22:53 Martes, 27 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-06-2017

Que mocidade se está criando? Que ficción? Que categorías de mérito e de realismo? Habemos de ser, fatalmente, fotocopias pobres do Amo Universal?

Americanización galopante

Valorar (25)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



A intervención norteamericana directa na chamada Transición española conta con bibliografía bastante. Como os galegos somos moi proclives a acreditar nos feitos cando “autoridades” exteriores nolos amosan e documentan, cumprirei coa tradición. Abonda con lembrarmos a leitura de La CIA y la guerra fría cultural (2001), de Frances Stonor Saunders; La sombra de Franco en la Transición (2004), de Alfredo Grimaldos; La guerra fría cultural y el exilio republicano español (2012), de Olga Glondys ou El cura y los mandarines (2014), de Gregorio Morán. Na terceira das obras citadas, por certo, aparecen os nomes de dous galegos vinculados ao Comité Español do “Congreso por la Libertad de la Cultura” (promovido directamente pola CIA, como é sabido) ao lado de numerosos intelectuais (do exilio e do interior) españois, bascos e cataláns: Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro.

Mais nen teño autoridade nen vontade de escreber sobre un proceso histórico tan submetido, aínda nos nosos días, a glorificación e falseamento. Outros o fixeron e outros deberan facelo (quero supoñer que os que falaren do 40 aniversario das primeiras eleicións xerais do actual rexime, no 15 de Xuño de 1977, teñan a ben lembraren que o nacionalismo galego do BN-PG ficou na altura sen legalizar, véndose obrigado a comparecer como agrupación de eleitores: viva a democracia nacente!).

Voume referir só a algo en aparencia menos relevante e que, porén, me semella ben sintomático. Nestas datas, a nada que folleemos a prensa diaria, non damos feito a ver, un día con outro, fotografías e crónicas de despedidas de graduación, fin de curso, concesión de diplomas e outros galardóns... Estas cerimonias non se limitan ao ensino universitario: existen no bacharelato, na ESO, no ensino primario... e até no ensino infantil! Vestidos de festa (tipo vodas ou Noitevella), gravatas e traxes, zapatos de alto tacón, maquillaxes de concurso... Talmente parece un desfile da revista Hola ou similar... Se a min e aos meus pares nos dixesen, hai 40 anos ou máis, que, nestes anos do século XXI, nos cabería coñecer semellante parafernalia imitativa dos USA, botaríamonos a rir sen remisión. Non acreditaríamos en tal mimetismo, en tal aspiración de fotocopia do imperio. Equivocaríamonos rotundamente, ao que se ve.

Só vou mencionar frases, tópicos, mantras... que me coubo ler ou escoitar nestas datas. Xulguen  -con algúns exemplos que vou debullar-  se non estamos a contemplar unha sorte de ventriloquía: estudantes e mesmo profesores a falaren como as series das televisións, contundentemente colonizadas desde a factoría norteamericana: “Nuestros miedos”; “Nos levantamos y seguimos luchando”; “Tú eliges tu vida”; “ Sigue tu camino”; “El mundo estará ya en vuestras manos”; “Márcate una meta que te realice”; “Todos viajamos en la misma patera”... Espontaneidade, ula? O que gostou ou non da carreira? As dificultades laborais que existen para tantas e tantos graduados universitarios? A “programación” deles para a emigración? A imposición do inglés non como auxiliar conveniente senón como desprazador directo do galego? Só faltan, neste ronsel de exemplos, frases do tipo: “Déjame que te ayude”, “Date una segunda oportunidad”, “Quien vale siempre llega, siempre triunfa”... En fin, o repertorio completo...

Supoño que estará vinculado todo isto a algo moi presente no noso tempo: un minuto de gloria, se non televisiva, ao menos pública por un día... Évos cousa digna de ver a transfiguración de rapazas e rapaces que, a diario, van cos pantalóns convenientemente rachados, camisetas e zapatillas de verán, aínda que chova a cachón... A ilusión dun día. Por se acaso, aviso de que non teño a menor vocación de augafestas. Só se me ocorre algunha outra idea. Por exemplo, ¿por  que non pedirán despedírense cun acto ou concerto de alguén, galega-o coma eles, que se dedique á música profisional, ao teatro, ao cinema...? Para arredondar o panorama, a influencia-programación mediática non podía faltar. As-os examinandos das probas de selectividade  -ou como demos se chamen agora-  han de estar nervosos por orde superior; os pais han de ser sindicalistas dos fillos, como tan atinadamente definiu un psicanalista italiano; as boas cualificacións han de ter retribución económico-fotográfica... Que mocidade se está criando? Que ficción? Que categorías de mérito e de realismo? Habemos de ser, fatalmente, fotocopias pobres do Amo Universal?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal