15:50 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-05-2017

Cando o nacionalismo (é dicir o BNG), tiña presenza nas Cortes Xerais do Estado, as solicitudes presentadas polas organizacións sectoriais galegas eran atendidas

O pobo galego ausente nas Cortes Xerais do Estado

Valorar (12)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



Dende as últimas eleccións para elixir deputados e deputadas para as Cortes Xerais do Estado, o pobo galego está ausente nos diversos debates que se dan nese foro. Non fai falla máis que contemplar o debate dos Orzamentos Xerais do Estado para o presente ano. Nas Cortes Xerais do Estado hai deputados e deputadas galegos/as; mais, non hai representación do nacionalismo galego.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), acordou intentar que nas Cortes Xerais do Estado, se presentasen dúas proposicións de lei. A primeira para que se recoñecera a titularidade veciñal (os montes veciñais en man común), como unha titularidade distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. A segunda  para que os montes veciñais en man común fosen sacados de ser suxeitos pasivos no Imposto sobre Sociedade, tal e como se fosen meras empresas mercantes e que se elaborase, dende Galiza, unha fiscalidade axustada á figura e a funcións dos montes veciñais.

Para tal fin, a ORGACCMM solicitou dos partidos políticos  presentes nas Cortes Xerais do Estado, e con representación no territorio galego ,unha reunión para plantexarlles estas dúas cuestións. A resposta destes partidos políticos, falando claro ,de En Marea e do PSOE, foi o silencio. Falar co Partido Popular nin se prantexou xa que foi, co aplauso do sector empresarial forestal e das asociacións forestais, quén colocou sobre os montes veciñais en man común esta inxusta imposición fiscal. Puidera parecer que estes partidos políticos andiveran moi ocupados ,Mais a mín paréceme que hai falla de interese polos problemas,ainda que sexan sectoriais , da nosa nación.

Recentemente , o grupo parlamentar do Partido Popular nas Cortes Xerais do Estado ,presentou ,para debater na Comisión de Agricultura ,Alimentación  e Medio Ambiente ,  unha proposición non de lei instando ao gobernó central  a creación de un Fondo Forestal Estatal (eles din Nacional). O texto desta proposta é moi inconcreto. Nin hai cousas positivas (compensacións os titulares das terras pola prestación de servizos medioambientais dos que son favorecidos á sociedade no seu conxunto)... Mais tamén contempla cousas negativas (falla de presenza dos titulares das terras e excesiva presenza do sector empresarial nos órganos consultivos ,unidade do mercado interior para beneficio de un determinado tipo de industria forestal, reestruturación da Administración Xeral do Estado nunha materia, os montes , que, no caso galego é unha competencia propia…).

Ante esta situación, a ORGACCMM, volveu solicitar dos partidos políticos de ámbito meto galego e con representación nas Cortes Xerais do Estado, é dicir En Marea e PSOE, unha reunión  para que nos deran a coñecer o texto integro da proposición non de lei e o calendario de debate da mesma  para poder presentar as achegas correspondentes co fin de mellorar o texto en beneficio dos titulares das terras e dos intereses da nosa nación. A resposta deses partidos (En Marea e PSOE) foi a mesma, o silencio. Pode ser que seguirán estando ocupados. Mais a min parece que sigue sendo falla de interese polos problemas, aínda que sexan sectoriais, da nosa nación.

Como as cousas son o que parecen, fica claro a falla de interese ou descoñecemento destes grupos políticos por problemáticas da nosa nación. Mais cando son do seu interese vén que o comunican. A principios da lexislatura o grupo parlamentar Unidos-Podemos (no que hai deputados e deputadas galegos e galegas), logrou que as Cortes Xerais do Estado modificasen a lei de montes estatal para que non se puidese recalificar os montes públicos que padeceran lumes forestais. Se eu fose murciano ou estremeño ou de calquera outra parte do Estado, aplaudiría este acordo. Mais como son veciño comuneiro galego, é un acordo que non me afecta. En Galiza, o monte público é practicamente residual (dos 2.010.583 has de monte existente, soamente son monte público 45.378 has).

É certo que a problemática presentada é moi concreta e que afecta soamente a un sector da sociedade galega, podéndose considerar como de pouca envergadura. Mais se sumamos a problemática de outros sectores da sociedade galega  a envergadura da cuestión xa empeza a ter peso.

Cando o nacionalismo (é dicir o BNG), tiña presenza nas Cortes Xerais do Estado, as solicitudes presentadas polas organizacións sectoriais galegas eran atendidas. Non fai falla ser un nacionalista radical para pensar  que necesaria é a presenza do nacionalismo galego (do BNG), nas Cortes Xerais do Estado, tamén. Sobre todo para os intereses das maiorías sociais da nosa nación.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña