15:44 Mércores, 23 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-07-2017

Venezuela perdeu un importante aliado na defensa da revolución bolivariana en organismos internacionais debido a un elemento inesperado: o petróleo

Güiana: a volúbel veciña

Valorar (6)

XURXO MARTIZ CRESPO


Georgetown capital da Güiana


Laiábanse os opositores venezuelanos pola abstención das pequenas illas do Caribe e Suriname na xuntanza de ministros de Exteriores da Organización de Estados Americanos (OEA) previa á súa 47° Asemblea Xeral en Cancún.

Con estas 8 abstencións fracasou a proposta presentada polos países contrarios ao goberno bolivariano que instaba a Nicolás Maduro a «reconsiderar» a convocatoria dunha asemblea constituínte.

A oposición venezuelana, ante a abstención de Suriname e as illas anglófonas do Caribe,  preguntábase ironicamente: «Pero aí vive xente? Eses son países?». Trindade e Tobago, Surinam e Guiana son estados fronteirizos con Venezuela, á que sempre apoiaron en todos os organismos multilaterais en que comparten membresía, debido á política venezuelana, existente xa nos gobernos social e cristián-demócratas da IV República, de vender petróleo barato a eses países caribeños.

Venezuela e Güiana manteñen unha disputa territorial dende a independencia da primeira; primeiro contra a Gran Bretaña (Estado colonizador da Güiana ) e despois contra a independente República Cooperativa de Güiana que, de prosperar a reclamación venezuelana, perdería 2/3 do seu territorio actual, 159.542 Km²: a chamada Zona en reclamación. Porén, a veciña Güiana, que normalmente viña absténdose en todas as votacións que teñan como intención desestabilizar e destituír o goberno venezuelano, nesta última reunión multilateral votou xunto co grupo de países antibolivarianos.

A Güiana Esequiba ou Zona en reclamación é unha área delimitada a partir do Laudo arbitral de París de 1899, sen representación nin presenza venezuelana, que Venezuela historicamente asegura que está viciado por un acordo secreto entre Rusia e a Gran Bretaña e, por tanto, non o recoñece como válido.

A historia e o presente da Güiana son convulsos e a disputa limítrofe é parte desa inestabilidade. Os líderes da independencia de Güiana foron Cheddi Jagan e Forbes Burnham. Jagan, fillo de traballadores indostanís nas plantacións de azucre, fundou en 1950 o Partido Progresista do Pobo  (People’s Progressive Party, PPP), de ideoloxía marxista, e foi o primeiro marxista no mundo occidental en gañar unhas eleccións, en 1953, por maioría.

O presidente Nicolás Maduro, o secretario xeral Ban Ki-moon e o presidente David Granger.

Pero o legado actual dos líderes independentistas, o afro-descendente Forbes Burnham e o indostaní  Jagan, está no ar e gran parte da maioritaria poboación negra responsabiliza a Jagan de moitos dos problemas raciais actuais da Güiana, sen decatarse de que eses problemas non foron creados por ningún dos dous senón que son froito das políticas coloniais británicas que, unha vez sementadas, ficaron e agroman na actualidade. Conscientes desa situación, Burnham e Jagan tentan coa fundación do PPP unha coalición racial unida que racha en 1955 e crea unha fenda racial e social na sociedade güianesa presente até o día de hoxe. 

O recente descubrimento de petróleo, o primeiro achado en Güiana segundo a consultora especializada en temas petroleiros Wood Mackenzie, por un valor de neto de US$1.000 millóns, é un elemento determinante para a confrontación actual co goberno venezuelano.

Durante o goberno de Hugo Chávez a disputa fronteiriza ocupou un segundo lugar. A oposición venezuelana culpa o goberno bolivariano desta debilidade na reclamación porque aseguraba os votos na OEA. Pero o achado de petróleo obrigou o goberno de Maduro a retomar o tema da territorialidade e perder o voto güianés na OEA. O goberno venezuelano responsabiliza a compañía estadounidense Exxon Mobil, descubridora do xacemento, dos malentendidos entre o goberno güianés de David Granger e o goberno venezuelano.

A tensión subiu e Venezuela retirou de Georgetown a súa embaixadora, restabelecendo as relacións recentemente por mediación do secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon. Aínda así,  Venezuela perdeu un importante aliado na defensa da revolución bolivariana en organismos internacionais debido a un elemento inesperado: o petróleo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal