22:11 Sabado, 23 de Setembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-07-2017

Lecturas de onte para lectoras de hoxe

Os fados de Francisco Souto

Valorar (14)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Desde os nosos anos mozos dedicamos un bo número de artigos á lectura e á divulgación de libros que ían saíndo e que producían un enorme gozo en nós. É agora o noso propósito recuperarmos desde hoxe, e a través da nosa colaboración periódica neste medio dixital, algunhas daquelas vellas lecturas sobre autoras e autores contemporáneos e entregarllas de novo aos vellos amigos e ás lectoras e aos lectores de hoxe. E para abrir esta selección de artigos escollemos unha recensión crítica que publicamos no semanario “A Nosa Terra” o 5-XI-1998 sobre un dos primeiros poemarios de Francisco Souto. Sirva tamén este breve texto de recoñecemento e homenaxe persoal ao poeta que aínda hai nada nos deixou nunha circunstancia tan tráxica e tan triste. De Francisco Souto coñeciamos o poemario As árvores do incesto (1995), co que gañara o III premio de Poesía Espiral Maior, e xa daquela non nos decepcionou. Todo o contrario. Gustounos e valoramos a verdade da súa poesía e ese equilibrio entre o sentimento e a intelixencia. Pero se aquel libro nos gustou, esta súa segunda entrega causounos un inmenso pracer. Non sempre ten un a marabilla de ler algo tan verdadeiro, tan fondo e tan fermoso como este libro de poemas de Souto. É a súa unha poesía con vida, con pulso, cunha carga de emoción impresionante, e é, ademais, poesía ben escrita, moi ben escrita. Como o seu título indica, o libro é un canto sentimental e dramático. A tristeza, a derrota e a morte invaden o conxunto da obra. A isto contribúe a arquitectura dos textos, a brevidade, a concesión, o silencio que habita en cada poema, a sobriedade expresiva, o discurso pousado, lento. Todo conduce á pura emoción. É imposíbel ler esta poesía sen sentir o peso das palabras:

Esta é a patria
Catro paredes sen tellado
     
e unha maceira florida        
onde onte foi a sala
   
     
A patria, a terra, o mar, a amada, a loita, o eu… son elementos temáticos que aparecen unha e outra vez ao longo do poemario, sempre cun ton de tristeza e de amargura. Hai aquí moito de derrota, de ruína, de destrución… A ría devora, a luz é nefasta, o poeta é o galo degolado e o barro calcinado, a laranxa é a marga, as mapoulas están orfas, a guitarra está triste, a lúa é unha laranxa apodrecida, o canto das fontes é inútil, o cristal está roto, as mulleres andan enloitadas, o sol suicídase na fin da tarde, o poeta ule a pólvora da morte… Se algo hai neste libro de optimismo, de soño e de futuro son os últimos versos do poema dedicado a rafa Villar, ao Batallón Literario da Costa da Morte e a Arre-Sentelha!      

Vós
       
que sabedes do suicidio do sol
       
na fin da tarde
         
que é como dizer na fin do mundo        
que erguedes a palavra
     
de entre os mortos
     
calcinados
     
para nomear o que é vivo
     
e sobrevive
     
a cada aceno.
                       

Vós
     
irmáns          
asi na rua         
como na aventura          
e no verbo unxido
           
e no silencio.
           
Restaurade a palabra
                   
Reconstruide o mundo
         

A morte é, efectivamente, un dos eixos cardinais no conxunto da obra de Francisco Souto. No seu primeiro libro a morte estaba presente en case todos os poemas e neste segundo ocupa tamén un espazo importante. Chama a atención, desde logo, que nun escritor tan mozo a morte sexa unha constante temática, aínda que as súas razóns terá para escribir tantos e tantos versos con esa realidade humana de fondo. O presente volume péchase precisamente co seguinte texto:            

Calcina-me
 
     
Fai
       
dos meus ósos
         
o clarinete que sopre
         
a música para a fin dos tempos            

Non falta tampouco a visión apocalíptica do Terceiro Milenio, representada por dúas mulleres enloitadas e un carro de argazos pola estrada do esteiro: As mulleres-gando carrexando a patria.                      

A poesía de Souto, ademais de ter unha alta calidade literaria, transmite autenticidade e chega ao corazón, e iso é moi importante, porque a literatura ten que ser moito máis que un simple exercicio de palabras. Este Fado, con esa expresión fondamente dramática e á vez cálida e serena, sitúa ao seu autor nun lugar destacado entre os poetas máis mozos.        

SOUTO, Francisco
. Fado, Letras da Cal, 1998.        


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal