02:50 Mércores, 22 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-07-2017

Unha raíña tan negada pola historia, como viva na memoria do pobo

A muller que le (III): Urraca

Valorar (8)

MARTA DACOSTA ALONSO



Remataba abril e decidín visitar as terras de Monterroso.

A asistencia a “Mondoñedo é poesía” o primeiro de maio dábame a escusa perfecta para atravesar Galiza polo interior e seguir a descubrir ou redescubrir a nosa terra. En canto ideei o itinerario final, Mondoñedo xa non era o obxecto da viaxe. Coñecer Monterroso pasou a ser a cuestión central, con Urraca, a raíña, como protagonista.

Coa axuda de internet busquei aloxamento e atopeino nunha casa que levaba o nome da raíña. Mais, finalmente non puido ser e tivemos que quedar en San Miguel de Penas, unha fermosa casa restaurada. O cambio impedíame coñecer o lugar que leva o nome de Urraca e pescudar a que se debía. Así que, en conversa telefónica, pregunteillo á dona da casa. Ela explicoume que a casa fora construída cos restos da pedra que un día fora o Castelo de Sirgal, do que se di que acolleu á raíña nun incidente sucedido naquelas terras. Quedei coa mágoa de non poder durmir entre as súas paredes, mais agardábame outra sorpresa.

A mesma tarde en que chegamos, saímos coñecer o exterior da casa. Alí mesmo tiñamos a Torre de Penas, maxestosa, precedida por un carballo e defendida por un muro que non podiamos atravesar. Ao lado a igrexa, e entre as dúas edificacións un pasadizo de madeira. Por sorte para nós, na porta do recinto había un panel informativo e nel mostróusenos a historia, o fío que tirara por min naquela viaxe.

A Torre de Penas foi atacada por Alfonso o Batallador, segundo marido da raíña Urraca, explica o panel que foi porque os condes de Monterroso se fixeran fortes nela despois de se sublevar contra os reis. A raíña protexeu o conde: “Neste Pazo–Torre aloxáronse a raíña Doña Urraca e o seu marido Alfonso I, o batallador, conta a crónica que o rei executou ao alcalde do Castelo de Monterroso como represalia pola rebelión dos señores monterrosinos contra os monarcas. O poeta Ramón Cabanillas recolleu esta historia no poema “A noite do Castelar”. (da web do concello)

Sobre este poema, o Marqués de Figueroa, na súa resposta ao discurso de ingreso de Cabanillas na Real Academia Española lido o 26 de maio de 1929, di: “Romances ejemplares—muy propio argumento —los de Doña Urraca, O Castelo de Lobeira, e A noite de Castellar. Preparan esas lecturas, la del poema Na noite estrelecida; retrospectiva visión, incierta; pasado legendario, fondo sin el que la historia queda incompleta,, y mal se explica. No otro principio que el legendario, han las mayores y mejores historias.”

O poema “A noite de Castellar” relata o apresamento da raíña polo seu propio marido na fortaleza de Castellar en Aragón. Alí “abatida pola traición, prisioneira do seu home” lembra tempos pasados, cando era nena ao coidado de Pedro Ansúrez, ou o seu percorrer pola terra galega “en locidas cabalgadas de castro en castro” de “Soberoso a Samos e dende Lugo á ribeira”. Relata os días no castelo de Lobeira, “belida gaiola de ouro que para xogar lle deran” e de onde saíu esposada, no sentido literal,  “cun anelo de casada que alma e corpo lle encadea”.

Este poema e outros que serán recollidos no libro Camiños no tempo en 1949, foran publicándose antes desa data en revistas e xornais. Pertencen á denominada etapa mítico –saudosista en que Cabanillas versifica unha historia de Galiza que abala entre o real e o mítico, sendo as disputas entre Xelmírez e Urraca un dos seus piares literarios. Neste soneto, recollido no mesmo libro, descríbenola desoíndo os prexuízos: “a cabalgar pasou a vida enteira, o peito a frorecer, na man a espada.”… “Nin ferida de aldraxes perde o azo, nin prisioneira en Castellar ten medo, nin a papal escomunión lle espanta.”

Ao día seguinte de contemplar a Torre, conversamos coa dona da Casa de San Miguel de Penas. Sonia explicounos por que non se podía visitar a Torre. Os seus actuais donos, a casa de Medinaceli, permitían as visitas ocasionalmente, até que un día unha xornalista publicou imaxes do seu interior, imaxes dos frescos con mulleres espidas que decoran as salas en que aquela nobreza se recreaba. Os propietarios reaccionaron negativamente e decidiron non permitir visitas nunca máis. Falamos do pasadizo e falamos de Urraca, ligada por sempre á memoria da Torre de Penas, o castelo de Sirgal do que xa nada queda ou o Castro de Amarante no veciño concello de Antas de Ulla.

Urraca, a raíña que como nos di Cabanillas cabalgou de castro en castro, desde as terras que baña o Tea até o Miño; a mesma á que Luís Seoane dedica un poema en que relata o vergonzoso episodio da aldraxe pola irmandade burguesa de Compostela en 1116, está viva na nosa memoria colectiva.

Urraca foi tan negada (esquecida, alterada, deformada) nas crónicas históricas oficiais escritas polos vencedores, como segue presente na tradición oral e na memoria do pobo, pois andando estas e outras terras unha ten a sensación de que estivo en todas partes e en todas deixou pegada e é lembrada e iso é sinal da súa importancia para o pobo.

Seguimos sen coñecer exactamente moitos datos sobre a persoa e o seu reinado, porque como di Carme Pallares, unha das historiadoras que máis se ten centrado na investigación da persoa e a personaxe histórica: “Coñecer as vicisitudes desta longa marcha no pasado [a plena adquisición da condición de cidadás] é unha tarefa que non é fácil, porque non abundan os testemuños directos da parte feminina, porque poucas veces as mulleres nos fan chegar a súa propia voz” (Historia das mulleres en Galicia. Idade Media, 2011, páx. 261)

A súa propia voz. Esa é a que tentamos emular as poetas, imaxinar como se expresaría a muller que loitou porque se lle recoñecese que tamén ela podía ser a raíña e que o seu dereito era unha herdanza lexítima, a pesar de que o seu propio pai, e todos os homes que a rodearon, ao igual que os seus adversarios, teimaron en negar ese dereito xa fose explicitamente, xa fose apoiando outro home para a coroa daquel que aínda era o territorio da vella Gallaecia. Urraca, a muller que sufriu prisión, aldraxes e mesmo violencia de xénero, foi a raíña dos pasadizos, dise que un pasadizo comunicaba o Castelo de Sirgal co río, e a lenda conta que desde o castelo do Sobroso un pasadizo baixaba até o río Tea (en Mondariz). Neste último lugar imaxinei a raíña e dinlle voz, desde alí pensei que talvez puido pensar así ante o val do Tea:

“nin o meu nome …
poderá lerse máis nos luxosos pergameos
en que escriben a historia
eles
os mesmos que procuran vencerme
ou matarme, impedir que sexa eu o poder que os goberne” (Na casa da avoa, 2017)  

Hoxe somos nós as que agardamos ao final do pasadizo do tempo, para darlle a man á nosa memoria e re-escribir a nosa propia historia, coa nosa propia voz. Porque é unha urxencia inaprazábel.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal