01:14 Luns, 21 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-05-2017

Tróuxonos entón, Manuel María, verbas frescas para alimentar a saudade que os emigrantes sentimos pola nosa nación e fortalecer a fidelidade a esta terra que nos acolleu

Manuel María volve a Laudio vinte e sete anos despois

Valorar (7)

RAÚL RÍO DÍAZ


Dia de Galiza en Euskadi. Laudio 27-6-91


O poeta chairego visitou Laudio varias veces, convidado polo Centro Galego desa vila para dar conferencias e presentar libros, pero a que tivo mais transcendencia foi a do 27 de maio de 1990, cando leu desde o balcón do Axuntamento o pregón do V Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos. Daquela estaba Victor Valiño de Delegado de Cultura, tanto do Centro Galego como da Irmandade de Centros Galegos e o alcalde era Pablo Gorostiaga, un admirado e vello coñecido de quen engarza estas letras, que foi tratado tan inxustamente polas altas institucións deste Estado español, represor, corrupto e prevaricador.

Tróuxonos entón, Manuel María, verbas frescas para alimentar a saudade que os emigrantes sentimos pola nosa nación e fortalecer a fidelidade a esta terra que nos acolleu: Aquí estamos, pois, protexidos, amparados e defendidos, nesta terra irmá, tan metida en nós, pola Arbore de Gernika que, debaixo da súa sombra protectora, acolle a dous pobos aos que, en certo sentido, lles tocou vivir e sofrer un destino semellante. Dous pobos que, para defender o propio, non negan o alleo porque saben que a grandeza e marabilla da vida é a súa variedade, dixo, ante unha praza ateigada de xente.

Estes antecedentes e a empatía que deixou no lugar, deron pé a que, Victor, o daquela Delegado de Cultura, a Peña Deportivista Anduriña de Laudio e a actual directiva do Centro Galego, presidida agora por Francisco J. Pedreira, propuxeran ao Axuntamento de Laudio facer un recoñecemento ao noso poeta polo cariño a esta patria do seu grande amigo Gabriel Aresti, sobre a que escribiu varios artigos e poesías, e que tantas veces visitou. Pola teimosía destes nosos paisanos e a boa vontade da corporación municipal, presidida agora por Natxo Urkixo Orueta, o próximo día 20 levarase a cabo a inauguración dun monolito ao lado do fermoso cruceiro que o Centro Galego colocou, o 25 de setembro de 1984, no parque  Lamuza, diante da Casa de Cultura, como agasallo dos galegos aos veciños e veciñas deste concello do Val de Aiara.

Manuel María en Laudio, con Víctor e Xosé Estévez

Os que tivemos a sorte de escoitar naquel 27 de maio o seu pregón e os que tratamos ao poeta nunca o esqueceremos, pero agora Manuel María quedará para sempre nese parque e no corazón e na lembranza de todos os laudioarras que contemplen a pedra de granito de Parga tallada en forma de libro aberto polo escultor galego Xosé Val Díaz (Valdi), que reproduce nas súas páxinas un precioso gravado da face do noso poeta nacional e mais abaixo a seguinte inscrición en galego e éuscaro: Manuel María Fernández Teixeiro. 06/10/1929 – 08/09/2004, Galicia/ Galicia somos nós:/ a xente e mais a fala./ Si buscas a Galicia/ en ti tes que atopala! Ao insigne poeta galego Manuel María polo seu labor a prol das culturas éuscara e galega. Laudio, 2017ko maiatzak 20, unha folla de carballo e o escudo da vila.

Ademais da corporación municipal, encabezada polo Alcalde, acudirán a esa inauguración, entre outros; o historiador galego Xosé Estévez, afincado en Euskadi e amigo do poeta, que o fará en representación da Fundación Manuel María; Meli Estéban, viúva do seu gran amigo, Gabriel Aresti; o Coordinador de Xermolos e da Irmandade Manuel María da Terra Chá, Alfonso Blanco Torrado, que estará por aquí durante tres días para facer presentacións en cinco pobos distintos: Na Universidade de Deusto, en Santurtzi, Laudio, Sestao e Masustegi, do poemario, Rimas de Frei Bento do Santo Nome do Santo Alberte, do emigrante galego afincado en Madrid e investigador do noso Apalpador, José Andrê López Gonçalez.

Debido ao pouco interese das institucións galegas polo noso patrimonio, presentará tamén, conxuntamente con José Manuel Veiga, a campaña de Crowdfunding, ou pequeno mecenado, para recoller achegas co fin de poder rescatar da ruína a casa natal de Xosé María Díaz Castro, para devolvela ao pobo convertida en museo, pousada de creadores, escola das e dos nosos escritores, local social para a veciñanza, un espazo para todas as asociacións da Terra Chá, sede da Irmandade Manuel María; unha “Casa da Xente” que sirva para crear un viveiro de iniciativas de cara a promover o noso maltratado rural.

Alfonso aproveita calquera ocasión para levar Xermolos da nosa cultura e expandir as chaira mais alá das fronteiras Galiza, e co cineasta guitiricense Bruno Pena, director da curtametraxe A Chave de Bascuas, presentarán, nos lugares antes citados, esa fermosa película que recupera unha lenda perdida de Galiza, neste caso de Guitiriz, da que apenas hai información e que chegou ata nós grazas ao boca a boca dos máis maiores da comarca.

Aquí podemos ver o acerto das verbas de Gabriel Aresti cando dicía que a manifestacións da cultura na mesma base son as que verdadeiramente teñen importancia, de aí que a nosa cultura siga viva na emigración e os nosos poetas serán honrados como se merece mentres contemos nesa base con persoas como Alfonso, Victor, algúns Centros Galegos da diáspora e peñas deportivas como a Anduriña, que son consecuentes coa nosa cultura nacional, porque xa é vergoñento que sexan mais sensibles institucións foráneas como o Axuntamento de Laudio que as nosas propias, que son as que teñen a obriga e o deber de facelo, pero miran para outro lado, cando non fan todo o contrario por enterrar a súa memoria e ignorar a súa obra, si non lle poden sacar réditos políticos.

Grazas a todos eles Manuel María volverá a Laudio vinte e sete anos despois para celebrar esa irmandade entre os dous pobos, pola que tanto loitou e da que para sempre será testemuña esa rocha de granito de Parga, firme, dura e nobre coma esta querida Euskal Herria que nos acolleu.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Manifestación do Día da Patria Galega de 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal