16:43 Mércores, 18 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-07-2017

As zonas máis afectadas por estas plantacións interminábeis coinciden con zonas de selva tropical que até o de agora mantiñan un difícil equilibrio económico e ecolóxico coas poboacións locais

Aceite de palma, un novo comercio de coloniais

Valorar (9)

XOÁN COLAZO PAZÓ


A explotación das palmas aceiteiras e o comercio que se fai na actualidade dos produtos que delas se obteñen, especialmente o aceite de palma, remítennos ao peor da globalización: riscos para a saúde, explotación laboral e destrución do medio.

É na chamada Idade Moderna cando se produce a expansión dos grandes estados europeos cara a todos os recantos do mundo, estabelecéndose os imperios español, portugués, inglés, francés, holandés,... Neles a explotación de materias primas e man de obra dos países colonizados tivo un papel moi relevante e supuxo que estes estivesen completamente sometidos aos intereses económicos das metrópoles. As colonias fornecían bens para o comercio exterior, normalmente con pouca transformación en orixe, e debían mercar os produtos manufacturados das capitais imperiais o que resultaba nunha cada vez maior dependencia. Mesmo os produtos de primeira necesidade, os básicos de alimentación e outros, debían ser importados pola colonia, imposibilitada ao tempo de comerciar con outros territorios e obrigada a cultivar boa parte das súas terras con produtos que lle interesaban aos gobernos coloniais. Eis os casos do azucre, o algodón, as especias, o cacao, o café, o té e tantos outros. En definitiva, un claro exemplo de intercambio desigual. Coa evolución histórica e o desenvolvemento capitalista estas tendencias afondáronse, con certas modificacións, até dar na globalización actual, que no eido comercial non se veu normalmente empecida polas independencias formais das antigas colonias. Agora quen exerce con mínimas restricións o seu monopolio comercial de produtos de alimentación xa non son os vellos estados, senón as grandes compañías transnacionais que impoñen a súa vontade e os seus intereses, afastados de calquera lóxica social, territorial ou ambiental. Os Países Baixos, a vella Batavia romana, debe parte do seu desenvolvemento actual ao saqueo e explotación con man de ferro da illas do sueste asiático, onde producía e comerciaba con cana de azucre, algodón e opio, e onde non faltaron os masacres e matanzas de poboación local ou chineses “importados” para traballar nas plantacións. Non se sabe se como proba da súa magnanimidade ou do seu cinismo, os holandeses deron durante tres séculos o nome de Batavia á capital do territorio conquistado de Indonesia. É só un exemplo de moitos que se poden atopar na historia.

Na actualidade asistimos a capítulos igualmente nefastos do que supón a globalización, co seu ronsel de desregulación, liberdade de comercio e mercado e unha inédita capacidade de transferir recursos dunha parte a outra do planeta sen demasiados controis ou custos. Todo o que rodea á produción e comercio do aceite de palma é arquetípico das consecuencias que se derivan de desenvolver producións agrarias ou forestais en calquera lugar do mundo e a calquera prezo, unicamente seguindo a “lóxica” do beneficio máximo e inmediato da industria.

O aceite de palma extráese da palmeira africana (Elaeis guineensis) e é natural dese continente onde de xeito natural se consumía sen transformar, o chamado aceite vermello. Porén, a industria alimentar occidental hai décadas que puxo os ollos neste aceite para substituír outros aceites vexetais e o utilizar masivamente na produción de todo tipo de alimentos, produtos de beleza e limpeza, e mesmo para combustíbeis biodiésel. Isto débese a que a súa produción e transporte é sensibelmente máis barata cós outros aceites animais ou os de oliva, xirasol ou soia. Ademais é un aceite cunhas grandes calidades en canto a textura, capacidade conservante, sabor e versatilidade, xa que é o único que se mantén sólido a temperatura ambiente. Por iso é un compoñente básico de centos de produtos alimenticios, tantos que sería prolixo sequera facer unha mínima relación (xeados, xabóns, bolachas, manteigas, comida precociñada,...); dise que está presente en non menos da metade dos produtos que se atopan en calquera supermercado.

Os problemas xorden en como se produce o aceite, tanto o cultivo das palmeiras como o proceso produtivo necesario para a súa obtención, e a partir de aí todas as consecuencias que se derivan necesariamente dunha situación de explotación colonial. O mercado de aceite de palma move perto de 40.000 millóns de euros ao ano, producíndose en zonas tropicais para se destinar a un consumo de produtos alimentarios en Europa, EUA e China. Para a obtención do aceite a industria refina o aceite primario ou vermello, nun proceso que o eleva por riba dos 200 graos e que inclúe o desodorizado e branqueado, e que ten consecuencias negativas no produto, como é a perda da vitamina A –case a única que contiña- e a súa oxidación. Deste xeito, as características intrínsecas do aceite de palma refinado indican que se trata dun produto cun altísimo nivel de graxas saturadas, máis do 50%, o de máximo contido, que se relacionan co colesterol e problemas cardíacos e circulatorios. Alén diso, estudos recentes relaciónano con certos tipos de cancro. Hai que ter en conta que está presente en moitísimos alimentos procesados, que son a base da nosa alimentación e que se estima que podemos inxerir anualmente o noso peso en aceite de palma. Ademais, existe unha seria dificultade en coñecer que produtos conteñen este tipo de aceite, pois na etiquetaxe pode recollerse con diversas denominacións, en ocasións moi afastadas da palabra palma, e non foi até moi recentemente que se tentou regular este aspecto para facelo máis transparente ao consumidor. En calquera caso, neste momento non existen verdadeiras alternativas de consumo para a maioría da poboación, descoñecedora polo xeral da problemática que supón.


Alén dos riscos sanitarios, existe un problema se cadra máis grave derivado das plantacións de aceite de palma, que se foron facendo masivas dende os anos 80 do pasado século, e que seguen a medrar aceleradamente na actualidade. As multinacionais alimentarias para fornecerse deste insumo case imprescindíbel para as súas producións fomentaron o cultivo do aceite de palma en todas as rexións tropicais do mundo, non só nas orixinarias de África, senón no centro e sul de América e, principalmente, no sueste asiático. As zonas máis afectadas por estas plantacións interminábeis coinciden con zonas de selva tropical que até o de agora mantiñan un difícil equilibrio económico e ecolóxico coas poboacións locais. O desastre ambiental é tal que a sonada deforestación da Amazônia semella unha broma fronte a magnitude dos trocos que produce o cultivo a grande escala das palmas. As míticas e milenarias selvas de Borneo poden considerarse xa historia, como o resto de zonas de Indonesia e Malaisia. En 25 anos desapareceu unha extensión que multiplica por 100 a superficie de Galiza de bosque tropical. Ao ritmo actual antes de 2022 o 98% das selvas indonesias estarán destruídas, principalmente a causa das plantacións para o aceite de palma. Alén diso, o cultivo enténdese como miles de hectáreas continuas de palmeiras, explotadas  de xeito industrial, e cuxo proceso segue o de tallar a selva (da que se aproveita nun primeiro momento a madeira), queimar os restos (o que ten provocado lumes xigantescos e continuos que emiten máis CO2 ca case calquera país industrializado) e proceder ás plantacións, nas que as pistas e estradas, as drenaxes e o uso de pesticidas e fertilizantes non deixan moita marxe á vida, no que é un novo deserto verde.

Non é menor o impacto económico e social que as plantacións industriais teñen para os pobos dos países produtores. En moitas ocasións provócase o desprazamento de poboacións indíxenas, que non teñen máis título de propiedade das terras ca a súa posesión inmemorial. Tampouco son infrecuentes as plantacións ilegais ou aquelas que contan coa permisividade ou mesmo o fomento duns gobernos ávidos dun desenvolvemento inmediato. A venda de terras ás multinacionais por parte dunhas comunidades ás que se forza a actuar individualmente logo de romper os seus vencellos comunitarios combínase coa promoción para que o campesiñado local transforme os seus cultivos tradicionais en plantacións de palma. Isto indúceos a endebedarse coas empresas que lle proporcionan as sementes e resto de insumos necesarios, xa que doutro xeito non poderían asumir os custos dos novos cultivos aceiteiros. A devolución da débeda faise moi dificultosa dado o longo período de retorno do investimento inicial, xa que as palmeiras tardarán varios anos en producir, o que coloca estes campesiños e campesiñas na órbita da dependencia das multinacionais. Non hai que esquecer que as plantacións fanse a costa do abandono da produción de alimentos que antes viñan realizando. Os labregos convértense traballadores que non cobran máis de 3 € ao día, e non é estraño o fenómeno da autoexplotación, o traballo infantil ou a ausencia de calquera tipo de dereitos laborais que abeira a escravitude. Esta perda de soberanía alimentaria non é só a nivel persoal de cada un dos e das integrantes do campesiñado, senón que –dada a súa escala- compromete todo o país. Ademais a existencia destes monocultivos provoca a total dependencia de millóns de persoas á variábel situación do mercado de aceite de palma, xa que se abandonan outras producións alternativas e se aposta todo nunha única industria, cuxas circunstancias non son controlábeis a nivel local. A dependencia de factores esóxenos, sexan físicos como os climáticos ou derivados de posíbeis pragas, ou económicos como a variación dos hábitos de consumo occidental ou os prezos, que se marcan a moitos miles de quilómetros e tendo en conta outros factores que non son os do interese da poboación local, coloca os países produtores nunha nova situación colonial.

Malia que esta realidade escandalosa fica fóra do coñecemento xeral das nosas sociedades, atopámonos ante un problema dunha dimensión tan grande e grave que resulta incontrovertíbel decatarse del, e xa houbo reaccións e protestos que preocupan ás multinacionais pola súa perda de imaxe e quizais de beneficios. Así desenvolvéronse diversos selos en que se lle quere trasladar ao consumidor occidental que os produtos á venda conteñen aceite de palma de producións sustentábeis. Tratándose dunhas plantacións coas características vistas e dunha dimensión xigantesca resulta imposíbel que en conxunto o cultivo de palmas aceiteiras sexan sustentábeis. Quizais o máis preocupante non é a creación dunha concreta plantación cos seus custos sociais e ambientais derivados, senón a escala descomunal destas, de xeito que non destrúen o medio concreto onde asentan, senón que teñen consecuencias a un nivel máis amplo, mesmo mundial.

Sensacións de indignación e necesidade de axir semellantes pódense ter en relación ao fomento da eucaliptización que coetaneamente abafa Galiza.

[06-07-2017 11:27] Lois comentou:

Interesante tamén por descoñecido este tema. Grazas, Xoán. Ben analizado, ademáis.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal