21:04 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-05-2017

A ver que autor ou autora escribe hoxe dos seus coetáneos como o fixo Luís Seoane!

Retorno a Luís Seoane

Valorar (11)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Até o próximo 24 de xuño non saberemos se a Real Academia Galega de Belas Artes lle vai dedicar o Día das Artes Galegas 2018 a Luís Seoane, mais sexa ou non sexa el o escollido, a verdade é que a Luís Seoane cómpre volver sempre, unha e outra vez. Regresar a Seoane é un exercicio intelectual imprescindíbel para non deixarmos de abrir os ollos ao país e ao artista galego do século XX que talvez mellor expresou o diálogo entre  a tradición e a modernidade, entre a tradición e a vangarda. E canto máis regresamos a el e á súa obra, canto máis coñecemos a súa figura, realmente extraordinaria, máis o admiramos. Desde que nós o descubrimos na nosa mocidade, aló a mediados dos setenta, Luís Seoane non deixou nunca de asombrarnos en cada libro seu que caía nas nosas mans, en cada mural ou pintura que puidemos ver aquí ou acolá, en cada idea ou proxecto que nos levaba ao seu compromiso permanente con Galiza, en cada traballo no que se aborda a súa personalidade e o seu legado desde diferentes perspectivas.

Creo que o primeiro que nós poidemos ler de Seoane foron algúns dos seus últimos artigos en “La Voz de Galicia”, xornal no que colaborou asiduamente entre 1971 e 1977, até o cese de Francisco Pillado Rivadulla como director do xornal. Aqueles artigos -as Figuraciós- conforman un conxunto de case trescentos textos, ilustrados polo propio artista, a través dos que Luís Seoane nos achegou semana tras semana a figuras como María Casares ou Julio Cortázar, Otero Pedrayo ou Díaz Pardo, Carvalho Calero ou Pablo Picasso, Atahualpa Yupanqui ou Alejo Carpentier, Manuel Mujica ou Reimundo Patiño. Só un home da súa grandeza humana e da súa xenerosidade podía asumir o compromiso de facer un texto e un debuxo cada semana para convidarnos a coñecer outras moitas personalidades do seu tempo, algunhas delas de xeracións moi posteriores á súa. Tamén para o programa radiofónico “Galicia Emigrante” chegou a escribir case 850 textos durante dazasete anos (esas Comunicacións mesturadas que non se farta de recomendar o Felipe Senén!), ocupándose de case todos os libros  editados aquí e dos seus autores. Desde 1954 a 1971. A ver que autor ou autora escribe hoxe dos seus coetáneos como o fixo Luís Seoane, e sempre desde o aprecio, a fraternidade e a admiración. Non hai na actualidade entre nós unha figura da relevancia e do prestixio internacional de Seoane que faga o que el fixo polos demais. Lamentabelmente agora os escritores e as escritoras prefiren dedicar todo o seu tempo de escritura a facer a súa obra que a falar da obra dos seus colegas, a non ser que sexa en centenarios, congresos, simposios e publicacións académicas ou moi especializadas. Luís Seoane, pola contra, foi un creador fondamente preocupado durante toda a súa vida, en Galiza e en América, por darlle voz á cultura galega que se estaba a crear no seu tempo. Só hai que lembrar todas as empresas culturais que puxo en marcha no exilio para poder publicar e divulgar en Arxentina o que non se podía editar nin dar a coñecer en Galiza. Abonda con recordar todo o seu labor en Bos Aires como editor, escritor, ilustrador ou xornalista radiofónico, gráfico e literario: “Galicia Emigrante”, “Nova”, “Botella al Mar”, “Citania”, “Cuco-Rei”, “De Mar a Mar”, “Correo Literario”, “Galicia”, etc., etc.. E logo están os seus estudos sobre outros artistas (Xosé Eiroa, Castelao, Carlos Maside, George Grosz…), os seus  libros de ensaio ou de xornalismo cultural, o seu compromiso político co país antes e despois do 36 e os grandes proxectos empresariais que impulsou aquí co seu grande amigo Isaac Díaz Pardo: o Laboratorio de Formas de Galicia, o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro e Sargadelos. Luís Seoane foi, certamente, un artista e un escritor que tivo sempre entre as súas preocupacións a intervención social, algo moi pouco común entre a intelectualidade de hoxe.

A súa poesía nós non a chegamos a ler no seu conxunto até un ano despois da súa morte, cando un día de maio de 1980 mercamos nas Pontes, na Librería “Do Neno”, a súa Obra poética, editada en 1977 en Ediciós do Castro. Tivo que ser un impacto tremendo para a primeira xeración da posguerra descubrir nos anos cincuenta o que Luís Seoane estaba a escribir en Bos Aires como poeta. Libros como Fardel de Eisilado, Na brétema, Sant-Iago e As cicatrices móstrannos un discurso poético de compromiso e denuncia que logo será amplamente cultivado por poetas como Manuel María e Celso Emilio Ferreiro. A nós aínda nos impresionan hoxe moitos daqueles poemas, por exemplo o que pecha o seu segundo poemario, inexplicabelmente moito menos coñecido que “Cunetas”, de Luís Pimentel. Vexamos este poema de Luís Seoane (“Cabo. A derradeira imaxe.1936”):

Seis ou sete séculos despóis.
     
Denantes ou despóis. ¡Qué mais tén!...
     
Poido ter sido mil trescentos trinta e seis
     
ou mil catrocentos trinta e seis.      
Tocaban a morto e non o sabían os culpables.      
Todal-as campás da cidade tocan a morto dendentón.

Foi mil novecentos trinta e seis.
Ogallá endexamais poida sere.          
Eran soio ceibes a mar e os paxaros.
                   

A filla do zapateiro, ou do ferreiro, ou do xastre,
         
era levada en camisa pol-as rúas,
         
marcadas a fogo tres letras na fronte,            
a cabeza enfeitada, escarnecida,
         
despoxada dos longos rizos loiros.                
Berrábanlle as letras da fronte.
             
Eran soio ceibes a mar e os paxaros.
           

Deixaron caír asesiñados sobor das gavias        
os homes que soñaron un mundo difrente.
         
Á beira dos cadavres vivían abraiadas          
as lagartixas verdes,          
os insectos, as prantas, a terra e a iauga.        
A eles somente non lles tiñan permitido vivir máis.
       
Soio eran ceibes a mar e os paxaros.
         

A esos estudantes de pousadas probes
     
da Rua de San Pedro,
             
do Campo do Galo, da rúa das Hortas,
             
de bairros probes, de aldeas probes,
       
de pais probes,
           
estudantes de “pan e sardiña”,
       
con libros amostrándose pol-os petos deformados
       
dos vellos abrigos con lixaduras,
         
tíñanos matado ao abrente
         
á beira dos camiños.
         
Un preto can vagamundo os velaba.            
Eran soio ceibes a mar e os paxaros.
       

A rapaza da fronte marcada a fogo
       
sin as trenzas de ouro, a cabeza enfeitada,
       
era aduceda marteirada pol-a cidade.      
Arrempuxábana o falso sacerdote, o falso fidalgo
         
o ladrón, o mentiroso, o asesiño.
         
Relocíanlle na fronte as tres letras de escarno
         
e ollaba serea cara adiante,
         
pra estrela lonxana, perta de espranza,
         
que soio enxergaban ela, os desterrados e os mortos.
     
Eran soio ceibes a mar e os paxaros.
       

No brevísimo limiar que Luís Seoane lle pon ao libro ao que pertence este poema, escribe: “Mais, nós non estamos vencidos. O paxaro canta ceibe no noso peito”.        

O noso último descubrimento bibliográfico de Seoane foi hai só uns meses, cando por casualidade caeu nas nosas mans o seu libro Castelao artista, na edición que saíu en Bos Aires en 1969 da man da Editorial Alborada, que dirixía Arturo Cuadrado. Non vos podedes imaxinar a emoción que me causou atopar este libriño, precioso por dentro e por fóra. Este traballo foi escrito por Seoane xusto un ano despois de morrer Castelao e aínda hoxe é un dos textos máis brillantes que se poden ler sobre a obra artística do autor do Sempre en Galiza. O ensaio leva a seguinte dedicatoria: “A Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado, por todo canto fixemos xuntos en Buenos Aires, perdendo. Por canto soñamos en Galicia dende Buenos Aires, escribindo, pintando, loitando e perdendo. Soios”. Castelao, Luís Seoane e Arturo Cuadrado: neses tres nomes está representado o sufrimento e o exilio de centos e centos de persoas e toda a capacidade do ser humano para resistir e construír outro futuro para o seu pobo, desde a confianza, desde a fe nos ideais, desde a fidelidade ao país, desde a xenerosidade.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal