13:56 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-07-2017

A Consellaría do Medio Rural chantou a careta e converteuse no mascarón de proa deste roubo das terras comunitarias

Consellaría do Medio Rural: enemigo público nº1 do monte veciñal

Valorar (4)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


A Organización Galega de montes veciñais en mán común (ORGACCMM), ven denunciando que dende que o Partido Popular(P.P) retornou ao goberno da Xunta de Galiza (ano 2009), ten unha estratexia planificada para roubarlle o monte veciñal os seus lexítimos titulares, a veciñanza comuneira. Ben sexa privatizándoos ou remunicipalizándoos. Obrigar, se non pagan as falsas e inxustas débedas dos consorcios ou dos convenios, a entregar a xestión do monte veciñal a unha empresa forestal privada. Castigar as comunidades de montes a non recibir axudas se non invisten o 40% de todos os seus ingresos no monte veciñal non onde decida a veciñanza comuneira, se non onde  decida os amigos empresarios forestais do Partido Popular  ou a existencia dun documento, non oficial, pero que anda circulando polas dependencias da Conselleira do Medio Rural, e no que se propón que aqueles montes veciñais que sexan declarados en estado de grave abandono perdan a condición de titularidades comunitarias e pasen a ser titularidades públicas, son chanzos de este roubo planificado.

Como a resistencia das comunidades de montes veciñais en man común e a acción parlamentaria do BNG no Parlamento Galego está impedindo que este roubo planificado vaia vento en popa, a Consellaría do Medio Rural chantou a careta e converteuse no mascarón de proa deste roubo das terras comunitarias. Tal foi o que aconteceu o dia 14 de Xuño de 2017, cando o Xurado de Clasificación de montes veciñais en man común da provincia de Pontevedra, co voto en contra do representante  provincial das comunidades de montes, rouboulle a veciñanza comuneira da parroquia de Noalla (Sanxenxo), o monte veciñal denominado A Lanzada, para entregarllo ao concello de O Grove. Sen importarlle para elo o incumprimento da lexislación vixente (a disposición derradeira segunda da vixente lei de montes de Galiza di que a Consellaría do Medio Rural ten que velar pola conservación e integridade do monte veciñal). Cumprimento da lexislación que, tal cal cans rabiosos escumando pola boca, lle eixen ao pobo catalán por querer exercer o dereito democrático de decidir.

En Xuño de 1989 o Xurado de Clasificación de montes veciñais en man común da provincia de Pontevedra declarou como monte veciñal a favor da veciñanza comuneira de Noalla o monte denominado A Lanzada. O concello de O Grove, acolléndose a un defecto de forma (parece ser que non foi informado durante o expediente de clasificación), consigue en Febreiro de 2006 que o Xulgado Contencioso–Administrativo nº3 de Pontevedra revoque a declaración do monte veciñal, obrigando a iniciar un novo expediente de clasificación, expediente que se reiniciou en Novembro de 2010.

No novo expediente de clasificación como veciñal do monte denominado A Lanzada o papel xogado polo Servizo de montes de Pontevedra, que é un organismo da Consellaría do medio rural e xa que logo ten que velar pola conservación e integración do monte veciñal, foi clave para que o monte de A Lanzada non fose declarado a favor da veciñanza comuneira de Noalla. O seu informe é un alegato contra os fundamentos dos montes veciñais en man común e un incumprimento da lexislación vixente.

De tal xeito di que non se pode declarar o monte como veciñal porque os seus usos actuais son: uso turístico, senderismo, observación de fauna e flora, infraestruturas públicas ......, contradicindo a lei de montes veciñais  en man común que no seu artigo 1 di que os montes veciñais en man común sono independentemente dos seus usos actuais. E o mesmo se pode dicir cando alega para a non declaración do monte veciñal o feito de estar dentro da Rede Natura. O Xurado de Clasificación de montes veciñais non está para decidir usos; está para decidir propiedades. E ademais, que unhas terras estean en Rede Natura pode hipotecar certos usos, mais non cuestiona a propiedade. Como tampouco é de recibo que admitan o feito de que o concello de O Grove teña o monte rexistrado como da súa propiedade, xa que o artigo  27 do Regulamento da lei de montes veciñais di que o feito de que un monte veciñal este rexistrado a nome de terceiros, non pode ser impedimento para a sía clasificación como  monte veciñal en man común.

Outro feito alegado para a non declaración deveciñal do monte de A Lanzada, foi o de que parte da súa superficie está en zona de dominio marítimo-terrestre e que nela non pode existir titularidades privadas. Se monte veciñal fose recoñecido como o que é, unha titularidade distinta da pública e da privada, este problema non se daría. Mais para que isto aconteza, Galiza ten que ter soberanía. Dado que fai dous días, foi o dia da Patria Galega, se cadra convenlle lembrar a algúns e algunhas, que cando se fala de soberanía non se está a falar de teoría política. Estase tamén a falar de solucións concretas a problemas reais.

Fica claro que a Consellaría do Medio Rural é o inimigo público nº 1 do monte veciñal en man común. Mais ante esta realidade a veciñanza comuneira non pode somentes laiarse. Se cadra hai que seguir laiándose; mais estes laios teñen que ir acompañados por organización, mobilizacións e votando aqueles partidos políticos que na teoría e na practica defenden ao monte veciñal en man común como unha titularidade da veciñanza comuneira.

Se non o facemos así, dentro de poucos anos o monte veciñal en man común non terá nin presente e xa que logo nin futuro. Pasará a ser unha reliquia do pasado. Unha reliquia do pasado colocada nunha cristaleira de algún museo etnográfico. Museo etnográfico situado en calquera vila ou cidade galega e feito, curiosamente, con cartos da Unión Europea destinados ao desenvolvemento do medio rural.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña