11:05 Mércores, 18 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-07-2017

O interese das administracións locais e autonómica pola cantidade en lugar da calidade, está matando á galiña dos ovos de ouro

Galicia e a explotación dos recursos turísticos

Valorar (4)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Agora que estamos en período vacacional é oportuno falar dalgunhas cuestións relacionadas co turismo. Galicia conta con dous medios naturais como son a costa, cantábrica e atlántica, coas Rías Altas e as Rías Baixas, e a montaña, así como cun enorme número de recursos patrimoniais como, son castros, igrexas, mosteiros, catedrais, castelos e fortalezas, núcleos urbanos e rurais, conxuntos etnográficos, balnearios, etc. Agás Lugo, Galicia está bastante ben comunicada por terra, mar e aire, con tres aeroportos, varios portos, trens de media velocidade, autopistas e autovías que permiten desprazamentos nun tempo razoable. Malia iso, fóra diso Santiago de Compostela e algunha localidade costeira, aínda segue sen ser descuberta para o turismo, o que por unha banda é un inconveniente para un país que vive fundamentalmente do sector primario e terciario, pero por outra non deixa de ser unha gran vantaxe, diremos a razón.

Segundo unha información destes días o sector do turismo en Galicia xera un 11 % da riqueza e sostén mías de 108.000 empregos. pero tamén apuntaba algunhas cousas que mellorar. Entre os defectos están unha sinalización heteroxénea que confunde; limitación no transporte público; pouca conectividade aérea a pesar de ter tres aeroportos; feísmo e degradación puntual de monumentos e recursos culturais; degradación do medio natural debido á despoboación no rural; saturación dalgúns destinos; escasa oferta para o turismo de moi alto poder adquisitivo; baixo coñecemento de Galicia como destino turístico a nivel internacional; negocios sen presencia en redes sociais e webs e excesiva estacionalización no verán.

Nos aspectos positivos sinalase un bo posicionamento do Camiño e Santiago de Compostela a nivel nacional e internacional; boa imaxe como destino gastronómico; a chegada do AVE como oportunidade para as cidades; gran potencial do turismo rural para aumentar as visitas ao longo do ano; boa imaxe de Galicia a nivel global: ter recursos diferenciadores como o Camiño, o termalismo, a costa as rías; presenza dunha nova xeración de profesionais turísticos con boa formación.

Fóra do turismo de praia, para os tur operadores so existe Santiago. E Galicia é moito máis que o Camiño e Compostela. É certo que o AVE vai facilitar a chegada do turista, pero quedan cidades como Lugo, cun gran potencial de recursos culturais, incomunicadas.

Morrer de éxito

Lía estes días que un dos problemas que teñen os barceloneses é o turismo, o cal a primeira vista pode resultar paradoxal, dado que todos adoitamos aspirar a desenvolver e contar con este sector como un dos motores da economía local. A razón do problema é a saturación. Aínda que este fluxo masivo de visitantes é importante, desde o punto de vista económico, o é aparentemente dado os múltiples e variados problemas que xera a masificación, dando lugar a reflexionar sobre o tipo de turismo que interesa. Hai que incidir en fomentar aquelas facetas minoritarias do turismo, como o cultural, o gastronómico, e o climático.

Estamos afeitos ver o triunfalismo dos políticos, tanto de institucións autonómicas como locais, cando se refiren aos camiños de peregrinación a Santiago ás festas en xeral e ás gastronómicas, a considerar como un éxito o aumento do número de usuarios ou concorrentes, o que, ao meu modo de ver lonxe de constituír un éxito, non é máis que a constatación dun fracaso, é dicir, o resultado dunha mala planificación e xestión.

Se nos referímos aos que fan os camiños de Santiago, vemos que o Camiño Francés non só está masificado, senón que debido a iso converteuse no obxecto da cobiza de moitos que explotan, dito literalmente, ao peregrino ou simple camiñante, moitos dos cales, cando repiten, buscan outras rutas alternativas, como poden ser o Camiño Primitivo e o Camiño Norte, estes últimos alterados por unhas intervencións desafortunadas da Xunta destinadas á súa "urbanización" que os desnaturalizan e fanlle perder o encanto dun camiño ancestral, coa mirada posta noutro lado por parte de ICOMOS ante as denuncias de asociacións relacionadas co medioambiente e o patrimonio histórico e cultural, nas que hai persoas que saben que se está producindo unha falsificación da súa delimitación, unha grave e irreversible alteración dos camiños históricos e unha conculcación dos criterios que para eles ten fixados a UNESCO para aqueles que foron declarados Patrimonio da Humanidade. O interese das administracións locais e autonómica pola cantidade en lugar da calidade, está matando á galiña dos ovos de ouro, ou dito doutro xeito, están provocando que morran de éxito.

Menos cantidade e máis calidade

Debido á inestabilidade política e os atentados en destinos turísticos dos países do norte de África, tradicionalmente baratos para os europeos, o turismo urbano peninsular estase desprazando a cidades como Barcelona, Sevilla, Madrid ou Lisboa. Si por unha banda isto é bo para diversos sectores da súa economía con todo está demostrado que o turismo de masas, que adoita ser dun menor poder adquisitivo, lonxe de aportar o que fai é incomodar cando non destruír, dando lugar a unha variada gama de problemas.

Un exemplo que pode resultar ilustrativo é o fenómeno da praia das Catedrais en Ribadeo, nome proposto no seu día para ese lugar polo que foi veciño e presidente do Goberno de España, Leopoldo Calvo Sotelo, que co tempo e o efecto das redes sociais pasou de ser unha praia familiar e tranquila, a un absurdo desfile de centos de persoas ao longo do ano, que alcanza miles nos meses de verán ata o punto de que a Xunta tivo que regular o acceso.

Cónstame a preocupación dos biólogos mariños que xa comezaron a realizar estudos sobre o impacto que pode ter a pisada destas multitudes na microfauna que vive na area. Vendo o negocio, o establecemento de hostalería que se estableceu fai anos nas inmediacións dese lugar para atender aos bañistas, hoxe cobra por un café coma se estivese situado na Gran Vía madrileña. O mesmo poderiamos aplicar e dicir do que foi e é hoxe, en relación co Camiño de Santiago, O Cebreiro, que perdeu a súa identidade en aras da comercialización.

As nosas festas gastronómicas alentadas polos políticos locais que proliferaron exponencialmente durante a era Fraga, ás que como reflexo do éxito empéñanse en cuantificar ao alza tanto económicamente como no número de asistentes, unha boa parte deles ficticios, son a mostra dunha política turística equivocada, pola que se deixan arrastrar tamén algúns hostaleiros cuns prezos que unhas veces pecan por exceso e outras por defecto. As dúas posturas son malas porque cando o consumidor se dá conta de que o que lle cobran non está de acordo coa calidade tanto do servizo como do servido, séntese estafado converténdose no mellor propagandista de que non se debe volver a tal lugar ou establecemento.

Pero a galiña dos ovos de ouro tamén se mata tirando os prezos, alentando o turismo mochilero ou de bocadillo, por exemplo ofrecendo menús de entre 8 e 10 euros, porque non aporta ganancia ao que o vende si non despacha unha gran cantidade, e dá pé ao que o pide para queixarse logo do mal que comeu.

O que podemos ofrecer

Temos en Galicia un clima de envexa que ofrecer, agora que se empezan a sentir os efectos do quentamento global, aos que escapan da calor e das praias masificadas do sur, e para os que desexan gozar durante o verán de lugares tranquilos, temperaturas suaves e poder durmir cubertos cunha manta; uns núcleos rurais despoboados e abandonados, moitos dos cales unha vez rehabilitados poderíanse ofrecerse para vivir permanentemente ou temporalmente aos que lles gusta a tranquilidade e a natureza; uns monumentos notables de distintas épocas e culturas, para os que aprecian o patrimonio etnográfico, histórico e artístico; unha gastronomía baseada nos produtos propios, tanto os procedentes do mar como da agricultura, gandería e viticultura, e un sinfín de festas populares para os que gustan da diversión sa e do folclore.

Entón ¿que nos falta? Seguramente políticas tendentes a conservar e divulgar o patrimonio, que desenvolvan o turismo de calidade, o que deixa diñeiro e non masifica. Un sector hostaleiro con persoal ben pago que se atope profesionalmente á altura desta demanda, para o que precisa formación, que conte coa colaboración das institucións públicas para orientalo, desenvolvelo e promocionalo.  

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal