03:19 Luns, 11 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-07-2017

Que acabe dunha vez por todas o que alguén definiu, moi acertadamente, como o apartheid

Agora vaiche boa

Valorar (23)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Asisto como espectador ao último intercambio de fogo cruzado entre reintegracionistas e defensores da normativa RAG, cuxa primeira salva foi un artigo do historiador López Carreira a propósito do nome do noso país en Sermos Galiza. Esta enésima sesión de combate fratricida sérveme para, máis unha vez, reflexionar sobre o tema e para redactar un artigo que tiña pensado escribir desde hai tempo. Aí vai.

Xogarei coas cartas voltadas para cima. Eu, por se a alguén lle interesa máis por valor estatístico que pola influencia que eu poida exercer sobre outros, ando no gume da navalla. Explícome: levo tempo a me debater entre o ridículo que me asalta ao ver os eñes a deslucir os meus propios textos e o fatigante que me resulta escribir nunha normativa que non me flúe como debera. Si, xa sei que todo é cuestión de práctica e niso andamos, aínda que hoxe non o pareza. O FLiP, o Priberam e o valioso dicionario de Estraviz son ao mesmo tempo a miña axuda e a miña condena, pola cantidade de veces que debo acudir a eles cando escollo o reintegrado. Denuncio publicamente a miña propia eiva. Durante a miña formación non houbo ninguén que se preocupase de me introducir nos insondábeis segredos do s e do duplo ss. Pola contra, si que se preocuparon moitísimo por me instruír eficientemente noutras arbitrariedades como o uso dos bes e dos uves ou das palabras que levan h ou non o levan. E iso é o primeiro que solicito humildemente: que non volva haber en Galiza unha xeración de mozos e mozas que non saiban ler e escribir en galego-portugués. Que ninguén que saia do ensino obrigatorio se bote as mans á cabeza nin pense que se achega o fin do mundo cando vexa por vez primeira escrito un “jeito” ou unha “formaçom”. Unha confusión innecesaria, un esforzo suplementario? Desde logo, moito menor do que se precisa para saber que Shakespeare ou Rousseau se escriben como se escriben e se len como se len. Nada que non estexa ao alcance de calquera.

A segunda cousa que solicito é que acabe dunha vez por todas o que alguén definiu, moi acertadamente, como o apartheid. Que as grandes editoras non publiquen os libros de quen lle peta escribir nunha normativa diferente e que todo o que cheire a reintegracionismo estexa forzadamente ausente do mundo oficial é, sinxelamente, unha discriminación inaceptábel que converte os e as reintegracionistas nos proscritos dos proscritos. E en persoas, por outra parte, merecedoras dunha corrente de simpatía da que participo, aínda que non participe de todos os presupostos que me chegan desde ese campo. Por exemplo, creo que é un exceso de optimismo pensar que a escolla dun modelo de lingua inserido de cheo na lusofonía vai resultar a táboa de salvación definitiva para a nosa lingua. Oxalá fose tan doado. Infelizmente, e podo estar errado, creo que as cousas non van exactamente por aí e que entre os factores que poidan mellorar o estado da nosa lingua na nosa sociedade –que se resumen, a fin de contas, nunha cuestión de poder- a normativa na que se escriba vai ter unha importancia relativamente escasa.

Entendo que este último é un tema discutíbel e persoalmente o único que desexo é poder discutilo en paz. Case imposíbel, por desgraza, a día de hoxe. Os debates que na rede acompañan os artigos nos que se toca o sempiterno tema da normativa, e o fogo de artillaría que segue ao artigo de Carreira no Sermos é un bon exemplo disto, gozan das mesmas características que os máis tristes debates típicos do mundo dixital: moita palla, exceso de paixón incontrolada, ocorrencias estelares que só entende quen as escribe e escasos argumentos sólidos, sen que falte (como non!) quen lle bote a culpa de todo ao BNG. Eu non dubido que entre os ocorrentes participantes no debate hai máis dun profesional encargado de botarlle leña, ou mellor gasolina, ao lume para que nos queimemos todos. Nin caso, pois, e pasar páxina.

E finalmente a terceira e derradeira cousa que solicito é unha reorientación de esforzos. Abstéñanse, por favor, os e as que non gostan do reintegracionismo de malgastar enerxías en intentar parar ese carro. Con todos os ventos en contra, o reintegracionismo móvese, e para iso só hai que ver a cantidade e a calidade da rapazada que enriquece e protagoniza a vida cultural deste País escribindo poemas, facendo música ou dinamizado asociacións desde eses presupostos lingüísticos. Ou comprobar o número crecente de escritoras e escritores que escollen esa opción, aínda sabendo que as proscribirán aínda máis. Ou observar como desde o reintegracionismo se está a erguer a máis extensa cooperativa de ensino en galego. Parar isto? Agora vaiche boa. Máis valería esforzarse en facerlles un oco onde todo o mundo e en tratar entender que, finalmente, a nosa lingua xa entrou no selecto clube dos idiomas que se interpretan de dous xeitos e non dun só. Salvando as distancias, os tempos e as particularidades, igual que sucede en linguas tan saudábeis como o noruegués, o xaponés ou o grego. Hai quen ve isto como un problema; eu prefiro velo como unha oportunidade.

[19-07-2017 18:33] Manuel da Cal comentou:

Parece como se sempre estivermos a girar ao redos dos mesmos temas, e digo isto porque a lectura deste artigo lembrou-me um artigo de J. V. Viquira que li recentemente. Artigo que quando menos terá uns cem anos. A continuação reproduço alguns trechos do mesmo, respeitando a grafia do texto. O artigo começa com o seguinte pronunciamento:
"É um problema entre nós a reforma da ortografia e un problema d´unha grande trascendencia. De feito existen duas maneiras de escreber o galego: unha que podemos chamar erudita, etimológica oum millor histórica, e outra popular. A diferencia está en que na primeira se empregan a j e a g na forma que se fai un portugués ou francés e na segunda sustitui a esta letras no seu anteito sonido a x. O meu propósito no presente artigo é mostrar que temos que admitir inmediatamente a ortografía erudita, si cobizamos a máxima eficacidade do noso idioma, e que n´o porvir temos que modificala n´un senso ainda mais útil".
Noutra parte do mesmo manifesta que "o purtugués é un fillo do galego e ente os dous non hai mais capitalmente que diferenzas fonéticas que non son tan grandes quizais como as que existen entre o andalús e o castelán. Si nosoutros empregamos a ortografía histórica galaico-portuguesa teremos salvado a dificultade que separa as duas líguas e daremos ao galego un carácter mais universal, facendo accesible ao maior número de homes." Neste sentido faz a seguinte proposta:
"precisamos continuar a nosa obra e camiñar para a total unificación das ortografías galega e portuguesa. Asin introduciremos a nh pol-a ñ, a lh pol-a ll, e outras modificacións que o leitor pode adiviñar facilmente. Faráse isto primeiramente nas publicacións eruditas, científicas, despois nas populares."
São plenamente consciente de que a solução à controvérsia normativa não é a simples subtituição de umas grafias por outras, que a questão é bem mais complexa e que encerra em sim muitos outros aspeitos, mas também sei que se o que queremos todas as pessoas que estamos preocupadas pelo futuro e diginficação do nosso idioma é atingir que o galego venha a ser o idioma nacional da Galiza, independentemente da normativa que empreguemos, somente o imos conseguir desde o respeito, o diálogo e a liberdade.
De todos os jeitos, este debate, é bem indicativo da situação na que se encontra Galiza, que depois de transcorridos mais de cem anos sigamos nas mesmas.

[18-07-2017 00:24] sinho comentou:

O senhor Anselmo bem sabe do dito "divide e venceras".

Eis uma resposta ao artigo do senhor Anselmo:

http://pgl.gal/portuguesismo-e-autocolonizacao/

[15-07-2017 21:41] Antón Laxe comentou:

Moi acaído. Véxome moi identificado cos seus comentarios.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal