00:39 Luns, 24 de Xullo de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-06-2017

Tendo en conta que leva o nome dun dos galegos máis egrexios da historia, hai cousas que non encaixan con este galardón

Arrastar o nome de Castelao pola lama

Valorar (61)

ROBERT NEAL BAXTER



Xunto coa Medalla de Galicia, a Medalla Castelao é unha das condecoracións civís que outorga a Xunta da Galiza en recoñecemento à obra artística, literaria, intelectual ou de calquer outro tipo dunha personalidade galega distinguida. Ou, segundo reza o Decreto 170/1984, do 27 de xuño: “[...] a perfección, o simbolismo ou a transcendencia das obras é reflexo dun traballo conscientemente realizado con entrega e con fe na cultura, na historia e no ser dun pobo”. Talvez sexa malpensado, mais, à luz da historia case exclusivamente en mans do Partido Popular desta Medalla que veremos a continuación, chéirame a que a indefinición de a que ‘pobo’ se refere exactamente sexa fruto dunha ambigüidade intencionada máis do que deixar sobreentender que se trate necesariamente do pobo galego.

Tendo en conta que leva o nome dun dos galegos máis egrexios da historia, hai cousas que non encaixan con este galardón. Sen ir máis lonxe, a propria lenda Deus fratresque Gallaeciae (‘Deus, Irmáns e Galiza’) que leva gravada non parece encaixar especialmente ben co ideario de Castelao, cuxas máis ben escasas referencias a deus tenden a ser negativas: “Téñoche un [rapaz] tan listo que ten quince anos e xa non cree en Deus”; “¡Un padrenuestriño para que Deus nos liberte da xusticia!”; “E este é o mundo que fixo Deus?”; ou mesmo “Este é o Deus dos Feixistas”. Da segunda parte do lema falaremos máis adiante.

Para cúmulo, a Medalla non foi criada o día do aniversario do nascimento do Compañeiro Daniel, nen o día da publicación do seu magnum opus, Sempre en Galiza, senón o 28 de xuño de 1984 con motivo do vergoñento traslado dos seus restos a unha Galiza aínda asoballada. O mesmo día en que o nacionalismo organizado protestou perante o Panteón dos Galegos Ilustres, aínda hoxe propriedade da igrexa e de acceso restrinxido: “Prometémosche a terra dunha Galicia ceibe. Pra enterra-los teus ósos onde teñen que estar”... e non en Bonaval!

Nun odioso afán de ridiculización e abaratamento do País e a súa cultura, aos nomes de bos e xenerosos como Avelino Pousa Antelo, Ricardo Carvalho Calero, Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas ou Xohana Torres, vinculados merecidamente ao nome de Castelao, asócianse outros cuxa contribución à lingua e cultura da Galiza non é nen de lonxe tan notoria nen meritoria, tais como Luz Casal, varios xogadores e treinadores de futebol e, este ano, Xosé Ramón Gayoso (outro Gayoso, antigo directivo de Novacaixagalicia, xa fora galardoado antes de ingresar en prisión este mesmo ano). Seguramente hai moit@s galeg@s que gozaron grazas a el@s –como eu gozo moito tamén dos filmes de Torrente– mais coido que dar pontapés nunha bola ou pasear folclóricas polos platós do Luar non chega á altura do compromiso para coa Galiza que exixe levar o nome de Castelao.

Voltando xa á cuestión do lema, veremos agora que a escolla de ‘irmáns’ si está máis que atinada, posto que, ao repasar rapidamente a lista das 222 persoas que foron galardoadas ao longo dos 34 anos nos que se leva entregando o premio, se pode comprobar que só 44 foron mulleres, ou sexa, a mesma porcentaxe que mulleres membros da RAG. Chámase o teito de vidro. De todos os xeitos, sempre podería ser pior, pois o número de mulleres a quen se outorgou a Medalla de Ouro de Galicia é concretamente... unha! Desde logo, non foi Rosalía de Castro quen postumamente tivo que deixar un oco para a galeguísima Loyola de Palacio (que seica pensaba que existía un sitio chamado ‘Arosa’...), que seguramente a lucía ao lado da súa Gran Cruz de la Orden de Isabel la Católica. Será que na Galiza non existen mulleres cientistas, escritoras, investigadoras, deportistas…? Ou será que teñen que deixar paso a galegos máis soados como Xoán Paulo II e institucións tan insignes como o Deportivo de la (sic.) Coruña ou a Asociación de Vítimas do Terrorismo?

Cada un/ha terá a súa lista de persoeiros que merecen ser distinguidos coa medalla que leva o nome de Castelao pola súa entrega á Patria, mais, para non romper cunha tradición que ten xa máis de tres décadas de antigüidade, eu propoño as seguintes persoas: Mucha e Nucha (polo seu humor sutil que rompe cos estereótipos da muller rural galega), Gloria Lago (grande admiradora de Castelao), Marta Rivera de la Cruz (amante do galego e experta en Rosalía de Castro), Azúcar Moreno (de recente aparición en Bamboleo...), Ana Rodríguez Masafret (polo seu labor no campo da normalización lingüística), Chus Pimentel (por facer avanzar a música galega),  Iván Fandiño (‘toureiro galego’, ‘loitador e tenaz’ segundo a TVG) e, como non pode ser menos, Isabel Pantoja (copleira literalmente sen prezo...) ou mesmo, xa postos, o proprio Caudillo, por ser de Ferrol...

E, para que todo fique claro, propoño tamén que se mude o nome destas dúas condecoracións para plasmar mellor o seu verdadeiro propósito, e que pasen así a denominarse Medalla Castelá e Medalla de Ouro de Malicia, respectivamente.



[09-07-2017 11:38] Francisco López comentou:

Ben tirado Nel,... pero que agardar do poder colonial?.
Mentras quen ama a Galiza siga a chorar e non facer, seguiremos tan só a "indignarnos".

[28-06-2017 21:30] heriberto comentou:


Por certo fixo mais o Depor por Galicia que todas as mareas e bloqueiros.

[28-06-2017 21:29] heriberto comentou:


Por certo fixo mais o Depor por Galicia que todas as mareas e bloqueiros.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal