16:29 Mércores, 18 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2017

Alén do antimilitarismo e do mercantilismo da relixión, neste esperpento Valle Inclán realiza tamén unha aceda parodia de determinadas ideas que conforman o nacionalismo español

Valle Inclán en galego… hai xa 31 anos

Valorar (14)

EDUARDO ÁLVAREZ



O pasado 3 de marzo estreouse en Compostela na nosa lingua A cabeza do dragón, de Valle Inclán. Estes días, o CDG está representando dúas pezas da triloxía Martes de carnaval: As galas do defunto e A filla do capitán. Nos dous casos, afirmouse que, unha vez liberados os dereitos de propiedade intelectual dos herdeiros, estes feitos supuxeron por fin a incorpo­ración da obra do autor ao repertorio teatral en galego.

Sinto desmentir estas afirmacións, pois xustamente trinta e un anos antes, en marzo de 1986, a peza teatral As galas do defunto foi representada baixo o título Don Xoán regresa a Pontedeume. Impartía eu no único instituto de bacharelato existente daquela nesta vila a denominada EATP (Ensinanzas e Actividades Técnico Profesionais), que tiña carga lectiva de dúas horas semanais para o alumnado de segundo e terceiro cursos de BUP. Na oferta das opcións das EATP incluíanse, entre outras materias, ademais do teatro, a informática -que se estaba introducindo no ensino secundario-, a electricidade, o deseño e tamén os labores do fogar. O alumnado que escollía a opción de teatro quizais non fose o máis preocupado polos resultados académicos, pero si gozaba intensamente coa teatralización. Foi esta materia, debo recoñecelo, a que me ofreceu as maiores satisfaccións como docente ao longo da miña vida profesional. Da versión á nosa lingua encargouse a poeta e compañeira de claustro Pilar Pallarés. Ela mesma mecanografou o texto e os folios que o conteñen gárdoos con especial coidado tanto pola súa calidade literaria como polo testemuño dos feitos que supuxo a representación.

Naquel mesmo mes de marzo de 1986 celebrouse o referendo da permanencia na OTAN promovido polo Goberno do Partido Socialista. E esta foi unha das razóns pola que decidimos representar As galas do defunto. Na nosa versión, o soldado protagonista non regresaba da guerra de Cuba, como acontece na versión orixinal, senón que volvía a Pontedeume despois de participar nunhas manobras cos exércitos da OTAN.

O Valle Inclán anarquizante de 1926, data en que publica esta obra en plena ditadura de Primo de Rivera, estaba xa moi lonxe das veleidades carlistas do pasado. E a causa deste cambio radical tanto na súa estética como na súa ideoloxía reside na observación da guerra, que o autor denuncia a través de varios personaxes, entre eles o soldado protagonista (A guerra é o negocio dos galóns, o soldado só sabe morrer… se soubese a súa obriga e non fose un paria, debería tirar sobre os seus xefes…) ou A Daifa (lévanvos e tráenvos como ovellas, pero as consecuencias afectan os máis inocentes… esta vida que me ves débolla a esa maldita guerra que non sodes quen de rematar). Valle tiña moi presentes os efectos da Guerra de Cuba, os horrores da Primeira Guerra mundial que el coñecía moi ben como correspondente en Francia no ano 1916 dos xornais El Imparcial e La Nación, e nomeadamente da sanguenta guerra colonial de África que estaba tendo lugar mentres escribía As galas do defunto.

Naquel curso de 1985-1986, a representación pública desta peza de teatro non podía vir mellor ao xeito: manifestar a nosa oposición á permanencia do Estado na OTAN e colaborar tamén con esta finalidade na campaña do referendo que se celebrou nese momento. Desde había meses funcionaba en Pontedeume unha comisión Anti-OTAN que promovera numerosos actos informativos e reivindicativos contrarios á posición do goberno. Todas estas actividades deron como resultado neste concello o triunfo da opción contraria á permanencia neste bloque militar.

Alén do antimilitarismo e do mercantilismo da relixión, neste esperpento Valle Inclán realiza tamén unha aceda parodia de determinadas ideas que conforman o nacionalismo español. En 1925, un ano antes de que As galas do defunto saíse do prelo, Maeztu publicara o ensaio Don Quijote, don Juan y La Celestina coa clara finalidade de pór estes tres mitos ao servizo do clasicismo católico e españolista baixo o referente da ditadura de Primo de Rivera. Para Maeztu, don Quijote representa o amor, a cabalería cristiá e os ideais do conservadorismo católico. Do mesmo xeito, o mito de don Juan expresa a enerxía inesgotábel do pobo español que, en momentos de decadencia, servirá para o seu rexurdimento. A terceira pata do tan sólido trípode ideolóxico de Maeztu reside no mito de La Celestina, identificado co saber, a ciencia e a técnica. Obviando as relacións diabólicas deste personaxe, para Maeztu Celestina convértese na nai da moderna psicoloxía, capaz de manexar sutilmente os demais cara aos seus intereses: “Antes que la ciencia del mal por el mal, es Celestina la ciencia a secas, el saber sin calificativos”. En conclusión, afirma Maeztu que o que España necesita para desfacerse da abulia dominante e renovarse radica na suma do que representan estes tres mitos: o amor, a vitalidade e a ciencia, presididos, claro está, polo Poder capaz de extirpar con mano de hierro os males do país sumido no pesimismo.

Fronte a este extravagante panorama intelectual, fronte a ditadura de Primo de Rivera e as guerras, Valle Inclán reacciona a través da estética do esperpento deformando a expresión no mesmo espello que deforma as caras e toda a vida miserable de España. Desta maneira, o soldado Juanito Ventolera, cínico e inmoral, e Madre Celeste e A Daifa convértense non tanto na parodia do don Juan Tenorio e de La Celestina senón na interpretación carnavalesca que destes mitos realiza Maeztu.

En As galas do defunto, Valle ofrece unha radiografía aceda da España dos primeiros tempos do século XX. Hai trinta anos, esta mesma obra serviu tamén para reflectir moi acertadamente situacións daquel momento. E hoxe, xa na segunda década do século XXI, segue atinando de cheo na mesma análise. E todo isto porque, lonxe da desvergoña daqueloutros intelectuais conformistas que comungan co establecido, o autor enfróntase ao Poder ousadamente e con integridade servíndose dunha estética refinada.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal