19:36 Sabado, 16 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-08-2017

Interveu no Parlamento pedindo explicacións, esixindo a paralización da constante sangría dos orzamentos públicos dirixidos á Fundación

Canta razón tiñas, Pilar!

Valorar (27)

EDUARDO ÁLVAREZ



Nos próximos meses teremos ocasión de ver sentados no banco dos acusados da Audiencia Provincial en Santiago a Marina Castaño, exmarquesa, exviúva e exlegataria do patrimonio de Cela; a Tomás Cavanna, exdirector xerente; a Dositeo Rodríguez, expadroeiro, exconselleiro de Fraga e do Consello de Contas; e a Covadonga Rodríguez, exdirectora da Fundación Pública Camilo José Cela. Os catro están acusados de malversación de fondos públicos. O delito que presuntamente cometeron consiste en que, de común acordo, simularon o despedimento do xerente cunha indemnización de 150.000 euros que pagamos todos os galegos.

Coincidindo coa noticia da apertura deste xuízo oral, fomos coñecedores tamén de que Camilo Cela Conde, o fillo do escritor, é o propietario da Casa dos Cóengos de Iria Flavia e de parte dos obxectos alí depositados en execución da sentenza xudicial que lle recoñece estes bens como lexítima hereditaria.

Ergueuse esta Fundación con cartos públicos dos nosos orzamentos e foi xestionada de forma fraudulenta, en conivencia cos demais integrantes do padroado e da corte de aduladores, pola súa presidenta de honra, Marina Castaño, como lexítima esposa e mentres for viúva sen cambiar de estado ou pactar obediencia a terceiros, segundo se indicaba no artigo 13 dos seus Estatutos antes de que esta entidade pasase a ser pública. Despois, unha vez que os reitores conduciron a Fundación á bancarrota, no ano 2010 a Xunta ten que achegar 154.000 euros de subvención para garantir a súa viabilidade económica e no ano 2012 acode definitivamente ao seu rescate asumindo o control e, desde aquela, depende enteiramente dos nosos orzamentos.

A lectura nestes tempos de ambas noticias na prensa, tróuxome á memoria as numerosas indagacións e denuncias que realizara María do Pilar García Negro durante o tempo que foi deputada do BNG no Parlamento desde o ano 1989 até o 2003. Porque, casualmente, este período dos seus catorce anos de actividade parlamentar coincidiu coa infame historia da creación da Casa Museo de Cela, inaugurada polo Xefe do Estado en 1991, a súa posterior conversión en sede da Fundación e a morte do escritor español en 2002.

Pois ben, durante estes anos, Pilar denunciou reiteradamente todas as achegas de fondos públicos procedentes da Xunta, das deputacións, do concello de Padrón e da Universidade de Santiago. Como nos fixo saber daquela, os cartos públicos serviron para a compra e restauración dos edificios da sede, as Casas dos Cóengos de Iria Flavia, a través da Deputación da Coruña, que destinou para isto 254.910.404 de pesetas. A Consellería de Cultura para este mesmo fin achegou 121 millóns de pesetas. A deputación de Pontevedra, 21 millóns; e as de Lugo e Ourense, 11 millóns cada unha. Alén disto, a Fundación tamén recibiu cuantiosas sumas do Ministerio de Educación e Cultura e da Fundación dos Camiños de Ferro.

Amais destas cantidades relacionadas cos edificios que albergan a Fundación, tanto as deputacións como a Xunta seguiron achegando numerosas partidas destinadas a manter convenios, catalogar e dixitalizar fondos culturais e concederlle substanciosas subvencións.

Estes cartos públicos presuntamente tamén se empregaron en pagar servizos privados realizados no domicilio particular do matrimonio Cela-Castaño tal como argumenta a Fiscalía ao afirmar que era práctica habitual desde había anos o emprego de subvencións para contratar persoal que desenvolvía o seu traballo no ámbito privado, motivo polo que Marina Castaño está imputada tamén polos delitos de malversación de fondos públicos, estafa, apropiación indebida e fraude.

Quedan aínda sen citar os subterfuxios aos que recorreu o matrimonio Cela-Castaño para detraer do patrimonio da Fundación ingresos a través das sociedades interpostas como Lengua y Literatura, sociedade de interese económico con sede social en Madrid na que participaba a Fundación cun 80 %, e Letra y Tinta SL, sociedade mercantil vinculada directamente ao matrimonio, a través das que, segundo recoñece tamén a Fiscalía, se cargaron gastos a nome da Fundación e se obtiveron fraudulentamente devolucións do IVE, entre elas as xeradas polas facturas relacionadas coa compra e restauración dos edificios da súa sede que, segundo informes periciais, ascenden a 194.553,34 euros.

Fronte á contemplación deste panorama, Pilar García Negro non calou; ao contrario, interveu no Parlamento pedindo explicacións, esixindo a paralización da constante sangría dos orzamentos públicos dirixidos á Fundación e denunciando estes feitos nos medios de comunicación que tiveron a ousadía de permitirlle a súa difusión. Hoxe, cando xa sabemos para que serviron tantos cartos públicos que foron parar á Fundación Cela, é de xustiza recoñecerlle a María do Pilar a valentía e o rigor con que actuou naqueles momentos en que por facelo así foi deostada publicamente por dedicarse “tirar barro contra su paisano con más prestigio en el ámbito internacional de la cultura”.

En fin, como ben sabemos, hai dous tipos de intelectuais: os conformistas cos poderosos e aduladores da corte, que son respectados e privilexiados; e os preocupados polos valores, que se enfrontan ao poder con integridade como sabe facer moi ben María do Pilar. Ela actuou naqueles tempos como profeta duns feitos que moitos de nós previamos xa daquela, e tamén, como lles aconteceu aos bíblicos, por iso resultou molesta, aguda, incisiva e, sobre todo, fiel á Galiza por enriba de calquera outra consideración.

Encantaríame, amiga Pilar, asistir contigo como público en primeira fila ao espectáculo deste primeiro xuízo que se vai celebrar en datas próximas na Audiencia Provincial para ver no banco dos acusados algúns dos responsábeis e cómplices daqueles feitos que ti denunciaches.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña