00:40 Luns, 24 de Xullo de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-06-2017

Serán os mansos bois, os motivadores de tais topónimos?

De SACAR DE BOIS a CATABOIS, pasando por BOISACA

Valorar (9)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Serán os mansos bois, os motivadores de tais topónimos?

De SACAR DE BOIS a CATABOIS, pasando por BOISACA:

SACAR DE BOIS é unha parroquia nas beiras do Sil cuxo nome, desde antigo, ten dado muito que falar.

Aproveitaremos aquí o traballo que, encol do nome diste lugar, publicou en LA REGIÓN de Ourense,un señor natural da parroquia, chamado Eduardo Prieto.

O traballo escoa amor pola Terra nativa e realiza un esforzo de recolleita de material polas bibliotecas madrileñas, digno do maior respeito.

O nome de SACAR DE BOIS, xa lle chamou a atención ao gran P. Sarmiento, quen ideou a seguinte evolución para explicar a orixe do nome.

Entende que todo procede do nome que atopa nos documentos da zona referíndose á SACRATA RIBOYRA, ou Ribeiras do Sil, inzada de oratorios, mosteiros e demais locais de culto cristián.

RIBOIRA SACRATA > SACRATA RIBOIRA > SACRA RIBOIRA > SACAR DEBOIRA > SACAR de BOIRA > SACAR de BOI > SACAR DE BOIS.

Aínda que a secuencia evolutiva resúltanos bastante forzada, él xa ten ben claro, que o animal “boi” nada debe ter a ver coa orixe do topónimo , pois “ viendo el terreno muy precipitado al rio Sil, y plantado de viñas, eran escusados allí los bueyes, así para carros como para labranza”.

O traballo do señor Prieto non se conforma coa opinión de Sarmiento e aánda engade as teses de J. Caridad Arias, que tamén opina que “O topónimo Sacar de Bois nada ten a ver con “sacar bueyes”, e relaciónao con BOISACA ,apontando as posibilidades de ser un antropónimo ibérico; SACCARIUS, SAGAR ou SACAR, mixturado con “BOIS”, que procedería do céltico , “BOUDIO”= VICTORIOSO.

Finalmente investiga o dicionario etimolóxico de Julián Aydillo que, seica entende o nome que nos ocupa como, derivado do euskera antigo, e relaciónao coas mazás (SAGAR).

Sacar de bois: “Sobre los molinos del manzanal.Frutas, molinos harineros. Del eúscara antiguo, SAGAR-BOL-IZ.”

Algún outro toponimista entende estes BOIS da nosa toponimia como elementos pétreos da nosa orografía e destaca os nomes que designados por BOIS aparecen en pequenos illotes e pontas do noso litoral.

Como a nós,non nos acaba de convencer de todo ningunha das teses expostas imos tratar de elaborar unha teoría que explique de vez non só o topónimo ourensán, senón tamén o ferrolán de CATABOIS e o compostelán de BOISACA; velaí:

Entendemos que a palabra BOIS, nada ten a ver cos laboriosos ruminantes , e ten tudo o seu significado idéntico ao que hoxe chamamos unha BOUZA.

Para entendelo, temos que reparar en cal é a orixe etimolóxica da palabra BOUZA.

Ainda que nun traballo anterior, meio aceitamos, a opinión do portugués Gonçalves Viana, que retraía o nome de BOUZA a un latino BALTEUS, co significado de ,“ o que rodea ou cinxe”; hoxe preferimos explicar BOUZA desde unha antiga VOLUTIA, entendida como unha empalizada, góvia ou calquer xeito de separación dun terreno; o que tamén se chamou,en tempos, unha DEVESA, aludindo a ser unha terra DEFESA, ou sexa, protexida por un valado.

Vennos a lembranza daquelas ruinas dunha antiga cidade romana que visitamos nas nosas andainas por Marrocos; chamábase VOLUVILIS , que hoxe entendemos como “ a envolta, protexida ou murada ”.

Os “BOIS” do noso topónimo serían os “VOLVIS” ou “VOLUIS”, ou sexa pedazos de monte demarcados ou “defesos” para a utilidade do uso familiar.

VOLVIS > VOLUIS > VOUIS > VOIS > BOIS

Un SACAL DE BOIS sería un monte dividido en BOUZAS ou VOIS.

SACAR , ten o mesmo significado que separar, quitar, apoderarse, extraer,…

Aínda hoxe falamos de TOMADAS, ou sexa apropiacións feitas por particulares, do monte comunal.

O lugar de CATABOIS utiliza un nome semellante para a mesma función de delimitar un anaco de monte; aquí úsase o verbo CAPTARE.

CAPTA VOLUIS > CATA VOIS > CATABOIS

BOISACA debeu ser un antigo monte comunal usado para facer BOUZAS ou BOIS que logo se aproveitou para construir o moderno cemitério da cidade.

TERRA VOLUISÁTICA > VOUISAT´CA > BOISATCA > BOISACA

Ou sexa,terra adicada a bouza, touza ou louza.

UnG antigo “monte BOUÇACO” debeu ser a orixe do nome do paradisíaco lugar lusitano de BUÇACO, e dos BUZACOS galegos que tamén temos.

Ainda, de esguello, poderíamos dar unha explicación mais acaída para o MONTE DO BOI de Baiona e o MONBUEY zamorano.

Pensar que o seu nome se deba a un hipotético boi que alí pacese ou se encurralase semella un pouco disparatado.

Ese suposto boi non morría nunca?

Habería , en tempos, un curro para encurralar bois?

Xa pensástedes o que ocurriría se xuntásemos varios bois nun mesmo curral?

As loitas non pararían; asistide a ese espectáculo nas “achegas de bois ” de MONTALEGRE, ben perto de Xinzo e Baltar.

A vista destas loitas retrotraenos as mais antigas costumes do noso mundo rural.

Istas “achegas de bois” acontecen os domingos do mes de xullo

i-é o que os ingleses chaman un “must”, algo que non podedes perder!

Así é que os nomes de BOIAL en Ferrol e BOIEIRA en Valdoviño, debemos entendelos mais ben como repartos do monte para “bouza” ou curros e palizadas para recoller o gando.

Desbotados os bois como elemento toponimificador, será ben mais natural pensar que se trataba de un monte adicado a apañar mato e leña, ou sexa, usado como unha bouza; desde ise VOLUI, ou VOUI, saíu o famoso BOI, que castelanizado deu en BUEY.

Se aceitamos a etimoloxía que aquí presentamos, procedendo dun latino VOLUTIA, abriríamos campo para o esclarecemento de outros topónimos, que desde o BALTEUS proposto por Viana, serían de mais difícil explicación, mais iso xa será o tema doutro artigo!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal