13:12 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-05-2017

Neste día 17 ou aínda teremos de aturar acusacións de “politizar” a lingua, patrimonializala, sermos denunciantes profisionais e outras lindezas polo estilo? Respondan tamén vostedes. Eu cansei

As nosas letras

Valorar (33)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



17 de Maio, Día das Letras Galegas. Vaia novidade! Vexamos como andan as letras galegas. Non vou falar do ritual que, ano após ano, homenaxea a literatura de noso, no rego permitido, claro está: un día, uns días, ao ano, que marcan a excepcionalidade admitida pola norma. A norma é o español e o inglés. Non. Vou falar das letras de todos os días, do que denominamos uso pragmático da lingua. Valereime, se mo permiten, dun episodio persoal. Na cidade onde moro, no mes de Marzo pasado, recollín do meu vehículo un aviso de denuncia por incumprimento horario da ORA. Todo el en español. Para alén da voracidade recadatoria (60 euros) que caracteriza tantas administracións públicas, non me dei por enteirada, como en moitas outras ocasións. Rexistei nunha oficina do Concello copia do anuncio da sanción acompañada do seguinte texto:

“Á atención da Concellalía de Tráfico:

Dareime por notificada do anuncio de sanción, que adxunto en fotocopia, cando me sexa comunicado en galego, conforme á Lei 3/1983, Lei 5/1988, Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1996) ou Carta Europea das Linguas (2001). Para alén da lexislación citada, por ser galega, galego-practicante e viciña da Coruña, cidade galega. Atentamente................ (nome, enderezo etc.)”.

Con data de saída 10 de Abril, recebín a seguinte comunicación certificada e con acuse de recibo. O carimbo figura bilingüe (Salida / Saída; Fecha / Data). A cabeceira reza: “Área de Regeneración Urbana, Derecho a Vivienda y Movilidad Sostenible. Departamento de Movilidad Urbana. Sección de Circulación” e, arriba, “Ayuntamiento de A Coruña. Concello da Coruña”. A seguir  -transcrebo ad pedem litterae-:

“En relación co seu escrito de data 28 de marzo de 2017 no que expón que dárase por notificada do anuncio de denuncia imposto o 10/3/2017 cando sexa comunicado en galego, se lle informa que dáse traslado a empresa concesionaria do Servizo de Ordeación e Regulación do Aparcamento (ORA) para que realicen as modificacións necesarias para introducir a lingua galega nos avisos de denuncia.

Asimismo se lle comunica que en caso de recibir a notificación da sanción, ésta irá escrita en galego e en castelán.

É o que comunico para os efectos oportunos.

A Coruña a 6 de abril de 2017

El Director de Espacio Público y Movilidad .................................. ( o nome do mesmo)”.

Velaquí a fotografía do nível de normalización da nosa lingua nunha administración pública; tamén, da “calidade” lingüística (de nota); do convivio inmisericorde de español, galego e español traducido malamente.

Letras galegas: eis as letras que nos faltan. Decataranse da exclusión-ausencia do galego, neste Día das Letras Galegas, eximios escritores, académicos, altos cargos, autoridades varias, celebrantes oficiais e oficiosos das “letras” galegas? Decatámonos, todas e todos, de até que ponto ao galego lle falta a mínima normalidade escrita no ámbito administrativo (e xa non digamos no xudicial, no mediático, no eclesiástico, no comercial, no industrial...). Respondan vostedes. Eu xa non teño ánimo. Teremos razón(s) para, máis unha vez, manifestármonos neste día 17 ou aínda teremos de aturar acusacións de “politizar” a lingua, patrimonializala, sermos denunciantes profisionais e outras lindezas polo estilo? Respondan tamén vostedes. Eu cansei.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal