06:26 Luns, 25 de Setembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2017

O que tiñamos en Galicia eran, como figuran en Pontevedra, peiraos –verba inexistente en portugués-, onde os barcos podían arrimar a terra con seguridade

Son o mesmo muelles que peiraos, traineras que traiñas?

Valorar (11)

FRANCISCO CALO LOURIDO



A celebración do “XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia” na vila de Combarro permitiume pasar varias horas gozando do espectáculo de volver a ver un mar cheo de velas e cor, oír comentarios sobre a fasquía e evolucións dos veleiros e reencontrarme con vellos amigos. Ao tempo, por razóns doadamente comprensibles, dous substantivos petábanme cada pouco nos ouvidos, verbas que podo condensar no seguinte sintagma: “As traíñas atracan ou desatracan do peirao”.

Nun longo artigo en A Nosa Terra (novembro de 1998), seguido doutros na revista Aunios  (números 15 e 16, de 2010 e 2011) fixen uns estudos, ou talvez só comentarios, sobre estas e outras verbas. Lonxe de min a ousada pretensión de traspasar a liña que demarca o terreo dos lexicógrafos, mais o feito de nacer e me criar entre aparellos e caixas de peixe, enredando nos muelles e escoitando aos vellos falar das traineras, amais de traballar e publicar sobre etnografía mariñeira dende van alá máis de corenta anos virados, tendo que sufrir o rotulador dos correctores terroristas e ignorantes neste eido disciplinar (nunca entendín como ousan corrixir o léxico dos especialistas) empuxáronme a deixar por escrito o que eu sei sobre as substitutas peirao e traiñeira/traíña que desprazaron con tanta fortuna as que me eran familiares. Ignoro quen foi o primeiro que as usou, mais felicítoo porque calaron de tal xeito que, agás alguén coma min que se negue a empregalas, xa non teñen volta atrás.

No ano 1634, un portugués chamado Texeira (castelanizou o orixinal Teixeira) fixo un atlas das costas da Península para Filipe IV, o chamado Rei Planeta. Hoxe os mapas están ao alcance de todos, mais en séculos pasados a súa elaboración tiña unha finalidade militar e, conseguintemente, secreta, pois os exércitos precisaban coñecer con exactitude as zonas nas que deberían operar. É por iso polo que tiñan que mostrar, coa meirande exactitude, defensas, castelos ou fortes, fondeadoiros, pontes e, por suposto, embarcadoiros e muelles. Os que coñecen este atlas saben non só da súa beleza, senón da súa enorme meticulosidade, tanto nos mapas como no extenso texto co que se describe e comenta todo o perímetro peninsular. Por iso plasmou con detalle os peiraos de Pontevedra. Desde o traballo de Maciñeira sobre o Coído de Bares, suposta escollera fenicia, correu moita tinta tentando explicar ese conxunto de bolos; a Teixeira non lle impresionaron, cando unicamente di: “En esta misma ría, de la otra parte del puerto de Viçedo, está vna plaia de arena donde está vna aldea que llaman Varias (por Bares). Población de pescadores, no tiene más puerto que el abrigo que le azen vnas peñas a los barcos. Desta plaia se entra en la mar vn cauo que dizen la Estaca de Varies”. E cando debuxa e pinta a miña vila do Porto do Son, marca ben o Caudillar e a Parede ata a Agudela e di: “Tiene este lugar vna caleta donde se abrigan barcos”. O Son non tivo un Maciñeira que quixese ver fenicios amoreando bolos. Coñecía ben Teixeira, afeito a ollar paisaxes marítimos, que  as correntes, traballando, son quen de facer estas ciclópeas construcións. Por mor deste tan meticuloso atlas, sabemos que, no ano 1634, non había en toda Galicia un só paredón, é dicir, un muelle, que se internase no mar, mentres que están cheos deles os portos do Mediterráneo, do Cantábrico máis alá do Eo e mesmo da costa Portuguesa. Estamos moi afeitos a ir con retraso.

O que tiñamos en Galicia eran, como figuran en Pontevedra, peiraos –verba inexistente en portugués-, onde os barcos podían arrimar a terra con seguridade. É dicir, eran o que os portugueses chaman cais, os casteláns, embarcadero ou andén, os franceses quai, os ingleses platform ou quay e os alemáns Bahnsteig, mais tamén Quai/Kai. En todas estas linguas, agás en Galicia e en Castela existe unha verba común derivada do galo cai. Ignoro de onde procede e que camiño seguiu para chegar aquí a verba peirao, que o Dicionario Xerais da Lingua remonta ao latín petra. É posible e non serei eu quen discuta isto, pero sempre me resultou atractiva (xa sei que a atracción non é ciencia) a idea de relacionala co grego epeiros, “terra firme”, de onde Epìro. Talvez tamén Pireo, o porto de Atenas? Veña de onde veña, habíaos en Vigo, Pontevedra, Ribeira e en Combarro, onde os mariñeiros, aínda hoxe, distinguen ben se atracan no peirao ou no muelle, etc. O que non había en toda a nosa costa, cando menos ata 1634, eran muelles ou espigóns/paredóns que penetrasen no mar para protexer unha zona e permitir atraques. Esta palabra, que, segundo as autoridades lingüísticas, non existe en galego, aínda que a empreguen todos os que teñen que facelo, os mariñeiros, ten unha etimoloxía moi clara; procede do latín moles, que dá muelle en castelán, môle en frances, molo en italiano, moll en catalán, mole en inglés, Mole en alemán e molhe en portugués, (e en Vigo, onte temos o Porto do Molle na Zona Franca).

Ignoro cando, con posterioridade ao atlas de Teixeira, se fixo nesta nosa terra o primeiro muelle de pedra. Sospeito que os máis antigos se espallarían no século XVIII, e o que si coñezo é máis dun moll dos que fixeron, de fasquía inconfundible, os fomentadores cataláns, xa no século XIX, por exemplo o da Aguieira (Porto do Son) ou o impropiamente chamado “Muelle da Covasa” en Aguiño, xa que, curiosamente, este si se trata dun verdadeiro peirao, e aínda lembro que se adxudicaba tamén aos fenicios. Cando entrou nas nosas costas esta caste de construcións, pertencendo Galicia a unha España gobernada desde Castela, fíxoo co seu nome latino molles ditongado ao xeito castelán. Se aplicase aquí a metodoloxía da escola alemá Wörter und Sachen (“Palabras e Cousas”) concluiría que o obxecto muelle entrou aquí xunto coa palabra que o nomeaba e así a aprenderon e a empregaron, ata hoxe, os nosos mariñeiros. Un meu avó, descendente e ascendente de patróns, nacido en 1894, toda a vida atracou os seus barcos ao muelle –aínda lembro cando, con cinco anos, sentado na popa ao seu carón, me deixaba levar a cana do temón da “Peregrina”- e morreu ignorando que existise a verba peirao. Eu, que me criei na Comboa entre mariñeiros, barcos e peixes, aprendina cando vin vivir a Pontevedra. Tan pobriños somos os mariñeiros galegos que nin sequera podemos ter un derivado de moles (agás en Vigo) como todo o mundo? Eu si. Non renuncio á miña patria rilkeana.

Ás portas de entrar no século XX, chega a Galicia, espallándose polo Cantábrico desde Euskadi, unha embarcación de nome trainera. Hai quen quere derivar o seu nome dun aparello chamado traína (co que traballaba inicialmente ata a súa prohibición) da mesma feitura que as nosas antigas sacadas ou traíñas (aparellos de arrastre sen copo). A trainera trae agora a bordo outro aparello de nome traíña, de igual nome que o galego, pero moi diferente. Era un aparello de cerco que, para algúns autores, fora inventado nos EE.UU. e que tiña a particularidade de se pechar polo fondo, apertando unha xareta introducida por unha serie de argolas xunguidas á tralla do chumbo. A trainera chegou coa traíña, dous nomes que, malia certa semellanza, non están directamente emparentados. Lixa Filgueiras publicou, en 1994, un fermosísimo libro, Traineiras, en CTT Correios de Portugal, que fixo unha tirada especial de selos que van repartidos nas súas bulsas, nos inicios de cada capítulo. Por el sabemos que penetran tamén as traineras vascas en Portugal, cando o portugués António Andrade mercou unha en Vigo, o 19 de abril de 1913, e a levou para Peniche. Levou igualmente o aparello, a traíña, e un experto para lles aprender o seu manexo. Ese mesmo ano importáronse 12 máis e ao ano seguinte xa as facían eles alá, seguindo o modelo orixinal, polo que lles chamaron “traineiras tipo Vigo”. Os portugueses de présa ditongaron o nome vasco, converténdoo en traineira e mesmo o conservaron ata os actuais barcos do cerco. Tamén no Cantábrico, outros barcos actuais herdaron este nome de trainera.

 En Galicia, as traineras tiveron poucos anos de vida laboral, ás veces falsamente esaxerada pola cantidade de preitos e liortas que ocasionou entre os xeiteiros a súa competencia, polo que o seu nome nin sequera chegou a ditongar, seguindo o xenio da lingua. Cando un barco traballa cun aparello recibe o nome do mesmo. Cando saen os barcos actuais que andan ao cerco de xareta (americano ou de “retenida” para os portugueses), dicimos que está a saír o cerco, mais se o armador decide cambiar de arte e dedicarse ao palangre, pasa a ser un palangreiro, e será un volanteiro se muda ás volantas, etc. Patrick O’Brian, o grande escritos de temas náuticos, no seu libro “Capitán de mar y Guerra”, no que se baseou a coñecida película “Master and Commander”, dedica moitas liñas a explicar que un bergantín pode, por algo nimio, pasar a ser corveta, “una especie de paquebote o un hermafrodita” e conclúe: “no deje nunca que una simple palabra aflija su corazón” (...) “La Armada se expresa por medio de símbolos, y a las palabras puede usted darles el significado que prefiera”. Por iso, cando unha trainera andaba no seu oficio podía ser chamada traíña, pero ninguén lle chamaría así, se decidía meter a bordo os tramallos. Desde hai unhas décadas, cando varios portos galegos entraron nas competicións de traineras, a alguén se lle ocorreu dicir que andaban en regatas de traíñas, o cal é absurdo, xa que unha cousa é traballar con traíñas e outra dedicarse ás competicións co barco ben limpiño. A min impresióname escoitar que un aparello do cerco compita en velocidade con outros. Houbo quen pensou que sería mellor chamarlles traiñeiras,  o cal é tan absurdo como o anterior. Podo aceptar o ditongo, mais non acepto o ñ, non sendo que alguén decida meter a traíña a bordo e poñerse a traballar con ela. Tamén os vascos, que antes ca nós levaban traíñas nas súas traineras, saberían dicir “traiñera”, pero eles tiveron sempre máis sentidiño. Son xente seria e fan regatas de traineras.

Luís Tobío escribiu no número conmemorativo de Ronsel (xaneiro, 1975) unha fermosa páxina sobre a fonte da rúa na que se criou. Describe, nun poético galego, como os “picariños fillos dos mariñeiros” andaban “a choutar antre as pedras, as gabarras ou traineras vellas que alí apodrecían ou as novas que ían nacendo”. Para o galeguista, diplomático e políglota Tobío non eran nin traíñas, nin traiñeiras, eran o que sempre foron para os vellos mariñeiros: traineras. Eu podería dar un paso adiante e chegar á ditongación, como fixeron os portugueses, mais un ñ nesta verba, aplicada a unha embarcación deportiva, esta fóra de toda a lóxica da fala mariñeira.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal