11:04 Mércores, 18 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-07-2017

A conquista principal, a auténtica revelación, pasa por acompasar sentimento, pensamento político e actuación en consecuencia

O triunfo de Pedriño?

Valorar (29)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Refírome  -xa o adivinarían-  ao Pedriño d´Os dous de sempre, de Castelao, o incorrixíbel manxador, que acaba gañando o xornal nunha caseta de consumos, cando, xa vello, se conforma con menos comida. É o sapo da portada da obra, a antítese do paxaro, que na novela se encarna na personaxe do Rañolas, capaz de superar toda a penuria do seu nacemento e “voar” pola súa conta. Ora, o conseguido non lle dará a felicidade: Os tortos consellos da miseria fórano empurrando cara a escravitude. ¡Malia o día que conquireu o “dereito ao traballo” para trocarse de home en escravo do fisco i en azacán dos “burgueses” que lle levaban relós para compoñer!. En letras grandes e mouras, esta única palabra: “¡PROTESTO!” é o seu “testamento”, a mensaxe que fica del após se tirar a vida.

Mais non vou escreber sobre o grande compatriota, o que, xustamente hai agora oitenta e un anos, tripa por derradeira vez chan galego, para endexamais podelo facer no resto da súa vida, o que inicia un longo exilio marcado polo paradoxo máis cruel: sempre en Galiza, fóra dela, fisicamente falando. Tamén non o vou facer sobre a novela que citei, chea de riqueza alegórica, para alén da dupla historia que desenvolve a través dos personaxes mencionados. Veume á mente o Pedriño desta obra ao contemplar, máis unha vez, como en todos os veráns, a profusión de festas gastronómicas que inzan por toda a nosa xeografía, de todos os manxares imaxinábeis, de todos os produtos posíbeis. De modo e maneira que temos sobradamente demostrado que somos pantagruélicos e somos báquicos a pleno rendemento. Sabémolo facer ben.

A promoción do turismo que se realiza oficialmente é tan moderna como a que ponderaba no seu tempo Dª Emilia Pardo Bazán, que xa defendía as grandes potencialidades da Galiza como paisaxe e como ofertante de alimentos de primeira calidade. Mentres miles de galegas e galegos emigran, saen do país para procuraren vida e sustento fóra, os portavoces de turno da Xunta, sen enrubiaren, aplauden a chegada de miles, millóns, de turistas, como se tal fose solución salvífica para a economía galega, como se a autoestima colectiva dependese, por enésima vez, de que os de fóra nos reputen destino apetecíbel.

Sabemos facer ben outras moitas cousas. Por exemplo, simultanear o uso do telemóbel con millenta actividades: andar, pasear, correr, ir en bicicleta, estar rodeados de xente coa se aparenta falar, levar pola corda o can ou cadela (perdón, mascota), levar alguén ao lado que se ouve talvez mais non se escoita, atravesar a rúa coa ollada nel concentrada, sen miramento para peóns ou vehículos, usalo sen pudor en actos públicos cando outra persoa está a intervir, agardar con ansia adictiva o momento de o poder usar, como se de salvar unha vida se tratar... E millenta actividades máis. Todo sexa pola (in)comunicación!

Tamén sabemos mudar o idioma, non vaia ser que se nos note que somos o que somos, mais esta destreza xa vén de vello e está sobexamente practicada. Nacemos con ela e transformala leva moito tempo. Sabemos, como non, entusiasmarnos co que nos petan, un día si e outro tamén, desde a política española e desde o bombardeo mediático. Que é, pois, o que non sabemos facer ou facémolo rematadamente mal? Ollar para o que temos máis perto de nós, pararnos a considerar, como galegos, a que se deberán os nosos problemas, ousar expresar e defender unha alternativa que vaia máis aló do permitido, captar até que ponto se nos está utilizando, colonialmente, non só para dentro da nación senón como adiantados da españolía rampante contra Cataluña e o seu proceso de independización do Estado español.

Dentro de oito días celebraremos, máis unha vez, o Día da Patria Galega. Encher as rúas compostelanas, acceder e manifestarnos polo seu centro histórico non tivo nada de regalado nen de permitido benevolamente. Foi un dereito conquistado, como tantas outras cousas. Os miles de persoas que acoden, sexan militantes ou non, están a exteriorizar a vontade cívica, política, patriótica, de sermos galegos e demostralo sen complexos. A fronteira non está entre sermos nacionalistas ou non nacionalistas, como se tal condición se pudese cuantificar nunha porcentaxe. A fronteira está en confiar nas nosas proprias forzas ou, polo contrario, admitir a tutela allea, o permiso español, en calquer das súas modalidades, de vello cuño ou de recente formación. Millenta declaracións públicas, intervencións  parlamentares, entrevistas... de representantes políticos do PP, do PSOE ou de Podemos valen perfeitamente para calquer lugar do Estado. Para calquer lugar do Estado, menos para a Galiza, porque, nelas, a Galiza é só un lugar, un anaco tetraprovincial da España-marco inamovíbel, por moito que gasten retórica camufladora. Utilizar, por exemplo, o adxectivo “plurinacional” como cosmética embelecedora para, na práctica política real, desertar do principio basilar da auto-organización e delegar principios e responsabilidades no mando español, é puro retroceso, supón afortalar a dependencia, a submisión a designios que a reforzan, acrecentar toda a lousa da españolización, oferecer de nós, en suma, a imaxe do bon colonizado que agarda o parabén e a compracencia da metrópole.

A conquista principal, a auténtica revelación, pasa por acompasar sentimento, pensamento político e actuación en consecuencia. Declararse galega-galego sen rebaixas nen reservas, e traducilo na lingua usada, na concepción do país como nación recoñecíbel como tal, nunha distintividade que non é invento caprichoso senón clamorosa evidencia; decatarse de que a autonomía concedida é unha farsa e un estupefaciente que non se corresponde con nengunha capacidade real de goberno: todo isto é revolucionario, a despeito de ser básico e urxente. Desespañolizar mentalidades e actitudes, en suma. Só que esta tarefa non é un lema nen unha palabra de orde: é un desaprendizado que ten sentido en coñecendo a nosa historia, a nosa arte, o noso patrimonio, o noso potencial económico, a cultura de noso que existe, as nosas capacidades e as nosas limitacións, iniciando, por tanto, un aprendizado novo, que nos dea argumentos e bases de defensa.

Os herois da novela de Castelao son un morto en vida, co pancismo e a resignación como pauta e, no extremo contrario, o home, embededado de doutrina anarquista, que se autoliquida. A vida, a obra, o inxente afán do seu creador, durante toda a súa biografía plena, até o fin dos seus días en Buenos Aires, non se apontou endexamais a nengunha destas saídas fatalistas, que non deixan de ser correlato de comportamentos colectivos que el coñecía ben. Non hai termo medio entre a vida vexetativa e o suicidio, non hai síntese posíbel. A opción necesaria pasa por desactivar unha e outra tentación, por proclamar e exercer dereitos que só a nós, como galegas e galegos, nos toca defender e conseguir. Estaría ben, tamén neste mes de Xullo, en que se cumpren setenta e tres anos da publicación primeira de Sempre en Galiza, que (re)lésemos tal obra: nela existen claves de autocoñecemento, como galegos, que non envelleceron en absoluto. Non consintamos que o seu nome sexa malversado, en delito de apropriación indebida, como escrebeu Celso Emilio Ferreiro, como cantou Miro Casavella, por unha Xunta que ousa utilizar o seu nome para executar políticas de vasalaxe e submisión ao Estado que resultan a antítese flagrante do que Castelao pensou, escrebeu e construiu. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal