22:47 Martes, 27 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-06-2017

Vivimos tempos de reestruturación e reordenación da cadea imperialista occidental. Na actualidade, a decadencia do Imperio estadounidense que a lidera e tamén afecta a U.Europea

Galiza única

Valorar (16)

FRANCISCO GRAÑA



Dificil é atopar outro pobo que, coma o galego leve soportando unha opresión e amansamento seculares coa finalidade de ser diluído, e aínda continue vivo e con rebeldia a pesar da súa situación de dependencia.

Sabemos que ten constituído no pasado o primeiro Reino do Occidente europeo, con independencia de que este feito histórico sexa sistematicamente terxiversado ou simplemente negado polos historiadores españois. E contando con todo isto, Galiza segue existindo como pobo e como nación.

Os conflitos habidos dentro do pais dos que temos coñecemento, coma as guerras Irmandiñas, non axudaron ao desenvolvemento social e político da Galiza. Ao contrario, por causa da inxerencia allea, con Castela intervindo sucesivamente en favor dos contendentes sociais destas loitas para debilitalos alimentando o conflito, e impedindo a consolidación dun poder independente galego, ate rematar coa destrución de ambos os dous e quedar como único poder vencedor o Reino de Castela. O Reino de Galiza foi reducido a ser un territorio administrado por unha élite castelán, que continuou co Estado español, exercendo a súa doma e castración ate convertelo nunha colonia dependente, incapacitada para volver a erguer calquera novo poder autóctono, coma unha burguesía nacional propia. Galiza quedou sometida ate hoxe, a ditadura do centralismo españolista que esmaga a nosa terra, impedindo calquera desenvolvemento independente.

Os poderes que naceron e se fortaleceron fora e arredor de Galiza, sempre se aproveitaron da súa debilidade, da súa falla de unión e auto-organización para poder dominala e medrar a súa costa. Cando as poderosas forzas alleas ao pais sucumben baixo a roda da Historia, como aconteceu co antigo Imperio Romano de Occidente, Galiza renace e prospera, e xurde o Reino Suevo da Gallaecia, o primeiro Reino  do Occidente europeo.

Na Galiza as loitas populares foron moi masivas e combativas, mais remataron en beneficio dos poderes inxerencistas, afondando na nosa dependencia a pesares de teren máis intensidade e profundidade que as que liberaron outros países, e certamente máis que as do ámbito territorial do Estado español, pero puxeron en evidencia a necesidade dunha loita nacionalista pola Soberania Nacional.

O 25 de Xullo de 1968 os nacionalistas galegos, desafiando a represión franquista do Réxime españolista, penduraron unha faixa na Alameda de Compostela co lema “Viva Galiza Ceibe e Socialista”; reafirmando esta data na loita pola emancipación nacional iniciada polos precursores do nacionalismo galego, no símbolo dun pobo que non renuncia a súa Matria/Patria.

Nos últimos tempos do franquismo, a partires dos anos 60 do pasado século, dos que fomos testemuña, os conflitos sociais e políticos na Galiza foron numerosos e permanentes. Como esquencernos das loitas dos traballadores de Carburos de Cée , dos traballadores de Ferrol,Marzo do 72; as da primavera do 73 do proletariado de Vigo, protagonizadas pola clase obreira galega que foron as máis combativas no ámbito do Estado español. Loitas populares, entre outras moitas,como as de Xove, as Encrobas, Baldaio ate Nunca Máis na defensa da Terra, culturais, veciñais...Na Galiza houbo máis Folgas Xerais, que no conxunto do Estado. Estas mobilizacións obreiras e populares foron a cerna da loita de liberación nacional do pobo galego, a única politización fecunda, a pesares do lastro do piñeirismo que en compaña co españolismo social e político actuante na Galiza, traballou arreo para manter a súa subordinación ao Estado centralista español, tentando de impedir a auto-organización do pobo galego cara a súa emancipación nacional.

Noutras condicións a loita do pobo galego que tivo lugar por estes tempos, tería sido máis que suficiente para mudar a realidade socio-política galega, de non ter sido utilizada polo españolismo para reformar e modernizar o seu Réxime.

Na Galiza, a loita de liberación nacional atopouse dentro dunha realidade obxectiva marcada pola existencia dun Imperialismo omnipotente, cuxo elo básico no que se refire ao noso pais é o Estado español, ao que está subordinada e atada, o que na práctica imposibilita o seu avance cara unha mudanza socio-politica emancipadora en todos os terreos.

No noso pais non existe unha burguesia nacional galega, a diferencia de Euskadi e Cataluña, tamen baixo a opresión do Estado español, polas razóns históricas antes expostas. A escritora Emilia Pardo Bazán na súa novela “Os pazos de Ulloa” describe moi ben a decadencia e morte da que puido haber sido a burguesia nacional galega.

Euskadi e Cataluña si contan con burguesias nacionaís potentes. Nestes países se pode falar de esquerdas e dereitas non españolistas, a pesares de que en Cataluña non se chegou a formar unha clase obreira nacional. A súa masa de asalariados está maioritariamente subordinada ao Estado español por medio dos sindicatos españolistas. Ate de agora, todas as loitas nacionalistas destes dous paises pola súa liberación nacional estiveron condicionadas polo reparto da riqueza entre as diferentes élites económicas do Estado, sen necesidade dun cambio sociopolítico, pois foron pilotadas por estas burguesías nacionaís nunha combinación conflitiva coa burguesía centralista española.

Na Galiza o cambio sociopolítico unicamente está asociado a conquista da súa Soberanía Nacional, que engloba conxuntamente a liberación nacional e a liberación social, pois non hai unha clase social propia economicamente dominante, que conducindo esta mudanza, poida converterse en politicamente dominante  e condicione a Soberania ao seu interese de clase.

O Réxime españolista exerce de nación cunha vontade imperialista, por medio dun Estado, como un entrelazado politico-militar opresivo, que manten unha relación colonial co noso pais con independencia dos cambios formaís que adopte ese Estado español (franquismo,democracia 78,monarquia,república.....). Xa que logo, as loitas sociopolíticas galegas para non seren estériles , teñen que tentar de romper coa subordinación ao Estado español e ao españolismo afín, evitando enredarse nas manobras de distracción e manipulación que se promoven desde Madrid.

Vivimos tempos de reestruturación e reordenación da cadea imperialista occidental. Na actualidade, a decadencia do Imperio estadounidense que a lidera e tamén afecta a U.Europea, está provocando inestabilidade, caos e confusión, por mor do debilitamento, cando non fracturas,dos vencelhos co Imperio que oprimen, inmovilizan e afunden os Estados-nación.

Pero o máis interesante desta etapa de caos que comeza, é a posibilidade da rotura en varios puntos dos elos da cadea imperialista. Por iso, o período que comeza pode ser moi conveniente para Galiza, como o foi no pasado histórico o declive dos poderes externos que a dominaron e controlaron. É, sen dúbida o mellor cenario para facilitar que a loita socio-política do pobo galego poida erguer un poder político propio, un Estado galego independente para poder conseguir a liberdade e autodeterminación, cunha Repúbica Galega.

Aínda hoxe o Imperialismo é moi poderoso, e os seus tentáculos españolistas son moi fortes no noso pais, malia que entramos nunha etapa de transición dun mundo imperialista unipolar cara outro multipolar multilateral, que pode servir de axuda para que o nacionalismo galego atope un terreo máis fecundo para a súa loita emancipadora, por unha Galiza Ceibe e Socialista.

 -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal