22:46 Martes, 27 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2017

Ou a esquerda que enche as bancadas do Parlamento do Estado actúa como tal ou temos dereita franquista para tempo

Este preocupante tufo a franquismo

Valorar (12)

LOIS DIÉGUEZ



Os sucesos acontecidos en Compostela o 1 de xuño, con manifestacións de protesta polo desaloxo dun edificio ocupado na Algalia e a intervención desproporcionada e agresiva da policía contra os mesmos, suma un dato máis de preocupación pola caída progresiva dos dereitos democráticos. Non vale agora esa guerra de artillería que o PP e os gobernos que controla lanza contra todo aquel que se mova e desfigure, coma sempre, feitos e actitudes, mesturando o dereito á protesta coas actividades do terrorismo ou de organizacións violentas. E non son eu defensor destas prácticas, veñan de quen veñan, mais si de que, en todo caso, se aclare o desenvolvemento das mesmas coa fin de que as responsabilidades de quen as executaron, sexan depuradas.

O mesmo día mesturáronse, no abouro, manifestacións totalmente diferentes e mesmo panfletos que se intentaron pasar polos responsábeis políticos do PP como manuais de ataque contra a policía, unha mentira que por si mesma debería ter efectos xudiciais. A radio e televisión galegas capitanearon todo tipo de ofensivas nas que, sen a necesaria obxectividade o mesmo Feixó botou as súas sentencias nas que a verdade a medias volveu ser utilizada, cousa á que nos ten afeitos desgraciadamente. E detrás del, o portavoz do PP no concello de Santiago tratando tamén de manchar a actitude serea e cauta do alcalde ao lanzar aquel a consigna política contra o desgoberno da cidade. No revolto hai que cazar sempre, seica.

De seguido, os debates da radio galega repetindo as mesmas consignas partidarias por parte das posicións ultraconservadoras tan animadas ultimamente. Os pensamentos diferentes están a decaer . Pode haber algún que en canto se pronuncia axiña o interrompen os dous ou tres da corrente que sempre prevalece. E xa sabemos cal é. Un control tan descarado que ás veces fai crispar a calquera radiouvinte. Desde hai tempo, o cambio na radio pública comeza a ser preocupante tamén. E non falemos xa da TVG verdadeiro medio que a xeito de altofalante exclusivo utiliza o PP con descaro e anulando as alternativas realmente plurais. Así calquera gaña, madia leva. E non me digan que as outras posicións tamén aparecen porque xa vemos a intensidade, o tempo e o momento de como se presentan. Feixó pode ser o presidente da Xunta pero iso non lle dá dereito nen a afogar aos demais nen a estar presente tres ou catro veces no mesmo telexornal.

Imaxino como o estarán pasando os e as xornalistas que traballan neses medios, pois non debe ser doado manter a liberdade profesional ou a negativa fronte ao aproveitamento político descarado de quen mandan.

Se o 1 de xuño foi a batalla política dos e das portavoces do PP, o día seguinte (supoño que por decatarse de que se pasaran da raia, monopolizándoo todo), o día seguinte, digo,  corrixiron a táctica e daquela o seu súpeto silencio deu paso ao protagonismo do sindicato da policía, tratando de convencernos da agresividade dos manifestantes (por que  sempre meten no allo a todos e todas os que se manifestan cando hai só algunhas actuacións totalmente censurábeis) e da lóxica da resposta policial represiva. O moito que tiveron que aturar eles e os seus numerosos feridos. E, curiosamente, de novo o ataque ao alcalde de Compostela ao que lle pedían rectificacións sobre o que tiña declarado (el non fora avisado da intervención policial). O sindicato da policía, xa que logo, exercendo o papel dos responsábeis políticos. Vaites, vaites. Mais así, ante a opinión pública, todo quedaba atado e ben atado.

As draconianas reformas laborais aprobadas polo PP, e a Lei Mordaza son realmente a causa das numerosas protestas e manifestacións que está habendo neste momento por todo o país. A segunda está preparada para castigar a quen proteste polos efectos reais na clase traballadora da primeira, até tal punto que xa vimos xente encarcerada, condenada a anos de prisión ou penalizada por manifestar o seu pensamento nas redes sociais. Chama a atención a pena que se pide por manifestarse en comparación coa que se dita pola corrupción salvaxe do PP. E agora, por se non fose pouco, todas estas manifestacións e descontento estanse castigando con contundencia para tratar de ocultar os casos de corrupción tan brutais que até levan ao mesmo presidente do Goberno a declarar ante o xulgado.

E o que menos entendo nesta etapa histórica  na que a esquerda clama pola unión e fai maioría no Parlamento do Estado fronte á minoría do PP, estas dúas leis que poñen un tufo redivivo a franquismo que asusta, sigan sen derrogar. A que andamos? O clima social actual comeza a arder e o PP a contestar con máis agresividade. Nunca o vin tan activo e disposto a seguir mandando e reprimindo. Coidado, ojito, como dicía o meu amigo Cosme, pois as cousas non están nen para o teatro propagandístico nen para a posta a punto das muletas. Ou a esquerda que enche as bancadas do Parlamento do Estado actúa como tal ou temos dereita franquista para tempo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal