03:33 Martes, 21 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-06-2017

Volver unha e outra vez a Marcial Valladares é como se fose unha mirada ás orixes e unha volta ao comezo

Revisitar Marcial Valladares para rexurdir outra volta

Valorar (9)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO


Recentemente tivemos coñecemento dunha biografía de Marcial Valladares. Esta obra fora editada pola Deputación de Pontevedra no 2005 mais, como acontece con moitas outras publicacións realizadas por institucións, pasou desapercibida e non foi debidamente difundida.

Veño dunha xeración que quixo saber del, que non se satisfacía coas escasas noticias que nos chegaban do autor da primeira novela en Galego, e que sempre consideramos que sería necesario un traballo destas características para comprender mellor unha época fundacional que marcaría as liñas básicas do que hoxe somos.

Marcial morreu co século XIX xunto coa súa irmá Avelina. Ao pouco o seu sobriño Laurentino Espinosa Valladares e, sobre todo, o xenro deste, Antón Losada Diéguez, deron pulo ao movemento agrarista nestas terras e, finalmente, no ano 18, este último protagonizaría unha candidatura das Irmandades da Fala ás Cortes do Estado co que se poñía sobre a mesa o nacionalismo como alternativa política e electoral.

Neste ambiente, da mesma parroquia de Berres que eran os Valladares, atopamos a escasos metros da súa casa a figura insubornábel do insubmiso patriota Manuel García Barros que na República capitaneará a loita polo Estatuto na comarca e quen sempre terá lembranzas cara os seus veciños.

No ano 70, da man de Bouza Brei e do alcalde estradense daquela Mario Blanco, conmemórase na Estrada as letras galegas dedicadas a este autor, ponse unha rúa aos dous irmáns escritores e inaugúrase un monólito a el dedicado. Aquí estivo Otero Pedrayo do cal se conservan imaxes da súa intervención na alameda do pobo e da súa estadía no Pazo de Vilancosta. A presenza da bandeira galega e do himno galego neste acto non foi aturado polo réxime.

No 87 a Asociación Cultural “A Estrada” organizou unhas xornadas de literatura galega de autor estradense na que se estudou a este escritor xunto con Cabada Vázquez e Manuel García Barros. Contamos coa presenza de Carvalho Calero e Aurora Marco para saber máis de Marcial.

Ao pouco constituirase no concello da Estrada a activa Sociedade Cultural «Marcial Valadares» que mobilizou outra xeración de mocidade ao redor do reintegracionaismo, agrupación da que procede Isabel Rei Sanmartim que participa na edición da obra “Ayes de mi país : o cancioneiro de Marcial Valladares”.

Publicacións locais sempre tiveron referencias aos Valladares e na rúa da Cultura ambos os dous teñen esculturas que dan conta dun tempo no que o Concello foi sensíbel a iniciativas culturais de base nas que persoas como David Otero ou Olimpio Arca tanta importancia tiveron.

Sería Xosé Luna coa súa obra sobre Avelina editada polo esforzo do asociacionismo cultural e o “Cantigueiro Popular” publicado pola Fundación Cultural do Concello quen daría un pulo fundamental ao estudo destes autores.

Os traballos do profesor Xosé A. Fernández Salgado, e concretamente este libro “Marcial Valladares, Biografía dun precursor no Rexurdimento galego”, do que tan tardiamente tivemos constancia, serviunos finalmente para facernos unha idea ampla e detallada do que significou este momento histórico e do papel que desenvolveron aqueles que nel participaron. Mais tamén debo recoñecer que resolve dúbidas mais xera outras novas, achega información ao mesmo tempo que nos desperta a curiosidade por saber máis e, en definitiva, canto máis nos dan, máis queremos.

Volver unha e outra vez a Marcial Valladares é como se fose unha mirada ás orixes e unha volta ao comezo. En cada etapa histórica, os que por veciñanza tiveron coñecemento da súa existencia, regresan sobre el para entenderse a si mesmos e, sobre todo, para saber de onde vimos para tratar de deseñar cara onde queremos ir.

Cando non había gramática nin dicionarios houbo quen se puxo a facelos; cando a literatura era oral, houbo quen a recolleu por escrito; cando o alcumado “dialecto” galego era cousa de analfabetos e serventes, houbo quen desde a súa posición letrada e fidalga lle dou uso e aprecio. E si, foi posíbel o rexurdimento, unha e outra vez un país derrotado foi quen de levantar cabeza. En presentes difíciles as diferentes xeracións neste Concello buscaron no regreso a Marcial Valladares a complicidade cun outro futuro posíbel.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal