14:40 Martes, 26 de Setembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-07-2017

Verdadeiramente vergoñento que non se utilizara unha soa verba do noso idioma si non era por equivocación ou porque lles traizoaba o subconsciente

Facer un Día de Galicia en Euskadi para renegar do idioma

Valorar (11)

RAÚL RÍO DÍAZ


Entrega da Anduriña de Prata a Edorta Jiménez



Xa facía moitos anos que non podía acudir ao Día de Galiza en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos. Antes era por mor do traballo ou porque se celebraba nunha vila ou cidade lonxe de onde vivo, porque cada ano organízao un Centro na súa localidade e despois de xubilado por atoparme de vacacións na Galiza, pero este ano puiden ir e deime conta do desapego que senten hoxe os galegos por unha festa que empezou nas campiñas de Zuazo de Barakaldo fai trinta e dous anos, que pouco a pouco deixou de ser un gran día de festa galega e de encontro, na que nos xuntábamos os galegos emigrados das catro provincias vascas deste lado do Perineo para celebrar en comunidade a nosa identidade, algo moi lonxe do que aconteceu este ano en Barakaldo.

Acudín á Herriko Praza de Barakaldo ilusionado porque lle entregaron a Anduriña de Prata ao vello amigo Edorta Jiménez, poeta e narrador vasco e gran defensor da nosa cultura. Edorta participa activamente no Galeuzca de escritores, sobre o que fixo o documental A vontade é ponte-Gogoan zubi, coa intención de proclamar territorios lingüísticos mais alá das fronteiras e das divisións políticas, fortalecendo as relacións entre os escritores, do mesmo xeito que as relacións entre as literaturas. Amigo de moitos escritores galegos, sobre todo de Manuel María, de quen traduciu, baixo o pseudónimo de Omar Nabarro, o poema Saturno, que a Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo publicou nun libriño en maio de 1989. Tamén traduciu os tres sonetos de Gabriel Aresti e as catro cantigas de Manuel María que foron publicadas pola fundación Fesga da CIG e a fundación Ipar Egoa do sindicato LAB, no libro Galegos en Bizkaia-Galiziarrak Bizkaian, e o libro de Xosé Sesto Cantigas para catro mortes-Lau heriotzentzat kantak, editado, co apoio da CIG-MIGRACION, pola Asociación Galega de Emigrantes Retornados e a Federación de Asociaciones de Emigrantes Retornados.

Sen embargo para min foi un día agridoce, porque, por outra banda, puiden comprobar con moita tristeza como desprezamos o noso idioma e prescindimos del ata nestes casos nos que nos xuntamos para celebrar o noso Día. Verdadeiramente vergoñento que non se utilizara unha soa verba do noso idioma si non era por equivocación ou porque lles traizoaba o subconsciente, a pesar de tratarse dunha lingua romance, doada de entender para os español falantes. Daba pena ver á representante da Xunta de Galiza, Lucía Portela, que segundo o presentador era a “Jefa del Servicio de Apoyo Técnico y Contratación” (que con ese cargo non sei que pintaba alí) falando no idioma do imperio.

Foi tan triste que tiveron que ser o poeta vasco, Edorta Jiménez, e a pregoeira Rocío Dourado Fernández, os únicos que o fixeran na lingua de Rosalía. Aínda así, a "Contratista" da Xunta, o conselleiro do Goberno Vasco e a alcaldesa de Barakaldo, que falaron ao final do acto, déronnos as grazas por defender a nosa identidade, que despois de ver o anterior daba a impresión de que se estaban a rir de nós.

Vendo esta xente desleigada, que renega ata da súa fala, acordeime do que conta Manuel María dun titulado universitario que, nunha ocasión, chegou ao desaparecido Fornos de Lugo e alugou un cuarto para el e outro no faiado para o seu criado e resultou que o criado era o seu propio pai.

Unha festa deste tipo debera de servir para elevar a nosa autoestima e para que os nosos fillos sintan ese orgullo de pertencer a un pobo e a unha cultura, pero puiden acreditar, unha vez mais, que temos mellores defensores da nosa cultura e da nosa identidade nas xentes da comunidade que nos acolleu que en moitos emigrantes galegos, pois nesa mesma festa presentoume un amigo aos membros da Editorial Agalir, do barrio Bilbaino de Santutxu, que tiñan unha mesa con libros, revistas e propaganda e que edita mensualmente a revista literaria Vitela Ucrónica, dirixida por Iñaki Urdangarin Iraeta –que non ten nada que ver co mangante-, para a que incluso me pediron un artigo en galego.

Queixámonos logo de que os nosos fillos non se senten identificados coa cultura e coa identidade da terra na que naceron seus pais, pero non é de estrañar ao ver o desapego e o desprezo que senten por ela os seus proxenitores. Temos a sorte de poder enterdernos co noso idioma en moitos países dos cinco continentes, pero non lle damos o valor que ten.

Ditoso daquel que, como o universal Luís Seoane, cando mira para fora ve o mundo e cando mira para dentro ve Galiza, porque para amar e respectar o alleo non é necesario renunciar ao noso, senón que podemos amar o alleo desde o que verdadeiramente somos, exercendo de galegos con dignidade e con naturalidade, sen pretender imitar a ninguén nin intentar pasar polo que non somos nin nunca poderemos ser, porque si deixamos de ser nós mesmos non seremos nada. So seremos servos e escravos, como ben dicía Pondal:

Dos propios acentos

tiveran vergoña;

de cautivos falaran palabras,

de servos e ilotas.


O poeta da Terra Chá oubera dito tamén: Que estraño, pintoresco e absurdo híbrido é o Día de Galiza en Euskadi para estes castrapistas.


[16-07-2017 22:04] Raúl Río comentou:

Moi bon artigo; boto en falta un análise do por qué? Alí, ademais dos galegos emigrados, ten moito que ver con o dominio do poder no municipio ou comunidade autónoma na que se atopa a comunidade galega, e alí xa sabemos quen manda. Unha aperta

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal