22:45 Martes, 27 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-05-2017

O capitalismo está esgotado e o seu sistema político tamén

O reseteo do sistema político

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



A globalización e as políticas liberais que a acompañan están a causar estragos sociais e políticos en boa parte de occidente. A perda de confianza da clase traballadora nas formacións políticas clásicas, situadas nas marxes esquerda e dereita, a través das cales o sistema capitalista puxo en marcha as políticas que lle viñeron mellor para os seus intereses, ten como consecuencia o xurdimento de novas formacións políticas patrocinadas pola clase dominante.

Neste sentido, as eleccións francesas mostran una vez máis a capacidade que ten sistema capitalista, así como o seu sistema político, para metamorfosearse, para mudar algo para que todo siga exactamente igual ou peor antes.

Liquidado o sistema de partidos francés, que por méritos propios minguaron a súa credibilidade e a confianza do electorado logo de facer o contrario do que predicaban (o caso de Hollande é paradigmático), poñendo en marcha políticas neoliberais en contra da clase traballadora, chegou a hora de poñer no sitio un reposto de confianza do sistema. E quen mellor que un dos deles; quen mellor que un da elite política e económica; quen mellor que Emmanuel Macron.

O novo presidente francés, deixando á marxe a súa xuventude, non representa nada novo a nivel político e ideolóxico. Emmanuel Macron é o candidato da elite; tanto é así que non se ocultou en absoluto o seu patrimonio persoal amasado logo de traballar para un dos grupos financeiros máis importantes e sinistros do mundo, a banca Rothschild. Este conglomerado financeiro non é a primeira vez que coloca a un dos seus nas máis altas instancias políticas francesas, George Pompideu, que tamén traballou para os Rothschild, foi presidente da República entre de 1969 a 1974.

É evidente, polo tanto, que Macron goza da máxima confianza das altas esferas políticas e empresariais de Francia, e non dubidaron en apoialo e asesoralo a través dun enigmático gabinete de comunicación, Steele & Holt, que traballa tamén para grandes empresas galas e por suposto para a dinastía Rothschild.

Con estes apoios Emmanuel Macron montou En Marche!, unha organización que se autodefine como nin de esquerdas nin de dereitas (igualiño que Podemos), captando deste xeito electores situados en ambas marxes ideolóxicas, mais unha organización que en absoluto ten un funcionamento democrático. Para mostra a elección dos candidatos e candidatas ás lexislativas do vindeiro mes de xuño, que se fixo a través dun casting para o que se había que anotarse nunha web, e cuxo resultado será unha cámara lexislativa que causará moi poucos problemas a Emmanuel Macron, dada a inexperiencia política da maioría das persoas elixidas, de acadar a maioría na cámara francesa.

Con esta bagaxe non é moi difícil deducir por que camiños conducirá Macron o seu goberno conformado con políticos conservadores e socialistas, unha especie de gran coalición á francesa para seguir facendo o de sempre, é dicir, atacando dereitos e liberdades e apostando duramente por unha Unión Europea que recorte aínda máis a marxe de manobra dos estados membros, é dicir, a unión política tan desexada polas altas esferas do poder político e económico.

Pero non é só o caso de Francia. Aí temos tamén Grecia, un caso dramático na miña opinión. Syriza (esquerda radical en grego) clamaba aos catro ventos que ía mudalo todo, pero en pouco tempo -neste caso en tempo record de apenas unhas semanas- pasou de facer o contrario do que predicaba. Aí temos as folgas xerais e protestas que nestes días inundan o país heleno en contra dos recortes sociais que este partido puxo en marcha.Sen embargo, no caso do Estado español, a voadura controlada do bipartidismo, quedou a medio facer, pois nin Podemos nin Ciudadanos foron quen de recoller todo o cabreo e o malestar coas forzas sistémicas por tantos anos de políticas liberais e corrupción, tanto do PP como do PSOE. Neste sentido, a última enquisa do CIS demostra que as forzas emerxentes son incapaces de darlle a volta ao sistema político e as mudanzas terán que vir desde dentro das organizacións políticas clásicas. No caso do PSOE xa está en marcha coa vitoria de Pedro Sánchez nas primarias deste partido. E no caso do PP tamén chegará, e terá que facelo co retiro de Mariano Rajoy, moi tocado polos continuos casos de corrupción que salpican a esta organización.

O capitalismo está esgotado e o seu sistema político tamén. Este reseteo do sistema pode funcionar un tempo, pero non é algo definitivo. Se utilizamos o sistema operativo informático Windows como metáfora do sistema capitalista, sabemos que un sistema corrupto e con fallos importantes de deseño tarde ou cedo acaba corrompéndose por moitas veces que reiniciemos o computador. Isto causará un profundo malestar social, cuxas consecuencias xa se poden adiviñar no horizonte. Neste sentido, non hai máis que ver o paseo triunfal de Macron por diante do Louvre, en solitario, como se fose un novo Napoleón, un caudillo que en absoluto liberará as masas. Francia freou o fascismo de Marine Le Pen, pero entregouse ao de Macron.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal