21:05 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-05-2017

A importancia do traballo cultural para recoñecernos galegas e galegos, para construírnos como pobo

Regresar á nosa identidade

Valorar (10)

MARTA DACOSTA ALONSO



O noso idioma está hoxe nunha situación delicada. As estatísticas confírmannos o que todas e todos percibimos: que cada vez somos menos falantes, especialmente entre a mocidade. E esta situación vén acompañada doutra, da perda da identificación identitaria, da consciencia nacional, do sentimento de pertencermos a un pobo, o galego.

É o resultado dun proceso de agresión permanente á nosa lingua, mais dunha maneira soterrada, sen conflitos, vivindo unha aparencia de normalidade en que tamén se aproveita a crise económica para desmantelar o sector cultural e canda el a lingua.

Hoxe, defender o medio cultural, loitar contra o etnocidio, afondar na descolonización simbólica, porque seguimos a ser un país colonizado, mais agora coas modernas ferramentas globalizadoras, é a tarefa urxente.Temos que seguir a realizar o labor pedagóxico de espallar a nosa lingua e a nosa cultura, como hai cen anos facían as Irmandades da fala, darlle ao conxunto da sociedade e á mocidade en particular a oportunidade de recoñecerse galegos e galegas e sentir, como sentimos nós, a ansia de manter vivo o noso idioma e con el todo o que nos identifica.

Como nós tivemos a oportunidade de recoñecernos.

Sempre lembrarei o que significou para min descubrir no fondo dun armario varios libros amoreados, todos forrados con papel de envolver, algúns rillados dos ratos, mostrando que estiveran abandonados nos lugares menos acaídos. Fun retirándolles aquel papel azul un a un e atopei varios libros publicados por Galaxia na década de 50. Otero Pedraio, Cuevillas, Castelao ou Rosalía eran os autores daqueles libros dos que xa non me separei máis, libros que desde entón estiveron e están en todos os andeis das casas que habitei. Fun eu a que os tirou do armario, si, con todos os significados literais ou metafóricos que se lle queiran dar a esta acción. Lin e relín Castelao e Rosalía, unha e outra vez, escribín con tinta naquelas páxinas vellas os acordes dunha canción que eu inventaba para acompañarme coa guitarra. E así atopei o fío que me foi levando de regreso á miña identidade.

Como nacionalistas, deliberamos sobre a tarefa política que cómpre, e eu digo que o importante, tanto ou máis que os procesos electorais, é traballar para construír pobo, un pobo consciente de si mesmo.

Para iso cómpre que colectivamente decidamos implicarnos no traballo cultural, participar activamente e reactivar a loita lingüística evidenciando os conflitos que existen e laten baixo a urxencia dos días en cada acción da nosa vida. Mostrar, usar, espallar a lingua e a cultura de noso, falarlle ás emocións que aínda podemos sentir, esa é tarefa hoxe.

Neste 2017 cúmprense cen anos da publicación da inesquecíbel e sempre necesaria poesía de Da terra asoballada, poesía que lle fala directamente á memoria cultural que nos constrúe como pobo e esperta a nosa conciencia:

¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre, honrada chouza!

¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
A oliva nunha man, a fouce noutra,

berremos alto e forte:
"¡A nosa Terra é nosa!"
(Cabanillas, Da terra asoballada, 1917)

Berremos alto e forte: A nosa Terra é nosa!

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal