12:37 Sabado, 21 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-07-2017

O galego de finais do século XIX e dos inicios da centuria seguinte daba mostras de estar menos interferido pola lingua foránea

"Los defectos del lenguaje en Galicia y en la provincia de León" (1870, 1909) de Emilio Álvarez Giménez ou como nos aproximarmos indirectamente da oralidade galega de finais do século XIX

Valorar (22)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



As persoas que estudan da mudanza lingüística e a historia da lingua teñen normalmente de traballar con informacións escritas que digan respecto a como era o estado do idioma noutras épocas. Esas fontes, tan cuestionadas como úteis por seren as únicas mostras, poden ser literarias, tabeliónicas ou gramaticais (caso existisen, neste último suposto, obras especializadas para unha determinada lingua). As circunstancias polas cales atravesou o galego fixeron que a tal información lingüística, isto é, a recollida en tratados gramaticais, non aparecese, salvando os datos que achegan os ilustrados setecentistas Sarmiento (1695-1772) e Sobreira (1745-1805), até aos anos finais do século XIX, da man da rigorosa Gramática gallega de J. A. Saco Arce, publicada en 1868, e doutros traballos tamén aparecidos na altura, moito embora de menor validade científica (Compendio de gramática gallega-castellana, de F. Mirás, 1864; El habla gallega, de J. Cuveiro Piñol, 1868; “Tratado sobre el modo de hablar y escribir con propiedad el dialecto gallego”, de M. Martínez González, 1883; Elementos de gramática gallega, de M. Valladares, redixidos en 1892; etc.).

Por iso, calquera referencia, por mínima que puider parecer, en que se conteñan informacións de certo rigor sobre como era a oralidade galega doutras épocas deben ser analizadas devagar e tidas na súa xusta consideración. Unha desas ferramentas é aquela que nos achega datos indirectos, quere dicir, a que é capaz de sinalar influencias do galego no español falado polas galegas e galegos da altura, para nós, desde a actualidade, podermos intuír a vitalidade de determinados fenómenos lexicais e morfosintácticos partindo dunha simple premisa: se unha característica gramatical ou un trazo vocabular tiña a capacidade de penetrar no español usado na Galiza e de merecer unha subsecuente fiscalización por parte de certos cenáculos eruditos, talvez tivese unha vitalidade merecente de nota na lingua de partida, ou sexa, o galego. Xustamente, de criticar esas influencias é que se ocupa o traballo de E. Álvarez Giménez intitulado Los defectos del lenguaje en Galicia y en la provincia de León. Estudio gramatical basado en la doctrina de la academia y en e uso de los buenos escritores, que chegou a ter tres edicións revistas, a primeira en 1870 e a derradeira en 1909. O autor (Póboa da Seabra, 1830 – Pontevedra, 1911) é un dos devanceiros de vultos da cultura e historia galega contemporáneas, tales como Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985) ou Alexandre Bóveda (1903-1936), e cultivou a escrita en galego (nomeadamante no xénero dramático: véxanse as edicións póstumas A Casamenteira ou María Castaña) e tamén en español.

O texto que brevemente imos comentar aquí, analizado xunto con outros de parecida  natureza por B. Fernández Salgado nun artigo publicado nas Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos (2007), ten o seu interese porque vai criticando non unicamente popularismos e vulgarismos no español, mais tamén moitas influencias do galego no castelán da época, o que serve para repararmos, indirectamente, en certas fenomenoloxías gramaticais e lexicais comúns na lingua propia do país que conseguían perpasar o español, moitas delas hoxe nunha situación de atestación ben escasa a respecto do que aparentemente permiten presupor as anotacións de Álvarez Giménez. Quizais non estea de máis lembrarmos aquí como dato sociolingüístico de partida que se calcula que en finais do século XIX a percentaxe estimada de persoas monolingües en galego andaba á volta de 90%. E, de vez, se ben que as interferencias do español resulta(ro)n máis daniñas e numerosas no galego do que á inversa, xa que na actualidade ameazan até a mesma sobrevivencia do idioma, certas interferencias do galego no español debían de ter tamén a súa consistencia e notábel documentación para seren comentadas por este autor.

Na primeira sección de que consta o libro, “I. Palabras impuras é impropias” (p. 13-43), podemos asistir a como o pobo galego que tentaba exprimirse en español non vía totalmente cumpridas as súas vontades polo elevado uso de voces tiradas da lingua propia, tales como abalar (grafado avalar), billa, cascuda, congostra, faiado (escrito fayado), fritir, imitar co valor de ‘parecerse fisicamente’, parrulo, póla (recollido como pola), raxo (grafado rajo), sella, tobo, balor (escrito valor) etc. Lamentabelmente, nada se nos di a respecto da frecuencia de tales influencias, nin se aborda a cuestión de seren palabras máis detectadas nunhas rexións do que noutras, nin de se correspondían a trazos da linguaxe masculina ou feminina, nin tampouco se estamos diante de variábeis relacionadas coa idade. O valor que teñen estas fiscalizacións, con todo, é documentaren como certo léxico galego era máis ou menos empregado na oralidade pretendidamente castelá durante o Rexurdimento e nos primordios do século XX.

A segunda das seccións, intitulada “II. Defectos por alteración en lo material de las palabras” (p. 44-47), desenvolve fundamentalmente modificacións fonéticas e derivacionais de certo léxico (uso de certar, lagosta, madrasta, padrasto etc. en vez de acertar, langosta, madrastra, padrastro, etc.). O resto de capítulos (“III. Defectos por alteración en los accidentes gramaticales”, “IV. Defectos por faltar á las reglas de Sintáxis” ou aínda “V. De otras locuciones viciosas”, p. 47-81), dado que se ocupa de aspectos gramaticais, merécenos máis atención, de modo que imos sinalar aquí algúns dos fenómenos a noso ver de maior interese. En primeiro lugar, o xénero, categoría inherente aos nomes substantivos, non coincide, como é sabido, na adscrición de palabras ao masculino ou ao feminino se confrontarmos a tradición galego-portuguesa coa española. Así como hoxe, por causa da influencia desta lingua, se poden ouvir no galego popular secuencias como *a mel, *a sal, *o ponte ou *o viaxe, en finais do século XIX algunhas palabras que presentaban no castelán unha adscrición xenérica diferente da do galego recibían, segundo o sinalado polo autor (p. 48-50), os trazos morfolóxico-semánticos desta lingua, de modo que se podían atestar grupos nominais, segundo recolle Álvarez Giménez, como la coraje, la pasaje, la potaje, la ramaje, el costumbre, el leche, el nariz ou el sangre.

O réxime preposicional dalgúns verbos demanda tamén unhas palabras. En galego, como é sabido, igual que na variedade brasileira do idioma, o verbo ir pode facerse acompañar dun complemento locativo-direccional en expresións do tipo Vai no cinema, Van na facultade etc. Esta construción, dotada dunha grande dose de autenticidade lingüística, tamén se detecta actualmente no español falado na Galiza e, a teor da súa constatación no opúsculo de Álvarez Giménez, posuía unha certa atestación no decembrar do século XIX: nas súas propias palabras, “cometen los naturales de Galicia y León graves faltas que vamos á estudiar, á fin de que se eviten cuidadosamente”, e, referíndose á estrutura ir en, non tivo reparos en subliñar que este “mal uso es sin duda efecto de continuarse dando á la preposición en la idea que antiguamente tenía de denotar el término de la acción de un verbo”. Sen saírmos das rexencias preposicionais, temos de notar como o autor criticou o emprego de determinados nexos provenientes da sintaxe (popular) galega. O español non coñece a diferenza entre o uso intencional con maior accionalidade de tirar con (Tirou cos libros) e o emprego non necesariamente intencionado (Tirou os libros ao entrar); transportada esa construción para o castelán, o polígrafo indicou que non “deberá decirse Tire usted con el libro”, nin “Tiró con la llave al jardín”.

Vexamos que acontece con algúns usos das formas pronominais. En galego existe unha utilización do dativo que serve para identificar e marcar o interlocutor na conversa, sen que tal pronome teña ningún tipo de función sintáctica, mais pragmática. No galego de finais do século XIX, como continúa aínda a acontecer presentemente, gozaba dunha grande vitalidade de utilización, segundo demostra o demorado comentario de Saco Arce (Gramática gallega, 1868). E, proba desa forte presenza, tamén se empregaba no castelán da época usado na Galiza, como na actualidade; por iso o noso autor non dubidou en identificar tales construcións como estrañas a esa lingua e, subsecuentemente, tampouco hesitou en as criticar: “En el dialecto gallego se usan pleonásticamente algunos pronombres para dar suavidad á la frase, y á veces cierta dulzura ó cariño. Traduciendo este uso al castellano se falta á la pureza, pues el pleonasmo de que hablamos no está admitido en el idioma como podemos ver por los siguientes ejemplos: No te vine con tal intención; te se marchó sin despedirse; le estuvo en un tris que naufragase el buque; le estoy convencido de sobra; te está muy entretenido. Claro es que en castellano deben suprimirse esos pronombres, diciendo: No vine con tal intención; Se marchó sin despedirse; Estuvo en un tris, etc.”  

Tamén os verbos inspiraron a Álvarez Giménez bastantes comentarios. Uns deles son os centrados no infinitivo flexionado (IF), trazo típico do sistema lingüístico galego-portugués, cuxo uso denota, ao mesmo tempo que unha grande enxebreza idiomática, unha vontade de estilo na propedéutica dunha lingua de calidade. Hoxe en día, á marxe da súa iregular detección espontánea en xente de certa idade, áchase en crise pola interferencia do español, sobre todo entre certas faixas de falantes, mais parece claro que no século XIX debía de ter unha grande presenza na fala: para alén dos testemuños dos gramáticos como Saco Arce, contamos coas anotacións que nos proporciona sobre este particular Emilio Álvarez Giménez, o cal critica o seu emprego no español polos galegos e galegas do Rexurdimento; se realmente tiña aínda capacidade para penetrar no castelán oral da Galiza, non podía ser, consecuentemente, unha forma verbal marxinal ou secundaria no tocante á súa rendibilidade na lingua: citando literalmente o exposto na súa obra, hai “algunos, aunque muy pocos, que después de las preposiciones para, con, por, y otras dan al verbo la desinencia personal, según el tiempo y la persona, al objeto de expresar la idea del infinitivo, diciendo por ejemplo: Para seren buenos; Con teneres tú casa” etc. O recollido por este autor resulta harmónico no fundamental co sinalado por Manuel Murguía (Historia de Galicia, 1865-1913); o erudito historiador e patriarca da cultura galega, expondo como cantares tradicionais españois eran parcialmente adaptados ás singularidades gramaticais da lingua, ilustra precisamente ese tipo de conversións e de hibridizacións coa P6 do infinitivo flexionado a través dos versos Los frailes con seren buenos / también andan a pedir.  

Outrosí, a correcta utilización das perífrases fixo o escritor reparar noutras construcións inexistentes na lingua foránea, mais totalmente naturais na propia. Como é coñecido, as estruturas verbais perifrásticas aspectuais imperfectivas Estou lendo, Andan a pedir etc., posúen unha variante totalmente sinónima nas fórmula con infinitivo xerundial Estou a ler, Andan a pedir etc. Estas últimas foron detectadas no español oitocentista por Álvarez Giménez, que afirmou que non se poden utilizar “para dar al verbo la idea de gerundio”. Notemos que na actualidade, no galego culto ou marcadamente formal, talvez polo seu carácter diferencial a respecto do castelán, goza de moita proxección a estrutura co infintivo xerundial en tales casos.

Non nos querendo alongar de máis neste contributo, convén citarmos algunhas das expresións e modismos do galego que chegaron a se adaptar á precaria oralidade xeral das persoas que tencionaban falar español. Entre ese conxunto de mostras, o atento ouvido do polígrafo da Seabra salientou mismo como fórmula enfática, as expresións más nada, más nadie ou más algo, echar de pierda, una llena de, ¿Y luego? como fórmula de interacción verbal, estar mallada/o (recollido no texto como estar mayado), de cabo, por mor de etc.

Como conclusións finais de todo o exposto, podemos apuntar que a escasa información sobre a gramática e o léxico galegos que hai no século XIX aconsella ir procurala tamén a fontes indirectas, como é o opúsculo de Emilio Álvarez Giménez, en que se sancionan trazos do galego utilizados no español empregado na Galiza. Neste sentido, aínda que de certo habería varios niveis de hibridación dependendo do hábitat (aldeas, vilas, zonas periurbanas, cidades), o galego de finais do século XIX e dos inicios da centuria seguinte daba mostras de estar menos interferido pola lingua foránea, sobre todo a termos en conta como moitos trazos considerados actualmente xenuínos do idioma (certas rexencias preposicionais, uso do IF, determinadas fraseoloxías etc.) parecían ter a capacidade de se utilizaren até no castelán oral das galegas e galegos da altura. Pensemos, finalmente, que moitos deses usos típicos do galego que conseguían penetrar no español constitúen hoxe en día exemplos dunha consciente praxe lingüística de calidade naquel idioma, aínda que algúns deles parezan actualmente non gozaren da mesma frecuencia de uso do que no Rexurdimeno.


[02-08-2017 11:30] sinho comentou:

Senhor  SÁNCHEZ REI.   vaia preparando o artigo do 2030: “O galego-castelhano de finais do século XX daba mostras de estar muito interferido pela língua forânea”

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal