19:20 Mércores, 22 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-07-2017

Transmutar as posicións políticas por volta dun cambio de linguaxe, sempre conduce ao mesmo lugar

De maiorías, modernidade e vontades hexemónicas

Valorar (18)

XABIER PÉREZ IGREXAS



O suxeito en política é fulcral. A quen destinamos a nosa proposta política, quen a debe facer propia e empurrala para, avanzando na correlación de forzas, tornar o noso proxecto en realidade, non é un asunto menor. Estas últimas semanas agromaron algunhas voces que volvían teimar no debate sobre a quen debe o nacionalismo galego destinar o seu proxecto de transformación. Non é algo novo. Hai máis de quince anos houbo quen logrou virar a nao nacionalista sob as coordenadas dunha presunta “modulación” discursiva, que posteriormente se traduciría nunha edulcoración das posicións e na atenuación das propostas “tácticas” co afán, disque, de alargarmos a base social do nacionalismo e disputar novos nichos de electorado. Os resultados, nun sentido amplo, foron os que foron. A partir da asemblea nacional de Amio, o BNG encarou un proceso de redefinición que tiña por norte volver situar a proposta política da fronte patriótica nas coordenadas da esquerda (transformadora e non sistémica) e do soberanismo. Unha redefinición que, a pesar de que se manifestara de xeito traumático do ponto de vista interno, era indispensábel para corrixir o divorcio entre as formulacións tácticas e o proxecto estratéxico ao que debe obedecer: a plena emancipación social e nacional do pobo galego.

As modulacións, adecuacións discursivas, aggiornamentos estéticos, envolturas tácticas, modernizacións e outras fórmulas son coñecidas de vello e están, de vez, máis que probadas e comprobadas. Ese vieiro, o de transmutar as posicións políticas por volta dun cambio de linguaxe, sempre conduce ao mesmo lugar. No discurso político a linguaxe nunca é neutra. Os significantes encerran significados en si propios. Optar por uns termos ou por outros, describir ou enunciar cuns ou outros conceptos a realidade e as nosas alternativas, é sempre unha escolla ideolóxica. A linguaxe, é por acima de todo, o soporte do pensamento. Xa que logo, a elaboración discursiva non é un aspecto mercadotécnico ou estético. É nuclear. Atinxe o que define o que somos e o que queremos ser e tamén, mais en segundo lugar, a como queremos que se nos perciba.

O sociolingüista norteamericano, e nada sospeitoso de ortodoxía marxista-leninista, George Lakoff ten abordado esta cuestión coa súa teoría dos marcos cognitivos. Un dos aspectos máis salientábeis, e relacionado con todo o xa explicado, da teoría lakoffiana (que bebe doutras autoras) é que adoptarmos a linguaxe, as conceptuacións e definicións do “inimigo”, renunciando a expresarnos sen medos con voz e linguaxe propias, colócanos, sempre, en desvantaxe.  Nese sentido, cando se opta, por exemplo, por definir o destinatario do proxecto nacionalista co termo “sociedade”, inda admitindo a pretensión de quen o fixer de procurar abranguer un colectivo o máis amplo posíbel, acaba por asumir a linguaxe dominante (a do discurso dominante, que é o da clase dominante: o capital). Falando de “sociedade”, en lugar de falarmos de “pobo traballador”, de clases ou camadas populares/traballadoras, é evidente que se aposta por unha abstracción que tenciona suavizar o perfil ideolóxico, incorrendo nun relato desclasado. Con “sociedade”, ao se definir como un todo xenérico, négase por pasiva a existencia da loita de clases e de desigualdades, da evidente estratificación social. O mesmo sucede con termos como “cidadanía” e outros tantos, como xa se ten abondo clarificado por parte de numerosos autores marxistas e pensadoras da esquerda.

Mais ao nesgo ideolóxico desas escollas, engádese outro defecto importante. O de non se corresponder coa realidade material. É frecuente a argumentación de que  hai que abandonar as vellas categorías (marxistas maiormente e, xa que logo, científicas) para abrazarmos enunciados máis “modernos” e “inclusivos”. O da modernidade merecería debate a parte. No entanto, o da inclusión si que exixe contraste e refutación. Fágamolo por vía indirecta e interrogativa. A quen se exclúe do noso discurso de aludirmos ás “clases populares e traballadoras” como suxeito? En serio. Sinálese no concreto quen pode ficar excluído nese enunciado. Se por clases traballadoras e populares entendemos o continxente social integrado por persoas asalariadas (da área pública ou da empresa privada), mais tamén persoal autónomo (sen empregadas a cargo), pensionistas e xubiladas e mais persoas desempregadas estariamos a nos referir a como mínimo a 1 millón 800 mil galegos e galegas. Engádase a prole familiar cuxo sustento depende directamente de todas as persoas antes referidas, e comprobarase facilmente como as clases populares e traballadoras constitúen a absoluta maioría social deste país, no que hai menos de 70 mil empresarios con algunha persoa asalariada a cargo. É esa amplísima maioría do pobo á que o nacionalismo ofrece, e debe seguir a ofrecer, o seu proxecto de transformación radical da realidade. É ese o suxeito que debe asumilo para o facer hexemónico. O resto son contos vellos para disfrazar as derivas que sob a coartada de procurar a centralidade (política e social, en realidade, a electoral) sempre acaban por nos abanear cara ao centro (ideolóxico), afastando até o borde da ruptura as nosas propostas no concreto do noso proxecto estratéxico, sucumbindo na incoherencia a inconsistencia que só poden provocar desafección e descrédito popular. O gris é un espazo xa demasiado pisado.  

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal