza a moitas persoas ao visitarmos os lugares da nosa nenez, mesmo ás que practicamente non estabamos más que nas vacacións por estudarmos na cidade. Porén, coñeciamos a todo o mundo, se non polos apelidos, si polo nome e pola casa.

A rapazada de agora, aínda tendo menos poboación que memorizar, adoita descoñecer os veciños que non lle cadren moi de cerca. Acontece isto porque viven máis metidos na casa, apegados ás diversas pantallas que alimentan as súas vidas. Estuden fóra ou non, a natureza, a realidade real, valla a redundancia, non semella chamalos.

Por iso perderon os nomes dos paxaros, das árbores e das demais plantas, e pasaron aos xenéricos sen maior sentimento de perda. Así, non só se baleiran as casas que, sen xente que mire por elas, se ven a miúdo colonizadas polas hedras, os couselos e as ortigas, senón que os nomes vagan como fantasmas sen saberen onde pousar.

Corenta e cinco anos despois daquela canción que comecei citando, quixera que o optimismo e a esperanza, que malia todo, aboiaban nela (“No fondo da (i)alma do noso pobo / latexa a forza/ dun mundo novo”) alentasen proxectos sostíbeis para que, mellorado, o xeito de vida no campo non desaparecese.

Parafraseando a  Juan Preciado, necesitamos enchernos de soños e darlles voo ás ilusións. E dese xeito, formarásenos un mundo arredor da esperanza que é esa señora chamada Galiza, a nosa terra.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña