00:32 Luns, 24 de Xullo de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-06-2017

Contar e asumir a verdadeira historia de Galiza, simplemente ter en conta a súa existencia, á luz dos documentos, dos dados empíricos, dos feitos, das evidencias de todo tipo e da visión que sobre ela había no exterior

O deseño historiográfico colonial: apropiación e aniquilación

Valorar (54)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Cando oio falar de non se sabe que manipulacións e falsificacións históricas deben soportar os escolares cataláns no sistema educativo do seu país por obra e graza dos seus gobernos autonómicos de cariz nacionalista, un sorriso de dor, rabia, pena e ironía impotente acode aos meus beizos, deformando algo máis aínda o meu rostro de galego consciente. Dicir isto con impune e sobrada soberbia en España é todo un ditirambo que expresa a incapacidade conxénita para aceitar que hai pobos diferentes, con linguas diferentes e historias non concordantes, por mais que pertenzan ao mesmo Estado. E xustamente por iso, nada se entende nin se admite se non se recoñece o proceso, non beatífico, que conduciu a actual unidade opresiva. Claro que o ditirambo anticatalán, de orixe española, repenicado aquí, como eco deforme, por bocas galegas, resulta unha burla cruel e unha falta de sentido da realidade propia que raia no servilismo esperpéntico até o punto da propia negación.

Se nalgún sistema educativo autonómico, máis uniforme do que se cree, a manipulación, a falsificación e a fraude histórica acada niveis de inversión da realidade dos feitos, até o estremo da súa desaparición, apropiación indebida e disposición á ocultación, contando co aval e a colaboración entusiasta de todos os aparatos culturais e científicos do que deu en chamarse España, este é o que os escolares e estudantes galegos, de todos os niveis, padecen na Galiza. E non é un problema dos últimos trinta anos, senón unha pesada carga, agora xa secular, que lastra a conciencia dos galegos e galegas sobre o propio país, dunha forma determinante: Galiza, o país que nunca existiu. Non temos historia, non temos pasado, a non ser como parte ou apéndice de Asturias, León, Castela ou España, segundo o momento histórico. Para que falar de nós: o mellor é non ternos en conta; habituarnos a crer que sempre fomos unha provincia de España, ela si existente desde sempre tamén, polo menos en espírito. Contra todas as evidencias documentais, patrimoniais, culturais, literarias, empíricas, factuais….Galiza missing. No noso caso, o consubstancial a España é facer que non existamos, furtándonos todo o que fomos, o noso pasado, a nosa traxectoria como pobo, que tamén tivo clases dirixentes de seu, con momentos de esplendor e hexemonía na Península Ibérica, pasando por un proceso moi conflitivo antes de ser domada e obrigada a renderse, aceitando o dominio exterior. Estamos perante o caso máis estremo de apropiación indebida da nosa historia por outros e de substitución e/ou eliminación  da nosa nacionalidade por alleos. O obxectivo foi deseñar unha visión do pasado que viñese, non a esclarecer por que é como é o presente, senón a reforzalo nos seus aspectos opresivos, alienantes e míticos, facendo do Estado español unha nación única, cunha lingua hexemónica, con dereitos absorbentes e asimilistas,  e cunha conciencia de Galiza subordinada, como unha categoría inferior do xentilicio español.

Adoito dicir que narrar a verdadeira historia de Catalunya é compatíbel coa narración histórica oficial sobre España, por máis que resulte, en momentos, conflitiva  esa relación. Contar e asumir a verdadeira historia de Galiza, simplemente ter en conta a súa existencia, á luz dos documentos, dos dados empíricos, dos feitos, das evidencias de todo tipo e  da visión que sobre ela había no exterior tamén, obrigaría a reconsiderar toda a historia de España desde a base, de forma que os galegos e galegas, en primeiro lugar, comprenderían a falsificación monstruosa, a ignorancia supina, a manipulación groseira e intencionada, a que fomos sometidos para agochar o noso papel e relevancia durante moitos séculos, sendo substituídos, con roubo e ocultación intencionada, por outros até estremos do delirio. O reino de Galiza nunca existiu, e  de existir, non tiña entidade política, tal é o axioma fundador desta historiografía oficial e hexemónica. Non sei como se pode cualificar a actitude de quen nega a existencia dun pobo por tantos conceptos diferente e existente  por máis que tombos, foros, documentos de todo tipo, feitos empíricos, patrimonio resistente, arte, literatura e tradición, alén de historiografía alternativa e ben fundamentada, o evidencien. Non estamos perante un caso descarado de política colonizadora que intenta mesmo convencer ao colonizado de non ter existido nunca por si, como tal pobo galego, que sempre foi un apéndice do outro, que é a España mítica cuxo espírito podemos rastrexar sempre na historia? Como podería ser Galiza orixe, centro, valor e hexemonía de nada, cando, como se sabe, debe ser periferia  sen perfil nin vontade de seu? Non rozan o racismo cultural, étnico, caendo na eliminación física  do pobo galego como suxeito de seu durante séculos? Que pasa?. Que contar a historia medieval como realmente foi desvenda unha realidade que bota por terra crenzas míticas e sitúa a orixe do primeiro reino cristiá na Península na Galiza, e coloca este reino e as súas creacións, iniciativas e proxeccións, como a entidade política máis relevante fronte ao mundo musulmán, durante varios séculos?

Hai doce anos publicouse un libro sobre Galiza e os galegos nas fontes árabes medievais, da autoría de Ana María Carballeira Debasa (Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales, CSIC, Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento, CEG, anexo XXXVI, Madrid, 2007). Case cincuenta autores árabes entre 711 e o século XV son nel obxecto de análise. Máis unha vez, como xa se comprobara coas fontes francas, anglosaxonas ou vaticanas onde temos noticias, información coetánea sobre Galiza e os galegos na Idade Media, Galiza aparece como unha realidade xeográfica, social, económica, cultural e política, abranguendo maior ou menor extensión segundo o momento, sendo sempre o espazo central e nuclear a Galiza de Ortegal ao Douro, moi definida, contundente e tan importante como para os musulmáns identificar a parte cristiá da península prioritariamente con esa denominación (Yilliqyia, Galisiya). Para eles que a tiñan como principal e máis potente adversario, co que se confrontaban e negociaban, era un reino e os seus reis eran inequivocamente galegos, sen dúbida algunha entre o século VIII e o XIII, e aínda no XIII Fernando III e Afonso X (IX para nós) eran así considerados. A nosa potencia económica e cultural non pasaba desapercibida aos cronistas árabes. Así, en relación con Compostela,  al-Idrisi sinala a magnificencia do templo compostelán no século XII, subliñando que non hai igrexa maior que ela á parte da de Xerusalén, aclara. A amplitude de espazo vai acompañada de abundancia de diñeiro e esmola, un tesouro con moita riqueza e intensa actividade mercantil. Menciona que está nunha rica comarca, con grandes e populosas vilas perto. Carballeira Debasa, arabista, recoñece que  las fuentes árabes suelen referirse a los soberanos astur-leoneses a y a los castellanos como reyes gallegos” o “reyes de Yilliqiya” (p. 123). Porén, ela empéñase en todo o libro en aplicar xustamente o deseño interpretativo da historia que levou á apropiación indebida ou á eliminación da historia de Galiza na Idade media, dándoa por boa, sen que, a luz do que le, asome nunca a intención de reformular a visión do pasado histórico da Península neste aspecto, ou cando menos a expresar a súa estrañeza por contraste e  contradición tan evidente: considerar como reis  astur-leoneses ou casteláns os que as fontes árabes dan por galegos…O sentimento de eliminación está tan interiorizado que denomina rei astur a quen considera fundador dinástico, contra a información árabe. Porén, do que toma como sublevación en Ylliquiya, deriva a expulsión de toda Galiza dos musulmáns, primeiro fóra dos montes galegos e logo da transerra cara a Coria e Mérida. Como pequena concesión falando deste cuadrante noroeste peninsular, alude, de pasada, ao núcleo astur-galaico, mantendo que os reis son astures e o reino astur. A verdade é que resulta incríbel a forma tan anticientífica que se ten de encarar unha manipulación e ocultación tan vasta, pois o maior asentamento no territorio, a poboación, a cultura, as clases dirixentes eran galegas, non estaban nas montañas de Asturias, que era máis ben unha rexión de Ylliquiya. A alienación perante as evidencias, a submisión ás invencións da historia académica oficial, roza o ridículo. Así falando dunha derrota dos exércitos islámicos polas tropas de Afonso II en 821, di: “Se trata de las derrotas que las tropas del reino astur infligieron a sendos ejércitos islámicos en un ataque simultáneo en dos frentes: uno dirigido contra el Occidente galaico, en Anceo (Ponte-Caldelas, Pontevedra) y otro encaminado contra el Oriente gallego  en Narón (Portomarín, Lugo)”(p. 134). Segundo Carballeira Debasa, a partir de este momento e até a época de Almanzor, o que ela mesma denomina Galiza nuclear quedará fóra da ameaza musulmá. Aparece entón o perfil, o estereotipo que cumpre aplicar, desde o deseño da ocultación, a eliminación e apropiación indebida, caso dalgunha referencia galaica: é o rei asturiano o que ofrece aos habitantes da Galiza un exército de efectividade probada, “un ejército asturiano”(!!!!!). Naturalmente, a nobreza galega tiña así a oportunidade de participación activa nas incursións de saqueo no centro e sur da península, conclúe a autora, conforme  cun estereotipo de rancio avoengo (xa se sabe, a nobreza galega foi sempre tiránica, oportunista e aproveitada). Galiza e os galegos viven a conta do amparo e a protección exterior. Nunca se viu que a entidade política estiver onde non estaba nin a poboación, nin o poder económico, nin o eclesiástico, nin as clases dirixentes, nin a actividade cultural nin a traxectoria histórica, isto é, Asturias, e non Galiza…. As fontes musulmás eran fieis á verdade, aos feitos, pois detectaban o que había: para eles sen dúbida o reino de Yilliqiya ou Galisiya, e os reis galegos, aos que moitas veces alcuñaban de tiranos.

O enredo leva a que, ao longo do libro, non se teña o mesmo criterio ou opinión respecto da importancia das vilas ou cidades de Yilliqiya que aparecen citadas. Deixando á parte problemas de tradución –a palabra capital resulta moi ambivalente e equívoca: de principio, cumpriría aclarar que non é moi apropiado darlle un valor político absoluto-, ao  final do libro Debasa intenta cadrar  o desaxuste, atribuíndollo á vasta extensión territorial que designa Yilliqiya: “De este modo, Oviedo, León e Zamora aparecen como ciudades principales de Yilliqiya; Santiago y Lugo figuran como capitales de Yilliqiya en general y de Galisiya en particular; finalmente, Coimbra y Astorga constan como ciudades principales de Galisiya” (p. 191)…É o único lugar onde recoñece o papel de capitais, no seu sentido xerárquico superior, de Santiago e Lugo.

En fin, o choque, a confrontación das fontes árabes co deseño da historiografía española en relación con Galiza na Idade media é total, en esencia. Asusta comprobar con que inxenuidade e docilidade  pode constatarse esta contradición sen aparecer o menor asomo de dúbida, interrogación ou desacougo nos historiadores que maman e se educan no seo da historiografía española académica e adoptan submisamente os seus deseños, como é o caso que nos ocupa. Vaia todo isto recoñecendo o valioso traballo que, polo demais, fixo Carballeira Debasa, tan útil para os que non comulgamos con rodas de muíño. Por certo, algo conscientes deben ser algúns da operación de eliminación e apropiación indebida que se perpetrou, con aleivosía e impunidade, contra Galiza, en materia histórica. Nada menos que Pardo de Guevara, director da sucursal galega do CSIC, Instituto de Estudios Galegos, prologuista do libro comentado, alude, en máis dunha ocasión, na súa presentación, ao “viejo reino de Galicia”. Será polo impacto que lle produciron as evidencias que, malia todo, o texto de Carballeira Debasa mostra? Será unha simple manifestación da esquizofrenia consistente na posesión de dúas varas de medir e actuar, deixando sempre claro cal é a realidade e a entidade prescindíbel, ou adaptábel de forma subordinada? Será un suspiro de intención puramente sentimental e romántico? Será un propósito de emenda? Isto último non, sen dúbida algunha. Pasaron máis de dez anos desde a publicación deste libro: nin a menor intención de que se recoñeza e asuma que Galiza foi o reino cristiá orixinario e que os reis até o século XIII eran galegos.


[26-06-2017 22:20] Xusto comentou:

O aniversario da fugaz República Galega é mañá, tamén compre espallalo entre as masas.

[26-06-2017 21:14] alexandre banhos comentou:

http://pgl.gal/origem-do-nome-hespanha-historicidade-do-termo-i/
http://pgl.gal/origem-do-termo-hespanha-historicidade-do-termo-ii/
http://pgl.gal/origem-do-termo-hespanha-historicidade-do-termo-iii/

[26-06-2017 16:12] Sánti B. comentou:

Para quando lhe vai dar o nacionalismo galego a importância a termos umha historiografia de nosso com a sua cumprida transmisom nos diferentes níveis do ensino? Ou é que só toca lair-se de que no sistema de ensino público "espanhol" nom nos deixam fazer nada? Vamos fazer 40 anos de autonomia, com milhares de mestras e mestres nacionalistas nas escolas e liceus do País. Se avaliamos a pegada de lingua e história galegas nas recentes geraçons nom teremos que mudar, ou quando menos melhorar algo? Afonso X é em relidade Afonso IX, mas justo foi hoje que tocu ouvir, mais umha vez o de Afonso X o sabio no Diario Cultural da Rádio Galego. Parabéns polo artigo.

[24-06-2017 22:36] Papo Rubio comentou:

E os medievalistas da universidade Compostelan, que din ?
Estarán papando na maseira... !

F. Rodriguez, bendito sexas !

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal