03:18 Luns, 11 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2017

Mentres o nacionalismo galego estivo presente no Congreso dos Deputados, Galiza existiu politicamente

O que non podemos calar

Valorar (48)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



O nacionalismo, sempre e nesta conxuntura histórica máis, ten que servir para interrogar os galegos e as galegas  e afirmalos sobre a súa propia existencia como pobo. Pode parecer unha parvada andar a escarvar nunha evidencia. Porén, son xustamente as evidencias o que ás veces non  se queren recoñecer ou simplemente se anulan ou esquecen para vivir nun mundo ilusionista ou ilusorio, por máis que non conduza a nada positivo colectivamente. Tirando do fío da madeixa, as evidencias poden conducir á formulación de necesidades e instrumentos. Unha delas. a necesidade imperiosa de o pobo galego se expresar politicamente con liberdade e conciencia de si, dos seus problemas e da súa solución. De ser así, o nacionalismo aparecerá como a súa expresión política xenuína por colocármonos  perante as evidencias e significar a expresión da vontade política propia e consciente do país. Naturalmente, non existe posibilidade de expresar a vontade política, libre e consciente, dun pobo que non conta con Estado de seu, se non recorre a  instrumentos propios  que só a vontade política fornece, á vez que esta a través deles se articula. Hai, pois, que  contar coa necesaria e vital autoorganización, en todos os aspectos, e en particular no político,  para poder combater, actuar, axir, definir, sinalar e decidir conforme aos propios intereses vitais, con total independencia de criterio. Nunha palabra para poder decidir libremente e conscientemente, para autodeterminarse. Finalmente, só desde esta perspectiva se poderá contribuír a acabar coa desigualdade e a hierarquía opresiva que unha unidade centralista, absorbente, imperial, fondamente antidemocrática, aplica, en nome da existencia dunha soia lexitimidade, neste caso, a da nación única e o Estado unitario español, "patria común e indivisíbel de todos os españois", como reza o dogma constitucional.

Á luz da constatación das evidencias, da indicación das necesidades e a formulación de instrumentos, imos facer unha valoración dalgunhas situacións políticas internas e doutras externas que nos afectan, inquietan e deben levarnos a reaxir. Os últimos anos, en especial, estivemos padecendo o discurso "ilusionante" da unidade popular, destinado en exclusiva a debilitar o nacionalismo, como se o Estado español non contase xa de por si con suficiente artillaría xenuinamente españolista como para necesitar, desde a esquerda, máis metralla. Á vista do acontecido na Galiza, un pode xa constatar algunhas evidencias. A unidade popular, con exclusión de calquera postulado nacionalista, e moito peor, sen referenciarse para nada a Galiza, nin fundamentarse en obxectivos políticos propios do noso país como elemento aglutinador, evidenciouse unha penosa galimatías de intencionalidade simplemente electoralista, lastrada polos peores vicios da "vella política". Á vista están: é difícil máis liortas, desencontros, traizóns, tacticismo barato, oportunismo, falta de transparencia, manexo das cúpulas, en menor espazo de tempo...Efectivamente dan sensación de mareo. Xa hai que ser dogmáticos ou interesados para aturar en silencio, con servidume,  semellante barullo; hai que se moi ilusionistas ou ilusos para non se decatar de tanto teatro e aparencia para agochar práctica convencionais, endogámicas e propias das políticas máis reaccionarias...ou moi cínicos como para presentar semellante ensalada de intereses partidarios ou persoais como unha expresión de  existir debate real....

Agora ben, non é isto o que xa importa. O que importa é o resultado, a evidencia política que fire, doe e entristece: mentres o nacionalismo galego estivo presente no Congreso dos Deputados, Galiza existiu politicamente, o pobo galego expresou os seus problemas e mostrou as súas análises e posicións sobre temas estatais ou internacionais, desde unha perspectiva galega. Non vou xa a  referirme ao seu activismo parlamentar sobre cuestións e problemas concretos de Galiza. Con dous ou tres deputados, logrou, en contextos menos abertos e plurais que os de hoxe, ter unha actuación que repercutiu na solución de problemas concretos, e, de forma custosa e fráxil, pero real, estaba colocando Galiza como outra nación con aspiración e vontade política de seu: Catalunya, Euskadi, Galiza..Desaparecido o nacionalismo galego do Congreso, Galiza missing...Xa ninguén a cita. Polo demais, convido a consultar o Boletín do Congreso, sobre plenos e comisións, para comprobarmos o abismo cuantitativo e cualitativo, incluído o tempo de intervencións,  entre a actuación do BNG con dous ou tres deputados, e a da sucursal galega de Podemos, con seis ou cinco. E véxome obrigado a sinalar esta evidencia, pois, conforme á mentira sen escrúpulos que caracteriza a algúns e algunhas, chegouse a afirmar, para xustificar a subordinación,  mesmo formal, a Unidos Podemos, que no Grupo Mixto só se podía intervir tres  minutos ao ano...Á vista da evidencia de a sucursal galega non ter significado  mellora política algunha para Galiza no contexto estatal, os seus compoñentes non rifan por discrepancias de fondo, pois todo o resolve a poción da unidade popular, isto é, ben lido, sucursalismo de ruptura e república (española, claro está), como elemento redentor, e, miserias humanas comprensíbeis, que hai do meu. Isto é, conten cos elementos indíxenas, os que dicimos ser  nacionalistas, para o reparto da tarta e do poder orgánico. E cada vez é máis claro quen manda de verdade e desde onde. Alguén, xustificando a alianza con Podemos, díxome nunha ocasión, após de describir as evidencias negativas e desoladoras da situación na Galiza, que urxían para unha nova aposta:"Paco, polo menos nos garanten o status de reserva india". Calei e quedei, contristado, pensando para min. Galiza non podía por si mesma. Hoxe pode moito menos...

A evidencia incuestionábel, porén, é que o actual réxime corrupto e antidemocrático que padecemos ten a súa principal e real oposición  no problema catalán. Só alí é posíbel social e políticamente unha república, naturalmente catalá. E, inevitabelmente, cun contido social, económico e cultural, alternativo e diferente ao modelo imperante no Estado español, pois é un auténtico movemento popular, da pequena e media burguesía ás clases  traballadoras, o que sustenta a aspiración á independencia. Non é a oligarquía española con base en Catalunya, non é La Caixa, non é Gas Natural, non é Endesa, non son as transnacionais, non é Planeta....quen patrocina a independencia...Contra este movemento e esta aspiración tense montado a guerra suxa máis noxenta desde as cloacas do Estado español, e a máis antidemocrática, intolerante e deplorábel actuación política, con base a argumentos constitucionais, que non fan máis que evidenciar que non estamos nun Estado democráticos, pois nega a democracia, o dereito a votar para resolver problemas e conflitos, e usa de forma perversa os distintos poderes, especialmente o xudicial e o policial, como instrumentos de opresións e persecución contra os discrepantes.  Nin é nun Estado descentralizado politicamente pois nada significa  a autonomía como expresión de vontade política. Evidénciase así o Estado español como un Estado de estrutura xerarquizada e desigual, onde a única lexitimidade real é a do poder centralista, a do Goberno da nación única. Non é que discrepe coa independencia e faga todo o posíbel democraticamente para non se consumar. Non,  é que impide que o pobo catalán poida expresarse libremente, resolvendo así un conflito que, por certo, está neste punto após unha experiencia incuestionábel de atropelo contra un proceso democrático lexitimado legalmente mesmo: un Estatut votado no parlamento catalán, aprobado polas Cortes con recortes, referendado polo pobo catalán directamente ao final, conforme todas as esixencias legais...e un tribunal central español, a instancia política partidaria, desbarátao, afirmando que pobo só hai un e vontade política so unha, a da nación española....Que democracia, que igualdade, que legalidade é esta? 

O pobo catalán grazas a esta experiencia fíxose unha parte independentista, porque Catalunya non é viábel, con plenitude e liberdade, como pobo normal, dentro do Estado español; outra parte, desde unha posición democrática clara e para superar a situación, aceita que hai que votar, pois consideran que o actual status non vale e que é irrespirábel a política española, polo seu autoritarismo, o seu centralismo asfixiante e opresivo socialmente; e só unha minoría manifesta unha españolidade que  aposta  por os aparatos represivos do Estado seren quen de, coa política de intimidación, medo e ameazas, controlar a situación. Intimidación, medo e ameazas que se proxectan contra persoas significadas, lexitimadas polas urnas, presidentes e ex-presidentes da Generalitat, consellers, alcaldes.....Inhabilitacións, desafiuzamentos, xuízos sumarísimos con ameaza de cárcere, profanacións das institucións por parte da garda civil en conivencia coa fiscalía, montaxes  con graves acusacións de corrupción que logo se demostra ser parcialmente falsos (caso do vello Pujol, *) ou totalmente falsos (caso de Mas e Trías), intervención directa e diaria do Goberno de Madrid nas contas da Generalitat.... A cada paso unha nova escalada de intimidación e represión, co artigo 155 da sagrada Constitución española, e mesmo a intervención do Exército, tamén constitucional, como pano de fondo, para garantir  a sagrada unidade de España, isto é, a desigualdade, o centralismo, o imperialismo e a confesionalidade dogmática máis agresiva en negar o elemental, a evidencia: existe o pobo catalán e expresa unha vontade política.

Nós, o pobo galego, non estamos á marxe, neste conflito. Estamos a padecelo de forma aguda, doutra forma. A negación que os gobernos de España, e os seus secuaces aquí, fan de Galiza como pobo non ten parangón. Están a levarmos ao exterminio e á anulación, para aceitarmos submisamente unha españolización esperpéntica e suicida. O que pase en Catalunya e con Catalunya vai condicionar o noso futuro. De momento, para nós, só tres certezas: 1) necesitamos o instrumento nacionalista e a constancia na defensa de o pobo galego existir e ter dereito a expresarse como tal politicamente; 2) cautela e intervención  coidada en función do estado da nosa conciencia colectiva, ben, silencio ou conivencia cos despropósitos, ameazas e represións  do Estado español, nunca; 3) actuación política táctica e preocupación polos problemas concretos, a través da presenza institucional, necesario, pero atendendo á información e formación da nosa base social, en primeiro lugar, e do pobo galego, en xeral, coa defensa clara dos nosos postulados estratéxicos, evidenciando que, co actual marco legal, Galiza non ten futuro.

Coincido con quen me xustificou a unión coa esquerda española, pois nos garantía sermos polo menos unha reserva india, na súa descrición do estado deplorábel do noso país: emigración, envellecemento, falta de base agraria, eucaliptización, españolización lingüística e cultural...Non coincido no remedio. Sen acreditar na nosa capacidade nin considerarnos responsábeis principais do noso futuro, non haberá salvación. E francamente, cabía esperar da "nova política" e da "unidade popular" española algo máis de conciencia democrática, aliñándose claramente co dereito a votar, co referendo que os poderes públicos cataláns preparan para o un de outubro, e menos demagoxia barata e confusionista, coas súas propostas de concesións a Catalunya dentro do marco constitucional ou futuríbeis referendos como promesa.  Por non falarmos da súa  noxenta  e indignante  intoxicación de a "dereita" catalá  apostar polo referendo independentista  para agochar a súa corrupción, indicativa do ben que sirve a esquerda española á dereita española cando da unidade de España se tratar. Non vou calar perante tanto filibusteirismo e tanta demagoxia barata para confundir respecto do problema real e de fondo. Desde logo, nin  Pablo Iglesias nin Alberto Garzón mostran a firmeza práctica nas súas conviccións  e unha valentía similar, defendendo a súa causa nin  o están pagando moi caro  coas súas posicións prácticas, como, sen ir máis lonxe, mostrou e mostra Artur Mas, como tantos outros, padecendo a implacábel persecución do Estado español, pola súa coherencia, servizo  ao seu pobo, e fidelidade aos compromisos derivados das urnas. Se actúan así con Catalunya. Que cabe esperar para Galiza?

*recomendo ver "Las clocas del Estado"

https://www.youtube.com/watch?v=j6W58CnQQNs

1 2 seguinte

[28-07-2017 13:04] francisco rodriguez comentou:

Farei algunhas observacións aos comentarios, que agradezo. A Raúl, falastes de Mas cunha interpretación que non vexo acertada. Hai un sector da sociedade catalá, sen a que este proceso non sería posíbel, clases medias, que madurou a súa conciencia política nacionalista, asumindo un verdadeiro conflito co estado español: Mas é a súa máis xenuína expresión. Só me merece respecto.
A Palmira, coincido no oitenta por cento da súa análise. No artigo referinme só restritivamente a tres aspectos, sen desenvolvelos, porque o obxectivo non era facer u ha análise do que o país necesita desde a presenza, a actuación e a vertebración social. En relación coa unidade popular, falei dese eslogan como unha pura arma propagandística. Para ser real e positivo se ten que fundamentar en obxectivos propios do país, Galiza, como indica Pancho. Utilízase, pois, de forma non referenciada a Galiza, como pobo con capacidade e necesidade dunha unidade popular que decida desde aquí.
Home Xusto, o de sempre és ti, coa teu teimoso e sectario odio incluído, que te impide ver o que está pasando, coa negación dos feitos que á vista están, agarrándote aos estereotipos e tópicos de fácil consumo contra o BNG, e contra min en particular. pero o problema é: digo algunha mentira ou algo falso no artigo desde o punto de vista factual?. E desde logo non me dedico a facer ditirambos do BNG. Sei cais son as debilidades e os problemas, as deficiencias. Algunhas podes inducilas do artigo, que non son o seu obxecto. O que non estou disposto é a que non se tire ningunha conclusión do pasado recente, crítico e conflitivo, e para que serviu. Polo demais, sr. Xusto, a non ser que vosté queira que non opine, é dicir, a miña morte intelectual tamén. A conduta política de cada quen á vista está. Non ando amolando organicamente a ninguén nin teño ningún cargo político nin me agarrei a nada. Agora ben, son galego e penso seguir opinando como tal, mal que lle pese. Por certo, o artigo vai da situación galega e da situación en Catalunya, e que debemos considerar como relevante e interactuante.
A Gamela, pregúntelle a eles, aos de Cerna. Creo que son máis os que dinamitan a unidade esa que procuraron, por problemas de control, non precisamente por cuestións de fondo. Desexo deixar ben claro que son dos que creo que toda unidade ten que basearse na lealdade, na colaboración sen reservas, co lexítimo debate. Non estou pola política como intriga, nin coas capelas interesadas internas nin co personalismo, nin co elitismo, nin coa endogamia. ...

[27-07-2017 18:53] Xusto comentou:

O de sempre. Marcharon todos de onda min porque non me aturaban mais pero eu nunca fixen nada mal.

Noutros 40 anos mais seguiremos igual, na eterna oposición pero puros, sen mezclarse con ninguén, que nos lixamos.

E desos 40 anos, 36 de desfeitas continuas da dereita no poder e con 7 partidos de esquerda en fronte.

[26-07-2017 12:17] Pancho comentou:

Penso que o discurso ilusionante da unidade popular resulta imprecindibel, pero o que hai que ter é a capacidade para situar intelixentemente os obxectivos desa unidade popular alí onde poden ser máis efectivos.Por exemplo, no caso catalán, na defensa como povo do dereito a decidir, coa concreción política deste no referendo do 1-O

[25-07-2017 14:10] Palmira Quinta Cospedal comentou:

Coincido con Francisco Rodríguez en que Galiza non é viable como nación con estado propio no marco xurídico actual, pero ademais engadiría en que tampouco é viable economicamente no marco da UE que impón como regras inquebrantábeis os dogmas neoliberais que fan imposible a aplicación de políticas públicas imprescindibles nun país subdesenvolvido onde o papel do estado é capital como motor do crecemento sostible e garantía do emprego de todas as capacidades produtivas.

Dito isto, teño que discrepar nas recitas apuntadas para crear as condicións sociais que permitan acadar o apoio imprescindible e cuantitativamente relevante da poboación a un proxecto soberanista. Facer una “actuación política táctica e preocupación polos problemas concretos, a través da presenza institucional, necesario, pero atendendo á información e formación da nosa base social, en primeiro lugar, e do pobo galego, en xeral, coa defensa clara dos nosos postulados estratéxicos, (…)” é a fórmula para consumo interno que se ven aplicando na práctica polo nacionalismo organizado nos últimos 35 anos e cuxos efectos sobre a realidade é por todos coñecidos: irrelevancia cualitativa e cuantitativa. Centrar a actuación política nas institucións esquecendo como prioritaria a organización plural, aberta e diversa da poboación sobre a resolución dos seus problemas concretos é seguir metidos no labirinto institucional con regras do xogo fixadas polos poderes fácticos que rematan finalmente por cumprir a súa función lexitimadora do “estatu quo”. Na miña opinión para crear conciencia colectiva de pertenza a un pobo, requírese a existencia dunha sociedade organizada e activa nos distintos ámbitos da vida construída sobre consensos básicos nacidos da propia realidade concreta do país e despoxado de ideoloxismo e precisión dogmáticas. É aí onde radica o traballo esencial, debendo responder o modelo de organización política a este obxectivo. Non hai cambios reais só con apoio electoral e sen apoio social real. A actividade institucional só pode ter sentido sendo subsidiaria de aquel traballo esencial. O independentismo catalán ten hoxe capacidade de ruptura, pola materialización dun consenso básico nunha parte maioritaria da poboación articulada socialmente de xeito moi diverso, e construído sobre a base de que Catalunya ten dereito a un estado propio ao verse truncadas no marco xurídico do estado español as súas aspiracións de autogoberno. O reto en Galiza é descomunal polo seu carácter de país subdesenvolvido pero teño a sensación de décadas de traballo e esforzo perdido, centrado en acadar resultados electorais que en nada cambiaron a dinámica política.

En canto a que o discurso da unidade popular está construído para debilitar ao nacionalismo galego, non merece comentario algún mais alá de que denota a falla de autocrítica reflexiva e necesaria sobre o papel do nacionalismo organizado e da súa incapacidade para saber interpretar os momentos de crise do sistema e canalizar o sentimento colectivo de frustración cara novas fórmulas permanentes de organización social que vaian construíndo a conciencia de pertenza a un pobo. Lamentablemente, o lema de “Galiza está se o BNG está” non resposta a realidade sociolóxica deste país, e , na miña opinión, mentres isto non se entenda, me temo que nos espera un futuro que reproducirá teimosamente os erros do pasado, para que nada cambie.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal