12:34 Sabado, 21 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2017

Cal foi a teima en alterar un nome como FINIS TERRAE, que xa nos viña desde o fundo dos tempos?

Unha viaxe por Fisterra: a praia, é “Langosteira” ou “Lagosteira”?

Valorar (13)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Vimos de botar unha fin de semana nas paisaxes da FISTERRA.

Pousamos nunha hospedaxe chamada ALÉN DO MAR.

É iste un lugar amabilísimo,  e como todo o trato foi na nosa língua, semellaba estarmos nun país normal!

Está situado no cabo dunha preciosa praia que hoxe aparece escrita como da LANGOSTEIRA.

Por tras da Praia, sollosa demais naquela hora; había un delicioso paseo baixo a sombra dos piñeiros, que nos apresuramos a disfrutar.

Alí coincidimos cun nativo do lugar que nos informou de que realmente os de alí non chaman á praia de LANGOSTEIRA, senón PRAIA de S. ROQUE; o que si chaman de LAGOSTEIRA (sen -N-) é ao espazo que atravesabamos no paseo.

Era ista unha terra chea de xunqueiras e espadanas, onde un pequeno regueiro abría o seu esteiro cara ao mar.

Seica en tempos de chuva, está todo alagado, e por tanto cheo de lagoas e pozas. A súa consistencia brañenta, estaba agora delatada polo abondoso de vexetais típicos de lugares húmedos.

Tamén nos informamos de que corre entre a xente  a  lenda  dunha  cidade asulagada baixo daqueles lameiraes que nós asociamos á vella DUGIUM  e a antiga cultura palafítica, sobre a que xa tiñamos lido algo.

Coma sempre, percebemos as apropiacións ilegais daquel terreo polos propietarios das casas colindantes extendendo os seus valados de arame en terreo a todas luces comunal.

Para nós ficou claro que o nome real daquela zona, e por tanto da praia, era a de LAGOSTEIRA ( sen -N-) en referencias á terra alagada, ou chea de LAGOAS, que ainda están ben visíbeis hoxendía ao chover abondosamente.

Terra LACUSTARIA ( de “lacus”) > LAGOSTEIRA.

Nada por tanto, que ver o nome desta praia coas LANGOSTAS, ainda que poida ser que as haxa, como en moitas partes do noso litoral.

Subimos á punta de FISTERRA, chea de turistas na contemplazón do ronsel do sol ainda con forza deitándose no alto do mar.

Escoito unha conversa telefónica dun valenciano : “Que ahí es noche cerrada? Pues aquí está bien alto el sol!”

Cousas do desfase dos meridianos , do que as Administracións non fan caso!

Á mañá seguinte viaxamos pola beira do mar cara Muxía.

Visitamos a pasmosa praia do ROSTRO, nome que asociamos á denominación que debían ter os terreos contiguos, que supoñemos nos seus tempos adicados á roza ou restreva do mato para a producción agrícola.

Ibamos xantar a un lugar chamado de, NEMIÑA, que é frecuentado por surfistas que valoran en muito a cualidade das súas ondas.

Antes de chegar ,fixemos unha adiviña de cómo sería o lugar, só xulgando pola feitoría do seu nome.

Prognosticamos que o tal sitio debería ser un lugar mais ou menos chan e cheo de prados.

A base da nosa suposición era derivar o nome de, LAMA.

Os lugares chamados de LAMA ou LAMELA, nen sempre son lugares enlamados ou especialmente húmidos.

LAMA, ten un sentido predial, de terreno amplo, cheo de herba ou calquera outro cultivo.

Entendemos que procede de LÁMINA > LÁMIA >LAMA.

A nosa idea era que o nome de NEMIÑA debeu proceder, na súa orixe , dunha primordial , TERRA LAMÍNEA, cunha evolución que puido ter sido:

LAMINEA > LAMIÑA > NAMIÑA > NEMIÑA.

As nosas suposicións víronse confirmadas ao chegar a aquel vizoso lugar, cheo de pradeiras deica ao mar.

Toda a beiramar deica Muxía foi unha deliciosa mixtura de mundo rural e mariñeiro, terras de tal beleza que non entendemos como puideron colocarlle o truculento nome de, COSTA DA MORTE.

Xa sabemos a história das “quebras” ou naufraxios e o drama do buque inglés SERPENT, pero alguén contabilizou os  naufraxios que houbo na historia, noutros lugares de costa española , que non obstante, locen hoxe nomes tan atraintes como: COSTA AZUL, COSTA BRAVA ou COSTA DEL SOL?

Imaxinade que por causa  do accidente con bombas nucleares  na Praia de PALOMARES, a COSTA DEL SOL, viñese a chamarse agora: LA COSTA RADIACTIVA ou LA COSTA ATÓMICA.

Pensástedes en que, debido á terríbel fatalidade do accidente ferroviario de Angrois, pasásemos a chamar a esa parroquia,  DA MORTE , ou lle colocásemos o mesmo adxectivo a curva da GRANDEIRA, e porque non,a viciña estación de Compostela?

Os trens ALVIA pasarían a chamarse chamarse tamén COMBOIOS DA MORTE; a ver, quen sería  quen de viaxar nun transporte con semellante chamadeiro?

Lembramos que , para evitar que as estradas deran a aparencia de rúas dun enorme cemitério, hai anos, houbo unha prohibición de colocar cruces na beira das estradas, en lembranza de mortos en accidentes.

É como se a unha estrada que tivese accidentes (todas teñen!), lle chamásemos a, AUTOPISTA DA MORTE; Quén ousaría entrar tranquilamente nunha vía con ese nome?

Cal foi a teima en alterar un nome como FINIS TERRAE, que xa nos viña desde o fundo dos tempos?

Seica quen iniciou a teima foi unha autora inglesa, Annette Meaking, no ano 1908 e secundada polos  xornais madrileños e algún coruñés.

Paifoquismo e autocolonización!

   Sería  ben millor  recuperar  o antigo nome, tan  fermoso e acaído de: COSTA  do FINIS TERRAE, no latin internacional, e con alusións tan poderosas como:  REMATE DE EUROPA ou FIN DO CAMIÑO XACOBEO.

Nesta costa tan chea de vida, o único que morre todos os días e de forma fastuosa, é o sol, e para eso, coa promesa de resurrección no día seguinte!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal